Dous meses despois de concluidas as obras o pintado aínda está incompleto
Ponteareas, 13 de decembro 2019
A concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, e o concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Roberto Mera, tacharon de despropósito e grave irresponsabilidade o pintado da Avenida de Castelao por parte da Xunta de Galicia.
Ambos edís lembraron que as obras de asfaltado concluiron hai uns dous meses e o pintado continua incompleto. “Faltan os cebreados en zonas de seguridade, cedas ao paso ou stops, frechas de xiro, etc”, sinalan e recordan que “ao rematar o asfaltado a Xunta dispuxo de bastantes días con bo tempo para facer o pintado. A pesares dos nosos requirimentos non o fixeron. Tras un mes de novembro de choivas, existía o compromiso de comezar o pintado o luns 2 de decembro ante a previsión de bo tempo, pero os traballos non comezaron até o festivo 6 de decembro, de tarde e noite”. Garrote e Mera acusan á Xunta “de deixar pasar unha semana enteira de bo tempo e vir no último momento para deixar o traballo de novo sen rematar”. Engaden que “en lugar de pintar nos primeiros días de bo tempo, fixérono de noite e con néboa e humidade no chan de maneira que o pintado é de mala calidade”.
Por último, os edís lamentaron que a Xunta se negue a facer o paso de peóns solicitado polo Concello a carón do coñecido como Parque de Mota e anunciaron que a súa realización será asumida polo goberno local “porque o primeiro é garantir a seguridade dos peóns”.
Para Garrote e Mera, o acontecido revela aínda máis a necesidade de que “a Xunta negocie un acordo para traspasar ao Concello a competencia sobre a Avenida de Castelao, entregándoa debidamente humanizada de maneira que no futuro a responsabilidade sobre o mantemento e xestión da rúa sexa municipal”.