O pleno de Mondariz-Balneario acorda reclamar á xunta a rehabilitacion integral da fonte de Troncoso, co voto en contra do PP local

Dado que xa teñen transcorridos dous anos sen que se teña producido o máis mínimo avance no que a execución das obras se refire, o grupo de municipal do BNG, que goberna en Mondariz-Balneario con maioría absoluta dende 2023, tras os innumerábeis e infrutuosos intentos de ser recibidos por Patrimonio Cultural da Xunta para actualizar a información e confirmar a vixencia do compromiso, decidiu levar a Pleno unha moción requiríndolle unha resposta inmediata.

A voceira do Partido Popular de Mondariz-Balneario, Marisa Domínguez votou en contra, no Pleno celebrado o pasado xoves 8 de maio, de reclamar á Xunta de Galicia que avance na execución da rehabilitación da Fonte de Troncoso, rehabilitación que en 2023, na última e única reunión concedida até hoxe pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ao grupo de goberno municipal, a directora xeral María del Carmen Martínez Ínsua confirmara estar en marcha dada a existencia dunha partida presupostaria tras as obras de consolidación do ben, e que consisitiría na restauración da cuberta, forxa, escalinatas e o espazo do corpo da fonte, que se preveía rematar no presente ano 2025. Como o compromiso da Xunta é parcial, o Concello está a estudiar a maneira de completar a restauración con fondos propios.

Para sopresa do grupo de goberno e da veciñanza asistente como público á sesión plenaria, a voceira do PP tras votar en contra da dita reclamación chegou a insinuar coas súas palabras que se a rehabilitación non se tiña levado a termo até esta altura é porque ela non está sentada na Alcaldía, o que deu pe a supoñer cal é o motivo do absoluto silencio e inmobilismo da Xunta de Galicia nesta cuestión.

Confirma o desinterese da voceira do PP pola restauración da Fonte de Troncoso e recuperación deste importantísimo e oficialmente recoñecido como ben patrimonial mineiro e industrial o feito de abandoar o Salón de Plenos negandose a escoitar un rogo da Plataforma Veciñal SOS Fonte de Troncoso, que tiña solicitado a palabra. Un manifesto veciñal acompañado de perto de catrocentas sinaturas instando á Xunta a cumprir co seu público e notorio compromiso de rehabilitar integralmente a Fonte de Troncoso.

Estes feitos e actitude, gravísimos por parte dunha representante pública, deslexitima claramente a voceita do PP como representante do seu electorado dado que a Fonte de Troncoso é o ben patrimonial e histórico máis importante de Mondariz-Balneario, sobre o que toda a veciñanza coincide no mesmo sentimento, o de identificación con ela, respeto e necesidade de unión con independencia das cores políticas, sendo preciso clamar todas as persoas xuntas pola dita rehabilitación. É unha auténtica mágoa que a oposición do PP na nosa Vila antepoña outros intereses espúrios e externos á lexítima, lícita e xusta reclamación de toda unha comunidade.