O festival do Millo Verde, o noso Millo no que tantas veces rimos, bailamos, cantamos e toleamos, faise maior de idade, pois este ano celebra a súa XVIII edición. O tempo pasa para todos , para os que un día foron mozos e hoxe xa non o son tanto, e tiveron a idea de desenvolver este marabilloso festival tamén. En calquera caso que o Millo se estea a converter nun clásico, que xa está a piques de ser un festival gozado por xeracións diferentes é un indicio máis que evidente de que a organización está a facer ben as cousas. E nós, desde as páxinas de ANP desexámoslle longa vida ao Millo Verde, un festival que este humilde cronista da vida de Redondela gozará ano si e ano tamén, mentres teña saúde para podelo seguir facendo.
Falamos con Lucía Ramonet, e Andrés Egreira.
“Se este ano non nos chove teremos unha moi boa sorpresa”
Esta non é unha edición calquera?
Aínda que é unha edición que faremos co mesmo cariño que as demais,esta é unha edición un pouco especial,si. É a nosa maioría de idade. Como sorpresa temos un vídeo resumo preparado para conmemorar esta maioría de idade.
Quen foi o que editou este vídeo conmemorativo?
Tomás, a persoa encargada todos os anos dos audiovisuais do festival.
En dezaoito anos poden mudar moitas cousas. Cantas persoas organizadoras están desde os inicios do festival?
Si desde logo que as cousas mudan moito. Dos que comezaron con esta aventura, só segue Manu, o propietario da Disco Tasca. Logo no seguinte ano veu Nico que aínda continúa.
Cando e onde se celebra?
Do xoves 5 de xuño ao sábado 7. O Xoves é gratuíto e a partir das 22:00h ,como todos os anos será na Área Recreativa da Praia de Cesantes. Para o venres o festival comeza a partir das 18:00h e o sábado, día grande, comeza con sesión vermú a partir das 12:00h. Este dous días xa hai que mercar entrada. Pode facerse a través da nosa web milloverde.org e pódese mercar abono para todo o festival ou entradas por días. As entradas individuais custan 17€ e o abono para os dous días 28€. Tamén haberá venda de entradas no propio festival, pero animamos á xente a mercalas antes para non quedar sen elas o propio día.
Como novidade este ano modificaremos os billetes. Para esta edición o festival modernizouse e pasaremos a ter pulseira de recarga para poder consumir tanto a comida como a bebida de maneira dixital. A artesanía seguirá a ser con euros.
E se non gastas todos os cartos que cargaches na pulseira, hai maneira de recuperalos?
Si, nos días posteriores ao festival poderás reclamalos e procederase a súa devolución. Tamén xa podes levar a recarga da pulseira feita anteriormente desde a nosa web.
Que programación hai?
Para o xoves a entrada é gratuíta e temos tres grupos: Os Do Campo, Mi Buenaventura e Feral Booty. Os Do Campo é un rapaz moi asiduo ao festival que se puxo en contacto con nós para poder formar parte del. Entre nós dáse unha simbiose moi agradable.
Para este día os grupos xa son máis alternativos con músicos de aquí e de fóra. O venres contamos con Morgane Ji, Helen Helen, De Stokers, Hugo Gueteza, Destrokanov e Sustanciados, este foi o grupo gañador do concurso de maquetas, parte do premio é participar no Millo, e serán os encargados de abrir o festival o día 6.
E para o sábado 7, día grande do festival, que nos tedes preparado?
O sábado temos actividades todo o día con sesión infantil, será o Mago Noel o encargado de animar aos máis pequechos pola mañá, e tamén recuperamos o ano pasado o “escalabirras” para todos os públicos e os talleres de Artelixo. Tamén se pode xantar no recinto, as actividades de día son gratuítas ata ás 17.00h e a velada estará amenizada pola batucada Trópico de Grelos. Despois pecharemos o recinto para poder seguir cos concertos nocturnos a partir das 18.00h. Deleitaranos grupos coma La Perra Blanco, Duckshell, Radix, Jason Kane And The Jive, Prieto Picado, Tangomango, Peitoescuro e Brigada Sound.
Como vai ser a organización deste ano?
Nesta edición contaremos con dous escenarios igual ca sempre. Está o escenario de día e o grande, para os concertos da noite que nesta ocasión rematarán para ás 4 da madrugada. Somos nós os encargados de todo e queremos estar ao 100 por cento todos os días, por iso decidimos rematar unha hora antes os concertos. Non contaremos con voluntariado e temos que facer nós todo o traballo. Si que contratamos persoal no servizo de barras, e queremos ter máis organizado o xeito de traballar e os horarios do festival.
Que previsión de afluencia tedes para esta edición?
Xa temos moitas entradas vendidas, o ano pasado enchemos o aforo ao 100 por cento e para este edición temos aforo para 2500 persoas diarias. Este foi o motivo de comezar a cobrar entradas, controlar o aforo e poder facer un festival de calidade e contamos con encher o recinto coma o ano pasado.
Non hai Millo Verde que non chova.
Xa contamos con iso e con que a xente acabe toda concentrada na carpa para cando pase, “se non hai choiva non hai Millo”, pero podía non chovernos un ano, podía ser este para o dezaoito aniversario do festival e se non chove temos unha moi boa sorpresa.
Grazas pola conversa, por este festival e que teñades moita xente.
Grazas a ti Marcos, e A Nova Peneira que sempre nos da espazo e nos fai unhas entrevistas marabillosas.
