Félix Rial, adestrador do CD Choco

Félix Rial, adestrador do CD Choco

Vigués de nacemento pero redondelán de sentimento, Félix estrea esta temporada o seu cargo de adestrador do Chocho, despois de moitos anos defendendo a camiseta do noso club como un dos seus xogadores estandarte. Malia que non pode evitar certa nostalxia do campo, e certa sensación de estrañeza ao dirixir a quen ata onte foron compañeiros seus no terreo de xogo, afronta esta etapa na súa vida con enorme ilusión de facer ben as cousas para poder situar o antes posible ao Choco novamente en terceira división. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

Todo o corpo técnico, xogadores , directiva e afección temos unha ilusión enorme en facer unha temporada marabillosa”

Ves de rematar a túa vida como futbolista en activo. Fagamos un breve repaso pola túa traxectoria nos terreos de xogo?

Eu estiven moito tempo no Areosa, logo dous anos no Gran Peña e, tras unha pequena paréntese no Alondras, pasei ao Celta B. Tras rematar en Vigo estiven un tempo en Alacante con Rubén Alves e finalmente acabei nesta casa, que é a miña casa, xogando nove anos marabillosos no Choco, cun ano final de novo no Alondras.

Pois evidentemente non se che pode acusar de falta de coñecemento do fútbol galego

Ha, ha ha ha. Non, a verdade é que tiven unha experiencia moi ampla da que estou moi orgulloso e satisfeito pois o fútbol é unha paixón para min.

A estabilidade acadáchela no Choco?

Si. Aquí pasei a etapa máis estable de toda a miña carreira. Non sei exactamente que é o que ten o Choco pero a min fíxome sentir como en casa desde o primeiro día.

Despois de tantos anos pondo a camiseta co número 10 como te sentes cando chega a fin?

É fodido. É un cambio radical que custa asimilalo. No meu caso se cadra o cambio non foi tan traumático porque foi todo moi rápido.

É compatible ser xogador e adestrador?

Baixo o meu punto de vista en sénior non. Eu son unha persoa que me tomo o meu traballo moi en serio e adestrar en preferente esixe dedicarlle moito tempo e esforzo á preparación dos partidos e dos xogadores e, ao meu xuízo, non se podería compatibilizar con ser tamén xogador.

Como xurdiu a idea de pasares de xogador a adestrador?

Xurdiu de súpeto. É a miña primeira experiencia como adestrador dun equipo sénior, aínda que xa levaba tempo adestrando nas categorías inferiores do Areosa. Creo que a grande relación que teño coa actual directiva influíu decisivamente en que fora todo tan rápido.

Como ves as cousas este ano no que atinxe ao club?

Eu creo que se está a traballar moi ben. Estase construíndo desde a base, e , non sei se será esta ano, pero estou seguro de que en breve volveremos ter opcións de camiñar de novo pola terceira división.

Como estás artellando o equipo esta temporada?

Tratamos de mesturar a xogadores veteranos, cuxa experiencia seguro que nos axuda moito, con xente nova con fame de comerse o mundo. Os xuvenís fixérono moi ben o ano pasado e quixen renovar á maior cantidades posible deles. Entendo que esa é a combinación adecuada para que saian ben as cousas, e agardo que consigamos os resultados necesarios para podermos ilusionar á nosa afección.

A canteira é importante para ti?

Moi importante, si.

Algún dos xogadores que vas adestrar foron compañeiros teus moitos anos. Como o levas?

Inicialmente é unha situación moi estraña. Pero estoulles enormemente agradecido porque eles mo están a poñer moi doado. Saben diferenciar perfectamente a amizade, que poidamos ter, do traballo, e o respecto cara a miña persoa é absoluto.

Tes morriña do campo?

Si, si que a teño. Non nego,Marcos, que me segue apetecendo pór as botas e saltar ao terreo de xogo.

Véxote moi ilusionado?

Tanto eu como todo o meu corpo técnico temos toneladas de ilusión. Por outra parte a compenetración co meu corpo técnico é absoluta. De feito levamos pouco tempo adestrando e todo flúe rápido e ben.

E os xogadores?

O que me transmiten é unha enorme ilusión.

A afección?

Xa tiven unha xuntanza con Hugo, unha persoa moi importante na cuadrilla dos “chokoslovakos” e o que me transmitiu foi que están na liña xeral de ilusión que se ve no conxunto do club.

O primeiro amistoso resolvéstelo moi ben. Valoración?

O resultado ( 4-0) é o de menos, pois o rival era de categoría inferior. Pero as sensacións foron moi positivas. Creo que estamos no camiño correcto. A pre temporada é para repartir minutos, meter quilómetros nas pernas e buscar as sensacións que nos permitan iniciar a tope a competición.

Este ano pódese ascender?

Oxalá. Pero imos ir paso a paso. O primeiro é chegar á xornada 1 contra o Portonovo nas mellores posibles condicións e gañar.

Rematamos:O de organizar as ceas acabouse?

Ha, ha, ha, ha…Si, creo que se acabou. Semella que iso non é o meu, e vou deixar que sexan outros os que asuman a responsabilidade.

Primer comentario

Deixa a túa opinión