Hai días atrás celebrouse en Lugo un acto de merecida homenaxe dedicada a un profesor de moitas xeracións. Anque despois de ver os marabillosos textos que escribiron e publicaron sobre del, en diversos medios de comunicación, algunhas persoas de boa pluma e do necesario sentido do rigor, aludindo ás condicións e calidades da persoa que lembrada, non contaba ter que expresarme e foi Carme Rodeja que insistiu para que dese comezo a unha rolda máis de escritos aos que por certo toda a xente quedaba invitada, para entregarllas despois a D. Xesús como recordo na súa homenaxe.
Non hai moito estiven con el celebrando a memoria do común amigo Ferreiro, en Pontecesures. Eramos unhas amizades del que, cos amigos de Mondoñedo e con Katia, a filla de Luís, xuntamos na amizade. Estivemos falando de mil cousas. Falamos tamén da música, de cegas e cegos cantores, fistores, xente que se nos foi perdida en nostalxias, LorenzoVarela, Zapico, Gonzalo Bouza Brei e Teo, Camilo Diós, A Chelo, Isaac Díaz Pardo, Neira e Anisia, Abella, Enriqueta Otero, Florencio de Calo e tantas e tantos que quixemos e lembramos percorrendo memorias, anque sabendo que sempre quedará o ronsel e tamén alguén sen nomear porqueson moita xente coa que tecemos vínculo de amizade e aínda nos convocan no recordo feliz xunto a Quico, Xosé Lois, Avelino Muleiro, Abades, Nica, Xesús R. Abuín e tanta xente cos que debuxar un perfilde sorrisos.
Despois en Lugo, cantei con Pilocha e con Miro Casabella para celebrar a súa constante loita, mais hoxe véñenseme á cabeza os tempos do Instituto e Maxisterio, recendos de memoria e onde Alonso Montero foi omeu profesor, aquel alucinado que nos amosou algo do que quedaba fórados libros. Tiña un don especial para implicarnos nos seus horizontes lonxincuos, tiña a sensibilidade precisa e a capacidade dos grandes para non deixarnos neutros ou pasivos. Falounos do que non coñeciamos, estaba prohibido, tiña que ser todo o que matematicamente poñían ou silenciaban os libros. Fuxía de certas omisións importantes e falounos de Rosalía, de Curros, de Pondal, da cultura tradicional, dos contos e adiviñas, dun mundo preto de nós. En todos os autores que citaba arrastraba o erre, un erre vibrante e incisivo como nacido no fondo da gorxa, para imprimir unha maior vehemencia, unha destacada forma singular da súa palabra. Estaba no medio doutra xente moi especial, chóvenme no acordo D. Delio Mendaña co seu puro facendo nubes de fume,D. Glicerio Albarrán, a Nacha -a quen viña buscar o seu marido Ricardo Carvalho Calero, a Torviso, a Pegaso, a Teijeiro, Fouz a quen chamabamos cruelmente Cabezolo, D. Froilán, o seu sobriño Pepito el Rápido, D.Pedro López Rubín, D. Segundo, a Pimentel esposa de D. Xesús e naidos seus tres fillos que tamén foi profesora miña. E polo medio Mariñas, o bedel, tocando a campá nos corredores de arriba e de abaixo, pois daquelas nin timbre había!
En Maxisterio o conto foi distinto, xa tiñamos algo de cabeza, non moita, e dabámonos conta da necesidade de acadar argumentos para o labor que de nós se agardaba. Frouxa preparación e pouco tempo para oque logo sería unha docencia en arquitecturas case imposibles das que ninguén nos falara nin advertira, presentidos si de Alonso Montero que era profesor de Lingua e Literatura, ademais de grande orador e desabernos seducir por entre soños, cando petaba nas nosas durmidas conciencias e espertaba aquelas palabras de compromiso e verdade ignorada. Ai, a Nosa Lingua tan maltratada! E sería fundamento de moitos de nós, sen abondar en insistencias. D. Xesús chegaba a facernos unha aproximación e despois nós, interiorizar as furtivas leccións que asegundaban a súa mensaxe. Nin sequera cumpría mirar ao lonxe. Había que mirar ao redor, no Noso, e ademais motivábanos na compracencia de restarlle azos ao auto-odio, tan instalado e que tanto dano causaba en todos. Motivábanos para que a aprendizaxe fose máis doada e a partir de alí observar e ler, comprobar e auto-convencerse de que “o noso” era tan bo e mellor que todo aquilo que viña de fóra. Non era acumular informacións ou buscalas, había que facer algo con elas e desde logo era necesario asumilas para darnos conta de que a Nosa Lingua e a Nosa Cultura tiñan o alivio e o con solo “clandestino”naquela época gris e de tanta soidade.
Quince anos botou en Lugo e deixou pegada fonda en toda a xente que o coñecemos, tivemos a sorte de estar nas súas clases e mirar moito máis alá novos horizontes. No aquén estaba o conforto e os necesarios aloumiños do que é Noso en posesión, é esa fiestra útil para ver oMundo que nos habita e sinala onde atopar luz. Despois de todo aquilo, atópoo aínda en pé de parábola e dignidade, en actos da Memoria, en actos do Piloto en Chantada, de Gayoso e Seoane na Coruña, de Isaac Díaz Pardo en Compostela, en Gres e mil novos lugares. Cos seus noventa e cinco anos segue a darnos esa lección maxistral do argumento en paradigma, esa prudente lección da vida que nunca se acaba mentres nos saibamos uns nos outros. D. Xesús, sempre agradecido.