Marco e Sonia: A vida segue igual

Marco e Sonia: A vida segue igual

Un ano e dous meses despois de que este matrimonio de Arbo comezase a sufrir o constante pesadelo de ver como todos os días, si, todos e cada un dos días, tivesen unha entrada permanente de auga na súa casa, a causa dunhas obras nunha rúa próxima realizadas pola administración , aínda non se pode dicir que o problema estea solucionado. Seguen coas paredes molladas e, malia que polo chan nestes momentos a auga non entra , non podemos esquecer que estamos no verán e agora non chove. Eles están intranquilos e á expectativa de ver o que vai acontecer cando cheguen as choivas do vindeiro inverno. Por outra parte, 14 meses despois aínda non cobraron un só € de indemnización polo inmenso prexuízo que sufriron, que incluíu gastos de reparación e pintura alén de ter que tirar todos os mobles que tiñan na parte de abaixo do seu domicilio, estragados por mor do efecto da auga. Nós conversamos con Marco

Marco Antonio Fernández, veciño de Arbo afectado.

Estamos intranquilos, e á expectativa do que vaia acontecer cando chegue o inverno”

Fagamos un pouco de memoria: Cando e como comezou o problema?

Comezou no mes de Xuño do ano pasado. Levamos un ano e dous meses sufrindo día tras día este problema. Todo comezou cando fan unhas obras na rúa e, presuntamente, desvían un manancial cara a nosa vivenda. E nese momento comezou a asolagarse a parte de abaixo da nosa casa.

Desde ese momento a entrada de auga foi permanente?

Permanente e continua, si.

Que pasos destes para tratar de arranxar o problema?

Todos os humanamente posibles. Máis dos humanamente posibles , creo eu. Petamos en todas as portas, chamamos en todos os sitios, tratamos de ir polas boas e foi absolutamente desesperante porque todo eran boas palabras pero ninguén facía nada, nada de nada. Finalmente non nos quedou máis remedio que acudir á vía xudicial . Ti cres que se pode vivir estando máis dun ano coa túa casa asolagada, día si e día tamén?..Quen soportaría que cada día, cada hora, cada minuto estivera entrando auga de maneira permanente no lugar que vive?..E mentres tanto as administracións non fixeron nada por arranxar un problema que sufrimos nós, sen ter a máis mínima responsabilidade.

Xa fixeron dúas drenaxes para tratar de amañar, verdade?

Si, a primeira non serviu de nada.

E a segunda?

Estamos á expectativa. No momento actual non entra auga polo chan, pero as paredes seguen a estar molladas. Tamén é certo que estamos no verán e agora non chove. Un enxeñeiro privado, que pagamos nós do noso peto, dinos que probablemente tampouco funcione, e que cando volvan as choivas volverá a entrar auga. As persoas da Xunta que fixeron esta última operación dinnos o contrario: que si vai funcionar.

A entrada continua de auga que consecuencias vos trouxo para vosa vida diaria?

As consecuencias foron nefastas. A nosa vida diaria veuse seriamente afectada. A parte de abaixo da nosa vivenda era o lugar de encontro familiar e no que faciamos as xuntanzas coas persoas que queremos. Moitas das festas máis importantes para nós foron literalmente ao lixo.

Por outra parte tamén incidiu negativamente na nosa saúde. É absolutamente imposible soportar iso sen ver prexudicada a túa estabilidade emocional.

E por último tamén padecemos un grave prexuízo patrimonial, pois todos os mobles que tiñamos alí estragáronse e tivemos que tiralos.

Que tal o Concello?

Na súa liña. Nós estivemos de viaxe e ao volvermos a miña muller foi falar co alcalde e díxolle que iso non eran problemas del. Cando nós sabemos que a obra foi feita pola Xunta nun 70% e o Concello é o responsable do outro 30%, e evidentemente nós somos veciños deste concello que padecemos un grave problema que nós non provocamos.

Vós cobrastes algunha indemnización polos prexuízos que sufristes?

Nada, non cobramos nada, absolutamente nada. E xa tivemos que afrontar dos nosos cartos diversos gastos derivados do problema que sufrimos. Todo o que pintamos e todo o que estamos amañando estamos sufragándoo nós.

Por que non cobrastes, máis dun ano despois?, estou asombrado

Non cobramos nada porque non chegamos a un acordo. O que nos ofrecen é absolutamente insuficiente.

Como están os ánimos?

Á expectativa. A ver qua pasa este inverno.