I Aniversario do novo local da Escola Leam de artes marciais de Ponteareas

I Aniversario do novo local da Escola Leam de artes marciais de Ponteareas

En Ponteareas, na rúa Trovador Xoán García de Guillade número 50( 665858420) está o club Leam de artes marciais. Esta é unha escola deportiva que ten 3 anos de vida, os dous anteriores nun local diferente, e este último no emprazamento actual. Está dirixida por Jose Loren un mestre que leva toda a vida neste mundo e que desenvolve o seu traballo cunha enerxía e paixón tan elevada que despois de falar con el contaxia as gañas de pórse o kimono e subirse ao tatami

Ti levas toda a vida nisto Jose, cando descubriches que as artes marciais eran a túa vocación?

Cando baixei a primeira vez as escaleiras do meu primeiro ximnasio souben que xa nunca máis podería volver a subilas

As artes marciais son caras?

Non, son bastante máis baratas que moitos outros deportes

Cóntanos a historia deste local e o voso club?

A nosa relación nace nunhas circunstancias terriblemente difíciles no medio desta pandemia que cambio a vida a toda a humanidade. Antes tiñamos un pequeno local moi cerca de aquí, pero este local é bastante máis grande o que nos permite ofrecer un abano máis importante de servizos e a levar moito mellor a realización dos protocolos sanitarios, en forma de distancias de seguridade, que esixe o contexto pandémico no que estamos

Estamos de aniversario verdade?

Si, o local inaugurámolo en setembro do ano pasado

Cales son os principais servizos que ofrece o club?

A escola ten unha gama moi importante de actividades especialmente o referente ás artes marciais, taekwondo e defensa persoal, pero tamén ensinamos: boxeo, acrobacias, baile moderno, ioga ,terapias naturais….

Cantas persoas traballades aquí?

Entre 3 e 4. Todos monitores cunha ampla experiencia e toneladas de ilusión por compartir os nosos coñecementos cos mozos e mozas que queiran aprender

E alumnos e alumnas?

O verán é unha época baixa para os ximnasios, agora andaremos entre 50 e 60 .O normal é que a medida que avance setembro volvan algúns que se foron de vacacións e esteamos entorno aos 90.Eu sempre aconsello aos pais e ás nais que procuren , na medida do posible, darlle continuidade á actividade deportiva dos seus fillos e fillas pois cando se para catro meses, como sucede en moitos casos, costa un montón reenganchar

Que é para ti unha arte marcial?

Alén dun marabilloso deporte, que produce indiscutibles beneficios físicos na nosa saúde, é unha filosofía vital integral que axuda a formar ás persoas para os retos e dificultades da vida diaria.

Ensínannos a aceptar a derrota, a celebrar a vitoria respectando ao rival, a complicidade cos compañeiros

E a complicidade co rival tamén?

Absolutamente si. Son innumerables os casos que teño de visto de durísimos combates nos que se xogan títulos moi relevantes e ao remataren os que eran rivais deportivos pasan a ser amigos que van tomar algo compartindo risas e camaradería

A que anos recomendas comezar coa aprendizaxe das artes marciais?

Aos 3 anos

Ata que idade se pode practicar?

Ata que o corpo aguante. Eu teño alumnos que pasan ben dos cincuenta anos e son estupendos deportistas. O máis bonito da arte marcial é que cando remata a etapa de competidor pode chegar unha época moi atractiva na que un perfeccione a súa técnica de maneira continua. E nas artes marciais sempre, pero sempre se pode seguir aprendendo

As artes marciais son esencialmente masculinas?

Non, de ningunha maneira. Case se pode dicir que hai tantas practicantes mulleres como homes. Se cadra no asunto da paridade aínda nos queda que haxa máis preparadoras mulleres

Son máis competitivas as mulleres os homes ou dá igual?

O xénero non é relevante. Hai competidoras excelentes mulleres e tamén os hai homes

Unha das medallas olímpicas españolas é unha taekwondista de 17 anos. É normal chegar á elite tan nova?

Esa rapaza naceu para as artes marciais

Un deportista de elite nas artes marciais pode facerse?, ou ten que nacer cunha serie de calidades innatas?

Pode facerse, aínda que se ten unhas características xa innatas é máis fácil

O teu club tivo uns importantes éxitos deportivos recentemente. Cóntanolos?

Conseguimos unha medalla de bronce e unha de prata no campionato galego en técnica, en individual a primeira e en tríos a segunda. Foi no campionato que se celebrou este mesmo ano. E para nós que somos un club con tan pouco tempo de vida foi un éxito rotundo. Se contamos o ano deste local e os dous que estivemos no anterior pois só levamos 3 anos de vida. Entendo que o éxito é indiscutible. Por outra parte, o ano anterior na copa DEP clasificamos ao 82% dos rapaces e rapazas que presentamos e despois fomos á copa federación na que quitamos 5 ouros, 3 pratas e 7 bronces quedando clasificados en segunda posición dos clubs galegos

Tes algún alumno ou alumna que vexas con capacidade para chegar ao máximo nivel?

Todos e todas poden facelo. Van chegar ata onde eles queiran chegar, pero eles teñen que crer en si mesmos

Os éxitos deportivos que acadastes foron recoñecidos adecuadamente polo concello de Ponteareas?

Non, lamentablemente, non. Pepe Represas deixounos e teño a certeza de que el actuaría doutro modo. Pero a actual alcaldesa malia térmolo solicitado por vías diferentes non nos fixo nin caso aínda. E non creas que me molesta por min que xa teño uns aniños e non preciso ningún tipo de recoñecemento. Pero aquí hai nenos e nenas que van representar a Ponteareas por España adiante e que a alcaldesa non se digne a atendelos un momentiño paréceme asombroso.

Que é o que esperas do futuro?

Rematar a miña vida laboral aquí, ver crecer aos meus alumnos rir con eles cando eles rían, chorar con eles cando eles choren e ver como a práctica deportiva contribúe a súa construción como seres humanos libres e dignos.

PS. Reportaxe dedicada a Jose Moliner, home bo e xeneroso que honra á Nova Peneira coa súa compañía

Primer comentario

Deixa a túa opinión