Reclaman a fin do comercio de armas con Israel

Palestina Vigo

Ecoloxistas en Acción Rías Baixas e BDS Vigo despregan na porta do Sol de Vigo unha gran pancarta para esixir a fin do xenocidio en Palestina e o boicot ás empresas que colaboran con Israel.


Esta última acción, levada a cado este domingo, enmárcase nunha nova xornada de mobilización estatal na que máis de 100 localidades do Estado convocadas pola RESCOP ( Rede Solidaria contra a Ocupación de Palestina) saíron ás rúas para esixir o fin do comercio de armas con Israel e a ruptura total de relacións cun Estado que está a perpretrar un xenocidio sobre a poboación palestina de Gaza.

En Vigo, a manifestación discorreu entre Vía Norte e a Porta do Sol, onde ao seu remate se despegou unha pancarta xigante asinada por Ecoloxistas en Acción en BDS Vigo co lema “Todxs somos Palestina”.

“Denunciamos a complicidade do Goberno do Estado español, que autorizou a exportación de armas españolas por valor de cerca de 1 millóns de euros mentres se cometían masacres contra escolas, hospitais, universidades e vivendas”, alerta Xaquín Pastoriza, coordinador de Ecoloxistas en Acción Vigo, ante as noticias de que munición fabricada no Estado español está sendo utilizada por Israel “para cometer xenocidio, crimes de guerra e asasinar a nenos con total
impunidade”.

Sinalan que xa é o momento de que o Estado español actúe, se sume á demanda sudafricana e impoña sancións a Israel para forzar ao seu goberno a cumprir a lei. E que a cidadanía viguesa tamén reclama unha maior implicación do Concello no apoio á causa do pobo palestino, máis alá de declaracións desde unha equidistancia cómplice.

Na manifestación que percorreu as rúas de Vigo, os seus participantes esixiron ás institucións impulsar a campaña de Boicot, Desinvestimentos e Sancións (BDS), que busca rexeitar a normalización das políticas de apartheid israelís e exercer presión para facer insostible un réxime de ocupación ilegal, colonialismo e apartheid.