Un ano máis milleiros de traballadores e traballadoras de Vigo e bisbarra ateigaron as rúas da nosa cidade nunha xornada que, alén do innegable carácter lúdico, non debe de perder nunca a súa natureza reivindicativa.
Reivindicar os dereitos da clase traballadora, a igualdade entre mulleres e homes, a solidariedade cos pobos asoballados do mundo e a protesta ante calquera abuso e inxustiza é sempre necesario. Pero neste contexto no que o fascismo avanza a pasos axigantados en todo o planeta é absolutamente imprescindible.
Os dereitos sociais e laborais que tanto traballo custaron acadar ás xeracións que estiveron antes ca nós, o ben común polo que moitos e moitas sindicalistas sufriron cárcere, torturas e incluso morte están en serio perigo por mor da ofensiva reaccionaria das oligarquías económicas que non dubidan, exactamente igual que noutras etapas históricas, en utilizar a matóns fascistas para amedrentar a aquelas persoas que erguen a súa voz en defensa dos que non teñen voz.
Desde A Nova Peneira amosamos o noso respecto máis escrupuloso e o noso compromiso de nunca deixar de darlles voz a todas as persoas que participaron en calquera das 3 manifestacións que se desenvolveron na nosa cidade: CUT-CGT, CIG, CCOO-UGT.
Contra o fascismo loita obreira e acción sindical.
Viva o 1º de Maio.
A continuación ofrecémoslle unha extensa reportaxe fotográfica das distintas manifestacións
Manifestación CUT-CGT











Manifestación de CCOO-UGT

Imaxes de Jose M.Montenegro. Moi agradecidos pola súa colaboración.









Manifestación da CIG















