
Un ano máis, un ano menos para a nosa urxente recuperación. Si, porque gobernan contra nós. Non saben e non queren saber, non oen nin escoitan. Son xordos de non querer oír. As leis e decretos que fixeron, recortan e non favorecen, antes ben prexudican a nosa recuperación nos eidos de moitas cousas, de moitas ansias, pero tamén da Lingua. Esa que queremos celebrar en propiedade e non acaba de lucir debidamente. Son tempos convulsos, sen lugar a dúbidas, tempos de dorido transo nos que nos vemos, sen necesidade de espello, na necesidade de non recoñecernos. Faltos do valor para recuperarnos, faltos dese rigor, dese cabreo para dicir en alto a verdade e contestar a tanta infamia. Si, faltos de revirarnos dunha vez en nós, no que realmente somos. Neste ser, neste fala e sentimento, neste entendemento veraz de recoñecernos. Son tempos faltos daquilo que sabemos ausente, daquela intelixencia emocional que nos fai humanos e nos fai, ao mesmo tempo, capaces de avanzar e de comer o mundo a bocados de sorrisos e tenruras, de afirmación e paso firme, da decisión precisa para conquistar futuro. De sobre pasar as palabras e ver aconteceres e feitos. Fáltanos ese sabernos integrados coa nosa bagaxe, ese sentirnos involucrados na nosa propia recuperación, a do noso ser. Vernos integrados no sentir do noso. Vernos nesa posesión que nos fará protagonistas e corresponsables das decisións para conseguir o noso patrimonio e en matrimonio con el, acadar o ben común que nos pertence.
Con este panorama tan negro, no arredor da Nosa Cultura, moitos optan por non saberse coñecedores, alancan a paso decidido finxindo ser outros, moi de lonxe os moi sabidos. Prefiren ese certo anonimato. Outros sumámonos a un activismo torpe que non sabemos moi ben cara a onde vai e non que non se ven decididos froitos e esperanzados. Sabemos, aínda así moitos o practican, que de nada vale o ambivalismo, a neutralidade, esas equidistancias que noutrora foron capaces de agacharnos e quizais protexer aos executores. Si, non é saber distinguir vítimas e verdugos, senón neste caso executores e executados. Pero esas trampas non valen xa e quedan en dialécticas. Pasaron moitos anos de leis que non protexeron nin dinamizaron. Leis que agora conculcan dereitos e non presentan porvir do Noso. Son esas “falsas distancias”, impericias de definición que practican covardes ou aquela xente que non queren mollarse na causa. Causa do amor, por certo. De amor propio e de amor por extensión. Prácticas nas que pretenden xustificar a súa actitude de aversión, de rancor, de beneficio de certos votos de amargura, eses da rigorosa estupidez.
Sendo así, están deshumanizados e nese simulacro estúpido do aparente como se lles ve a grandes empresarios e a tantos políticos de aquí e de máis alá, practican todos xuntos este mesmo desaguisado das proporcións e tantos por cento, das porcentaxes do que non ten partes nin se pode dividir. Novamente no absurdo de poñer límites ao que nos pertence. A Nosa Lingua é nosa e non deles, por moito que gañaran votos, a Nosa Lingua non está en xogo nin é negociable. A nosa dignidade radica primeiramente nela e polo tanto, non se somete a discusión algunha, nin sequera a xuízo sumarísimo de tantos séculos de barbarie. Moito menos a uns votos dunha sociedade crédula de promesas baleiras, como os anos indican. A Historia terá unha certeira lectura no pouso dos anos e faralles pagar o seu rancor, esa teima de chamarnos intrusos por reclamar o que é noso. Ninguén cre a súa falsidade, esa da “imposición do galego” en Galiza. Xa no eco das palabras óese o bafo da mentira e da covardía.
A memoria dará nomes, versos e palabras, imaxes, cantigas que denuncien a aquela xente do rancor. O idioma, este no que me comunico, sempre será Noso e en propiedade. Saberase quen son aquela xente que negan xustiza, que faltan á verdade, que someten e caen nesta estupidez, quen son aquela xente que nega o noso dereito. Saberase quen son e quen furtan e invaden, os que levan séculos e anos e aínda queren impoñer o seu capricho. Ese capricho que nos ten abafantes e desexosos de que un día a luz poña abertos horizontes diante dos ollos. Esa luz que será quen os delate e aparte dunha vez deste deserto que nos consume en sedes de ser quen somos e dirixir os nosos actos despois de tantos séculos de castigo, de “doma e castración” que dicía Zurita, o historiador, sobre do abuso e a mentira, a incapacidade de gobernos que veñen contra nós e nunca a favor. Aínda que saian na foto cun enorme sorriso e aparentando protexer o que nunca fixeron. Hoxe ese enorme erro ten nomes propios que no seu día serán cantados como amarga melodía dun tempo de abusadoras e executores, verdugos, xente sen escrúpulos que decide o beneficio propio a custo do que é de todos.
Eu celebrarei a data como todos os días do ano e festexando que tanta torpeza non poida acadar os seus fins perversos. Viva a Nosa Lingua, sempre viva. E viva a Galiza que se festexa no propio!.