As Silveiras

Non é a primeira vez que o líder supremo da Igrexa Católica visita España. Á parte do desacougo pola constatación do meapilismo de tantos conxéneres e do gasto público que o evento suporá (dispositivos de seguridade e de ordenación viaria, emerxencias etc…), aínda que semella que desta vez vai ser sufragado de xeito privado (por 500.000 euros poderemos darlle a man e ter unha reunión co santo señor), á parte deses detalles, nesta ocasión a visita comporta un feito gravísimo para a ordenación democrática: que o líder relixioso vai intervir no Congreso dos Deputados.

Seica o vai facer, para que non se alporicen os laicistas, non como líder relixioso senón como xefe de Estado. De acordo, consideremos a Santa Sé como Estado. O Papa sería, logo, o xefe dun estado teocrático que non respecta os máis básicos principios da democracia, onde non existe separación de poderes, pois o lexislativo, executivo e xudicial concéntranse na súa santa figura. Un Estado onde, por se non abondara o despropósito, as mulleres non poden acceder a ningún cargo orgánico, nin tan sequera un simple sacerdocio.

Un Estado que, a pesar do seu status de observador permanente da ONU, non asinou a maior parte dos seus tratados fundamentais sobre Dereitos Humanos, principalmente polas súas discrepancias doutrinais ao respecto dos dereitos das mulleres (aborto, anticoncepción, entre outros…), e dos menores (a non ser bautizados, a presentar queixas directamente ante o Comité de Dereitos do Neno/a da ONU), feito, este último que dificulta o esclarecemento dos casos de pederastia no interior da Igrexa. Grave.

Un Estado que tampouco asinou os convenios da Haia sobre a protección da infancia, os da Organización Internacional do Traballo (OIT) nin o Convenio Europeo de Dereitos Humanos, o que lle permite evitar o Tribunal de Estrasburgo.

O 8 de xuño, a sede superior da nosa (mellorable, seguro) democracia, dará a palabra a ese Estado absolutista monárquico e teocrático para que imparta a súa doutrina. Non se pode entender senón como unha grave afronta aos valores da igualdade e dereitos humanos que tal estrado representa.

A confusión entre relixión e institucionalidade política é perversamente intencionada, porque, como líder relixioso, León XIV lidera a mesma Igrexa que respaldou o fascismo español dende 1936. Igrexa que, alén disto, segue sen responder por todos os seus crimes —non tan distantes— e pola imposición da súa malvada moral represora e machista que aínda contamina o noso presente institucional.

Que veña, si, que veña! Pero para escoitar que os Acordos co Vaticano quedan derrogados, pois supeditan a soberanía do Estado español aos seus intereses e perpetúan desaforados privilexios incompatibles coa igualdade e a liberdade de conciencia; que veña, si, pero para escoitar que non volveremos financiar as súas actividades proselitistas (13.000 millóns anuais), que os políticos españois non participarán oficialmente en actos relixiosos, que a Igrexa deberá devolver os máis de 100.000 inmobles usurpados fraudulentamente e que Felipe VI non se inclinará devotamente ante a súa presenza, humillándonos a todas.

Agardamos que as nosas institucións actúen coa dignidade que merece a representación da cidadanía e non permitan tal atropelo aos valores democráticos. Esiximos a cancelación da intervención de León IX en sede parlamentaria ou, no seu defecto, o boicot dos membros do Congreso. En definitiva, é inadmisible render honores a un réxime que vulnera os dereitos humanos, despreza as mulleres e aldraxa a democracia.

Este artigo é un resumo dun publicado noutro medio.

(Baseado en J.A. Aguilera Mochón, diario Público 17/03/2026)