Nesta terceira xeira da nosa viaxe polo rock galego, paramos a coñecer a “Marlom”.El é un rapaz de Redondela de tan só 21 anos de idade que alén de tocar el só, cando sinte a necesidade de dar saída ao seu mundo interior, forma pare de numerosos grupos de éxito. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
Martín López ( Marlom)
“ Faime unha enorme ilusión acompañar a “ El drogas” na festa da Coca”
Por que o alcume?
É un xogo de palabras co acrónimo do meu nome, que case coincide co nome dun actor famoso “ Marlon Brandon”…De feito para facer a brincadeira eu chámome “ Marlom Randon”.
Ti, malia ser novo, xa levas moito tempo no mundo da música?
Pois si, levo máis de media vida. Lembro cando debutamos facendo de teloneiros dun grupo importante, nunha das festas grandes de Redondela, que o público para pedir un bis dicía ” Que volvan os nenos, que volvan os nenos…”
Pódese vivir da música?
A min encantaríame pero é realmente difícil. Agora mesmo estou estudando psicoloxía e cando remate a carreira veremos cara a onde enfoco a miña vida.
Ben, para ser músico hai que ser un tanto psicólogo tamén
Ha, ha, ha…Son dous campos entre os que hai certa conexión, si. A música ten un impacto directo nas emocións humanas e a psicoloxía trata de entender o funcionamento da mente. En calquera caso triunfar no mundo da música, por desgraza, ten máis que ver co negocio que coas emocións.
Ti tocas en varios grupos. Por que motivo naceu o “Marlom” individuo?
Ben, malia que a min encántame tocar en grupos e sintetizar as cualidades e gustos de cada compañeiro, tamén sinto ás veces a necesidade de expresar a miña música persoal, o que só vexo eu e o que só sinto eu.
Como é a música de “ Marlom”?
É unha música intimista. Son eu cantando e tocando a guitarra e expresando a través da música o meu mundo interior e a miña relación coa realidade.
“Marlom” non é nada pechado xorde cando teño necesidade de expresarme.
Ata que punto a conciencia solidaria é importante para ti?
É moi importante. A solidariedade coas persoas e pobos oprimidos do mundo é unha das mostras máis importantes da decencia humana. Cando me chaman para tocar nalgún evento que considero xusto, eu se podo asisto sempre.
Falemos agora do plano colectivo:Ti estás en varios grupos:
“ Ásperos”, “In albis” “Picota FM” “Eleven”…Pero sempre che recordo tocando con Omar
Pois si, é o meu primo pero para min é case como se fose un irmán…El é unha persoa que estivo comigo na música desde sempre.
Con Omar os temas gañan moito e cobran sentido tocando con el. Estamos facendo bastantes cousas xuntos e a nosa idea sería poder gravar nalgún momento algunha maqueta e sacar cancións propias que facemos nós.
No grupo “Os Ásperos” tocas co teu pai. Bótache moitas escorrentadas?
Ha, ha , ha, ha….Non, normalmente son eu o que lle boto escorrentadas a el. Nese grupo tamén está Omar. É un grupo practicamente familiar
A influencia dos Suaves nese grupo parece evidente?
É máis que evidente si. Os Suaves é un dos grupos da miña vida. A súa xira de despedida a verdade que nos deixou un tanto orfos a todos os que amamos a súa música. E entón decidimos facer algo nós para homenaxealos e ter a súa música sempre presente.
E quen fai de “Yosi”
Pois o noso amigo Chiri, desde logo. Non hai mellor “ Yosi “ en Redondela que o Chiri.
Xa tocastes todas as cancións dos Suaves?
A maioría… Unha das que non é “ Dolores”…Témoslle un pouco de noxo a esa canción, pero temos algún concerto fóra de Galicia e probablemente non nos quede outra que tocala.
Gústalle ao público un grupo que trata de manter viva a música de Os Suaves?
Moito, ten bastante aceptación e afortunadamente nos chaman de moitos sitios incluso de fóra de Redondela. O 5 de Xuño nas festas da Coca temos unha actuación que nos fai moita ilusión na que estaremos acompañando a “ El drogas” ao mítico cantante de Barricada. En agosto tamén estaremos en Extremadura nun sitio no que vivimos moitos anos cando eu era neno e que me produce especial satisfacción.
Rematamos: Cal é o teu estilo preferido?
Rock, metal…Calquera. Mentres sexa música e me guste a min parecerame estupendo. A música serve para calquera momento vital e para calquera estado de ánimo