As Choqueiras de Redondela consolídanse no balonmán local

Hai seis anos un pequeno grupo de persoas do universo do balonmán redondelán, que xa estiveran na SAR e no Chapela, consideraron necesaria a creación dun terceiro equipo de balonmán no noso Concello. Así naceron as Choqueiras. Comezaron cun só equipo, e hoxe xa son 11 os conxuntos que levan o nome das choqueiras polos distintos pavillóns nos que compiten. Nós conversamos cunha das súas fundadoras e directiva. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

Débora Bouzón, secretaria.

As choqueiras veñen para quedarse, sen ningún tipo de dúbida”

Ben: secretaria, directiva, adestradora…e o que faga falta?

Pois si, a verdade é que si. É o que teñen os clubs modestos: É imprescindible un nivel de compromiso persoal moi elevado das persoas que asumen labores directivas. No caso contrario non sería posible a xestión do día a día.

Cando nacen as choqueiras?

Temos 6 anos de vida.

No noso Concello xa hai dous equipos de balonmán. Cal foi o motivo da creación dun terceiro?

Ben, nós xa estivemos na SAR e no Chapela. Pero houbo unha serie de circunstancias en ambos conxuntos que levaron a que unha serie de persoas consideraramos que o máis adecuado era crear un equipo novo.

Supoño que ao principio sería complicado?

Si, claro. Os comezos sempre son difíciles. De feito inicialmente só comezamos con 11 nenas. Unicamente tiñamos un equipo. Neste sentido teño que valorar moi positivamente a actitude da federación, pois á hora de facermos os trámites para a nosa inscrición, todo o que atopamos foron facilidades.

Como fixestes para adestrar?

Non foi nada doado. Foi grazas á xenerosidade do Floriani que inicialmente nos cederon un espazo. Logo fomos para Cabeiro. Incluso ao principio xogabamos alí os partidos. Lembro que tiñamos que levar un marcador manual.

O primeiro ano non foi nada mal

Foi marabilloso. Quedamos campioas de liga. Pero veu a pandemia e fastidiounos. Non puidemos ir ao sector.

Agora mesmo, despois de 6 anos, cantos equipos tendes?

Temos 11 equipos.

E como se fai para multiplicar por 11 o número de equipos en tan pouco tempo?

Traballando, traballando moito. Como che dixen nunha resposta anterior, dirixir a un equipo modesto implica un nivel de compromiso persoal enormemente elevado: perdes tempo, perdes vida persoal e incluso perdes cartos.

Os 11 equipos son todos femininos?

Son 10 femininos e 1 masculino infantil.

Xa tedes tamén equipo sénior, verdade?

Pois si, este é o segundo ano no que o temos. O ano pasado foi un pouco como de toma de contacto. Este ano estou segura de que van ir moito mellor as cousas.

Hai algún problema grave que limite o voso funcionamento diario?

Si, o problema dos adestramentos. Eu entendo as necesidades de todos os equipos de todos os deportes. Pero nós estamos moi limitados por ese tremendo hándicap e agardo que algún día poidamos ter unha solución. Por moito que se prometan solucións ou que se busquen todo tipo de fórmulas de entendemento, o resultado final real é que sempre hai problemas con isto.

E cal sería a maneira de solucionalo ao teu xuízo?

Xuntármonos todos antes, e chegar a unha solución de consenso que nos beneficie a todos os equipos por igual. Eu creo que aínda que houbese outro pavillón, os problemas seguirían existindo igual..Somos moitos equipos e é moi difícil atender adecuadamente as necesidades de todos.

Como son as relacións das Choqueiras coa SAR e co Chapela?

Son cordiais. Mantemos o respecto debido entre 3 clubs que nalgún momento podemos ser rivais deportivos pero que somos do mesmo concello. A colaboración é o camiño adecuado para a competencia sa, e para a convivencia pacífica.

Que significa que en tan pouco tempo xa teñades algunha xogadora na selección?

É un orgullo inmenso. E un sinal inequívoco, creo eu, de que se están a facer ben as cousas. A verdade nas últimas temporadas sempre nos están seleccionando a algunha xogadora.

Ben, o apelido Bouzón seica ten unha grande importancia no corpo de xogadoras das Choqueiras?

Ha, ha, ha, ha…Calquera cousa que diga eu ao respecto diso, non se pode separar do amor de nai ou do amor de tía..

As Choqueiras veñen para quedarse?

As choqueiras veñen para quedarse sen ningún tipo de dúbida.