Bibliotecas, museos e outros contentores culturais en Redondela. Da política cultural como ausencia.

Alberte Román

Hai unhas semanas coñecíamos o interese do goberno municipal en adquirir o edificio de Villa Elisa, unha vivenda de traza indiana no centro da vila coa idea de que acolla as instalacións da biblioteca municipal. O inesperado do anuncio, non parecía estar na axenda municipal a idea de mudar a biblioteca, abre un novo debate sobre as infraestruturas culturais e a planificación das mesmas.

A adquisición de Villa Elisa, per se, non debería ser negativo. Pasar ao patrimonio público un ben histórico local sempre debería ser motivo de ledicia. Non? No caso que nos ocupa, a dúbida que xorde é se foi primeiro a necesidade ou a idea. Explícome, estábase valorando unha nova localización para a biblioteca e se considerou ese edificio como a mellor localización, ou foi unha decisión motivada polo anuncio da venda da casa nun portal web. Coas características arquitectónicas da propia edificación, e atendendo á necesidade de aplicar as normativas vixentes en materia de rehabilitación, que limitan a alteración dos espazos interiores, preguntámonos se este edificio será o máis acaído para as necesidades que ten unha biblioteca do século XXI.

Por esta, e por outras actuacións relacionadas coas infraestruturas culturais, un ten a sensación de que se fai necesario debate pausado sobre infraestruturas culturais en Redondela. Un debate q non se deu até o de agora. Así, o acontecido co roubo de varias pezas que formaban parte dunha exposición aberta no Multiusos da Xunqueira por non contar con persoal de sala, a polémica sobre o prolongado feche da exposición da colección de Sargadelos na Casa da Torre, ou a non apertura durante varios meses do Museo Meirande por falta de persoal que atenda as instalacións, non fan máis que evidenciar a prolongada ausencia dunha política planificada para as infraestruturas culturais en Redondela. Moitos edificios, escaso persoal e pouco orzamento. A este realidade habería que acrecentar a iniciativa de varios colectivos culturais que promoven a construción dun museo local, que acollería, entre os seus fondos, a colección do pintor local Ángel Barros. E que lonxe de ser unha medida unanimemente aceptada, abriu un debate, sottovoce mais que existe, e no que se cuestiona abertamente a validez da actuación e do seu valor artístico.

Todo isto o que evidencia, é esa ausencia de política cultural entendida como o artellamento de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida. Si, a cultura mellora a calidade de vida nunha sociedade. Pola contra, desde hai décadas, en Redondela o que se promove é unha política de eventos e non unha política cultural. Falta unha política que permita definir obxectivos, o horizonte que se quere, e que debe poder ser avaliada con indicadores de mellora en aspectos tais como os índices de lectura, por colocar un exemplo. E o deseño desa planificación debe incluír as infraestruturas culturais que se van xestionar, unha planificación que debe ter en conta que eses edificios hai que os manter, que se fai necesaria unha previsión de persoal que os atenda, e que esa previsión ten que estar nos orzamentos anuais da institución.

O noso concello non viviu alleo á dinámica perversa, que ao socairo dos programas de axudas, principalmente europeas, fixo agromar en Galicia grande cantidade de infraestrutura culturais, que as máis delas nacían bautizadas como museos, e, que en grande parte, non eran senón salas de exposicións. E a palabra museo acabou convertida nun conxunto baleiro, nunha palabra oca, cuns responsábeis políticos instalados no horizonte da inauguración, como destino e non como inicio. E as paredes brancas, os paneis novos, e as luces prendidas dos primeiros meses foron deixando paso a unha realidade de constante deterioro de boa parte destas infraestruturas, e mesmo das pezas alí expostas, principalmente por falla de mantemento. Isto é constatábel cando se visitan estes espazos, naqueles casos en que aínda son visitábeis, pois os máis deles están fechados por falta de persoal que os atenda. Véxase senón a recente chamada de atención sobre o deterioro dos elementos patrimoniais que integran o Meirande. Pezas de metal nun espazo exterior ao pé do mar, como non se ían deteriorar. Se prevalecese a salvagarda deses elementos patrimoniais nunca se terían exposto nesas circunstancias.

E isto que expomos son dinámicas continuadas, non episodios illados. Por iso, óllanse con reticencia anuncios como a adquisición de Villa Elisa. As improvisacións e as ocorrencias non deberían ser nunca guía na acción das administracións públicas. Planificar, planificar, que dirían os clásicos.

A cerca de admin 95 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.