
Óscar Lomba Álvarez
O acordo UE–Mercosur non é un simple tratado comercial. Constitúe unha decisión estratéxica que define que modelo de país e que modelo de rural queremos. Para Galicia supón unha ameaza directa a un sector que xa se atopa nunha situación límite, sometido a prezos en orixe ruinosos, a unha estrutura de propiedade extremadamente fragmentada, a unha cadea alimentaria controlada por grandes grupos industriais e a décadas de políticas que trataron o agro como un problema a xestionar e non como un piar fundamental da nosa economía que cómpre fortalecer. Recuperarmos o noso agro non é unha consigna sentimental, senón unha necesidade económica, territorial, ambiental e democrática.
O futuro da agricultura e da gandaría galegas non depende do heroísmo individual, senón da recuperación do poder colectivo por parte das persoas produtoras. Mentres as explotacións permanezan illadas, obrigadas a competir entre si e subordinadas a industrias e sistemas de distribución que impoñen prezos e condicións, non haberá rendibilidade nin substitución xeracional. O minifundio extremo, a perda de superficie agraria útil e a dependencia de insumos caros fan inviábel un modelo baseado unicamente no esforzo individual. Sen unha estrutura que garanta o acceso á terra, unha dimensión económica suficiente, o control da transformación e a capacidade de planificación, o agro seguirá sendo socialmente necesario mais economicamente inviábel.
A propia historia de Galicia demostra que os problemas estruturais só se resolven colectivamente. A concentración parcelaria evidenciou que o territorio non é unha simple suma de leiras illadas, senón un sistema que pode ser reorganizado para reducir custos, mellorar accesos, optimizar a xestión da auga e facer posíbeis explotacións viábeis. A concentración parcelaria do século XXI debe ir máis aló e debe combinar a reorganización da propiedade rural cunha rede de bancos públicos de terra, xestionados por concellos e comunidades locais, que garantan o acceso estábel a quen queira producir, que eviten o abandono e que reserven espazos para pastos comunais, cultivos forraxeiros, hortas de proximidade e proxectos forestais multifuncionais. Sen política de terra non hai política agraria.
A experiencia dos montes veciñais en man común amosa que a xestión comunitaria non é un vestixio do pasado, senón unha ferramenta plenamente vixente para xerar emprego, diversificar ingresos, previr incendios e fixar poboación. A cooperación entre gandeiros, comuneiros e administracións locais permite pechar ciclos produtivos, reducir a dependencia externa e construír economías territoriais resilientes.
Con todo, a terra por si soa non garante soberanía se a produción continúa en mans alleas. Mentres os gandeiros vendan leite, carne ou madeira como simples materias primas a grandes industrias, seguirán actuando como subcontratados sen capacidade de decisión. Por iso resultan centrais as cooperativas e a economía social, non como simples centrais de compra, senón como estruturas integrais de transformación, envasado, comercialización e creación de marca propia. Matadoiros comarcais, obradoiros lácteos, fábricas de pensos, secadoiros, servizos loxísticos e redes de distribución compartidas constitúen infraestruturas estratéxicas para fixar valor no territorio e crebar a dependencia das cadeas globais.
A comercialización debe volver conectarse co país real. Os mercados locais, a venda directa, as canles curtas e, de maneira especial, a compra pública alimentaria para comedores escolares, hospitais e residencias permiten garantir prezos xustos, volumes estábeis e planificación a medio prazo. Isto é o que fai posíbel investir, innovar e incorporar xente nova ao sector. Sen seguridade de ingresos non hai futuro.
Todo o anterior require políticas axeitadas e unha planificación estratéxica e democrática, xunto con formación técnica, participación social e control público. A creación de consellos locais e comarcais de alimentación, o impulso á formación en xestión de cooperativas e empresas de economía social, unha ordenación territorial baseada na capacidade produtiva e ecolóxica e unha transición agroecolóxica xusta constitúen condicións indispensábeis para reconstruirmos un modelo que sitúe a vida no centro.
Galicia dispón de terra, auga, coñecemento, tradición cooperativa e cultura comunitaria. O que falta é vontade política para artellar estes recursos nun proxecto de soberanía alimentaria e de economía ao servizo do país. Fronte a tratados como o de Mercosur, que afondan na dependencia, na competencia desleal e na destrución ambiental, a resposta non pode ser unicamente defensiva, debe consistir nun proxecto propio de reconstrución do noso agro.
Reorganizar a terra, fortalecer o cooperativismo, impulsar a economía social, asegurar unha comercialización xusta, planificar democraticamente e formar ás comunidades son pasos imprescindíbeis para que o agro galego deixe de ser un lugar de sacrificio e se converta nun espazo de futuro. Recuperar o noso agro é recuperar territorio, emprego, soberanía e dignidade. Non é unha opción, é unha condición para que Galicia teña futuro.

Primer comentario