Propostas do BNG aos Orzamentos Municipais de Salceda para o ano 2026

Logotipo BNG

Co inicio deste ano a Alcaldía de Salceda de Caselas puxo a andar o procedemento administrativo para tratar de aprobar os orzamentos municipais; ao non teren elaborado (a Srª. Alcaldesa e o Sr. Concelleiro de Facenda) nos prazos establecidos as previsións de ingresos e gastos para o 2026, o Concello funciona cos orzamentos prorrogados do ano 2025.

Diante desta “presa repentina” o BNG, co fin de fixar a súa posición e propostas, reclamou a documentación completa do borrador dos orzamentos; que foi entregada os pasados martes, día 20 e mércores día 21, para ser analizada na Comisión Informativa do 26 de xaneiro, previa ao Pleno extraordinario de aprobación inicial previsto para o día 29 de xaneiro.

Consecuencia da apurada tramitación é a imposibilidade de pór na mesa a nosa visión a respecto do proxecto global de orzamentos para o Municipio. Así e todo, nas conversas mantidas sobre documento de orzamentos, o BNG fixo propostas que encamiñan solucións a necesidades inmediatas da veciñanza. A xeito de resumo, as propostas do noso grupo político na mesa foron as seguintes:

Saneamento:

  • Manter a preferencia a efectos de investimentos, pois consideramos que hoxe continúa a ser a primeira prioridade en materia de investimentos, por cuestión de saúde e calidade de vida.
  • Facer relatorio sobre os pequenos treitos que se poden afrontar sen grandes cantidades por estar próximos á rede principal, o que posibilitará que se vaian pechando zonas do territorio saneadas.

Viario alternativo no lugar de Gumil:

  • Estudo dun novo viario para dar acceso alternativo ás escolas e ao pavillón de deportes.
  • Este novo viario facilitaría acceder á zona escolar e deportiva desde a antiga cámara agraria; o que aliviaría a conxestión de vehículos en determinadas horas da rúa Rosalía Castro, evitando que parte do tráfico deba acceder á zona máis céntrica da Esfarrapada.

Viario A Devesa-Pedra Carballa:

  • Estudo para acondicionamento deste viario como alternativa de acceso á Esfarrapada ao tránsito procedente de Entenza.
  • Hoxe este viario é utilizado por un número importante de veciños e veciñas.

Creación da Comisión de asuntos estratéxicos:

  • Creación dunha comisión específica, para debater proxectos estratéxicos para Salceda, que sobardan o tempo dun mandato municipal.
  • Porque no BNG entendemos que hai proxectos que deben debaterse entre todas as forzas políticas, de cara a acadar consensos que permitan manter os proxectos no tempo, con independencia da cor do goberno municipal de cada momento.
  • O BNG levará ao vindeiro pleno ordinario, 26 de febreiro, unha proposta para a creación desta comisión.

Cultura:

  • Actualmente hai unha importante diferenza nas subvencións fixas destinadas ás entidades culturais e as deportivas, polo que procuramos fórmulas para diminuír esa diferenza.

Remunicipalización de servizos:

  • Definir os servizos a recuperar para o persoal municipal, unha vez que se cubran as prazas de persoal vacantes, pactadas cara os orzamentos do 2025.
  • Algúns dos actuais servizos en mans privadas, cun custo importante para a economía do concello, deben ter prioridade nesa remunicipalización, de cara a mellorar as contas municipais e poder mellorar os servizos á veciñanza co mesmo gasto.
A cerca de admin 95 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.

Primer comentario

Deixa a túa opinión