O pleno de Redondela reproba de novo a Digna Rivas, a instancias do PP, polos seus recurtes en igualdade e pola falta total de políticas de defensa das mulleres

Javier Bas presidente do PP de Redondela

Os populares tamén piden na proposta aprobada a elaboración dun Plan Municipal de Igualdade, a constitución da Mesa contra a Violencia de Xénero, a recuperación do Consello da Muller, a cobertura de postos no CIM e Servizos Sociais e a activación de medidas de conciliación

· A concelleira Sandra Bastos lamentou o “ retroceso constante en políticas de igualdade e

o desprezo sistemático ás mulleres” por parte do Concello pola “ responsabilidade directa

e única” da alcaldesa

Redondela, 27 de marzo de 2026.

O pleno da corporación municipal de Redondela aprobou, por unha ampla maioría, unha nova reprobación da alcaldesa Digna Rivas a instancias do PP polos seus constantes recurtes en materia de igualdade, pola perda de recursos e servizos para as mulleres durante os seus sete anos de goberno e pola falta total de políticas neste ámbito que teñen provocado a perda de dereitos das mulleres. Esta proposta popular saíu adiante cos 13 votos dos concelleiros do PP e do BNG e co único rexeitamento dos 6 concelleiros socialistas.

Ademais da censura á rexedora pola súa xestión na área “ fundamental” de igualdade, a moción do PP que foi aprobada tamén instaba ao goberno bipartito á elaboración inmediata dun Plan Municipal de Igualdade do que carece Redondela, a constitución da Mesa Local contra a Violencia de Xénero, a recuperación do Consello da Muller cunha participación real dos axentes sociais e da cidadanía, a cobertura urxente dos postos baleiros do Centro de Información á Muller (CIM) e de Servizos Sociais e a recuperación das políticas de conciliación con medidas que aseguren o acceso universal das redondeláns ás mesmas sen penalizacións de tipo económico.

“Nestes case sete anos de dirección socialista temos que lamentar que en Redondela non só non se avanzou en materia de igualdade pola responsabilidade exclusiva de Digna Rivas, senón que tristemente se retrocedeu por unha acción política caracterizada pola importante perda de recursos e servizos nestas áreas e polo pasotismo ou a desactivación de todos os órganos que so funcionan noutros concellos e que permiten dar pasos cara adiante cara a igualdade real e efectiva”, significou a concelleira popular Sandra Bastos. Neste senso, a edil afondou en que o Concello de Redondela está a experimentar un “ retroceso constante en políticas de igualdade e un desprezo sistemático ás mulleres” por parte da administración local e achacouno á “ responsabilidade directa e única” da alcaldesa socialista. Así, recalcou que nin un só dos órganos que traballan nesta materia funciona no Concello “ nun abandono totalmente indigno da fundamental loita das mulleres de Redondela na consecución da igualdade e na súa protección ante casos de violencia machista”. Finalmente, Bastos indicou que existen moitas outras eivas na área municipal de Igualdade, como a falta de reforzo das forzas de seguridade para abordar os casos vioxén, a constante perdas de axudas da Xunta de Galicia e doutras administracións nesta materia ou as débedas coas asociacións que traballan pola

igualdade, entre outras. “ Hai unha total ausencia de compromiso coa igualdade real por parte de Digna Rivas e, fronte a isto, desde o PP cremos que xa non cabe o silencio nin a condescendencia”, concluíu

Primer comentario

Deixa a túa opinión