As propostas da concellería de Cultura pasan polo humor, a historia e mesmo o karaoke cunha ampla oferta para todo tipo de públicos no auditorio da Xunqueira.
A concelleira Rita Táboas explica que os ciclos comezan esta fin de semana e remata en abril “con grandes propostas como “Noites de Retranca” con Manuel Manquiña e Oswaldo Digón, “Deadpan Karaoke” de Ibuprofeno Teatro ou “C@nto Contigo” con Paco Nogueiras.”
Redondela, 23 de xaneiro de 2024.
Desde este mes de xaneiro e ata abril a concellería de Cultura de Redondela ofrece unha ampla oferta teatral con dous ciclos, un para público adulto e outro para público infantil e familiar.
Así, a primeira proposta será o 27 de xaneiro ás 20:00 horas para o público adulto baixo o título “Contos na lareira” da man de Rababiero Promocións. Trátase de contos para nenos “desde o cinco até os 99 anos ou máis” procedentes da tradición galega e outras propostas mediante a narración oral. Ao día seguinte comezará o ciclo infantil coa obra “Solo” de Roi Borrallas, quen, a partir das 18:00 horas presentará este galardoado espectáculo onde o público ve “a trastenda do artista, as súas ideas e tolemias, un actor sen público, un pallaso cando ninguén o observa”.
No mes de febreiro chegará a seguinte proposta de teatro adulto con “Noites de retranca”, un dos mellores shows de humor galego da man dos actores Manuel Manquiña e Oswaldo Digón. O público redondelán poderá gozar desta proposta cómica o 24 de febreiro, do mesmo xeito que todos os espectáculos de adultos, comezará ás 20:00 horas. O mes de marzo comezará con “ReVolta”, unha proposta teatral para os “non tan pequenos” en Redondela.
A compañía Juanito e Filomena achegará o 9 de marzo esta proposta “que cuestiona a aprendizaxe machista que nos contaron grazas ás escenas delirantes e as últimas achegas históricas, grazas ás entrevistas a iconas como Elena Francis, a voz da radio española da ditadura que lle servía ao réxime para instruír ás mulleres”, explican desde a produtora. A seguinte cita será o 17 de marzo con Paco Nogueiras, quen ofrecerá o espectáculo infantil “C@nto contigo”, un percorrido polas súas cancións que convidan ao público a participar activamente “bailando sen complexos, acompañando coa voz, coas palmas ou con sinais”. Pecharán o mes de marzo dúas propostas para diferentes públicos. “Esas cousas marabillosas” de Empatía Teatro chegará o 30 de marzo cunha proposta “participativa, tenra, emocionante e divertida” que comeza no momento no que entra o público á sala e fala sobre saúde mental. A opción infantil será ao día seguinte, o 31, da man de Caramuxo Teatro con “A nena que vivía nunha caixa de mistos”. A obra está inpirada no clásico de Hans Christian Andersen cunha versión actualizada deste relato cunha linguaxe contemporánea e unha coidada proposta en escena na que se tratan temas como a pobreza infantil “cunha mensaxe de empoderamento de fondo”.
No mes de abril chegarán as dúas últimas propostas do ciclo de teatro en Redondela. A primeira, “Deadpan Karaoke” de Ibuprofeno Teatro, será a opción para adultos. Será o dia 6 dese con este espectáculo unipersoal que “a través do absurdo, a sorpresa, o karaoke ou o cinema, trata de dar resposta a se é posible o amor nesta sociedade tardo capitalista na que vivimos”. O ciclo remata o 14 de abril ás 18:00 horas co espectáculo infantil “As palabras perdidas”? de Invanti Teatro. Bea Campos e Marcos Alonso son os responsables desta obra que “anima á xente a falar galego dun xeito divertido, dinámico e moderno ao tempo atopan esas palabras máis escondidas”.
A concelleira de Cultura, Rita Táboas, agarda que tanto o ciclo para público adulto como o do público infantil “sexa un éxito, igual que en anos anteriores”. Sinala que en Redondela “hai moita tradición e moito gusto polo teatro, e desde o Concello esforzámonos por traer cada ano as mellores propostas do panorama galego cunha oferta variada e para todo tipo de públicos”.
O ciclo “Vive o Teatro” será sempre en horario de 20:00 horas para as opcións de público adulto, e o ciclo de Teatro Infantil ás 18:00 horas. O prezo das entradas é de 3 euros, e poden retirarse no propio Multiúsos da Xunqueira.