Xosé Ramón Gómez Besteiro candidato do PSdeG-PSOE

Xosé Ramón Gómez Besteiro
Xurxo Gregorio

Comprométome a superar o modelo da Xunta do PP: Enfrontada contra todo e contra todos”.

Vostede conseguiu ser o primeiro presidente da socialista da Deputación de Lugo, que lembranzas lle trae o acadar ese cargo por primeira vez para un militante socialista?

Teño moitísimas lembranzas e moi boas. Foi un momento de gran traballo pero ao mesmo tempo sabiamos que había que dalo todo, que non podiamos perder nin un minuto. Cando chegamos á deputación decidimos “ir cara a adiante”, non tiña sentido saír cada semana nunha rolda de prensa dicindo o mal que o facían os anteriores. Decidimos poñernos a traballar pola provincia de Lugo, que boa falta facía.

Nesa súa xeira como presidente da Deputación Lugo foi pioneiro en algo que agora está en auxe e que aplican moitas institucións gobernadas por partidos de todas as cores. Que supuxo para a Provincia de Lugo o ser a primeira deputación do estado en aplicar os orzamentos participativos?

Ben, a verdade é que sobre todo supuxo un cambio de percepción. Na deputación chegábase dunha presidencia moi longa do Partido Popular cun modelo que non compartiamos. A deputación era un sitio pechado en si mesmo, incluso fisicamente, e con nós chegou o momento de abrir portas e xanelas.

A nosa vontade era facer uns orzamentos participativos para que os lucenses decidiran onde gastar e isto supoñía un cambio total de forma de relacionarse ca administración.

Implicou que a xente tivera a seguridade de que a deputación estaba escoitándoos e que eles participaban da toma de decisións, que a súa voz importaba. Era unha relación de ida e volta. Un diálogo na medida do posible coa cidadanía e penso que a veciñanza o entendeu perfectamente.

Foi vostede tamén un innovador o crear unha provincial de residencias e centros de día para a 3ª idade, sendo tamén un exemplo en todo o estado ¿Como o logrou?

Primeiro escoitando. A xente contábame que quería vivir no seu pobo, e que cada vez era máis difícil. As residencias da Xunta eran sitios enormes e deshumanizados e podía tocarlles unha praza lonxe da súas vilas, do seu entorno, do que eles coñecían. Escoitando aos maiores e ás familias foi como entendemos o modelo que necesitábamos, o modelo que permitira á xente desfrutar desa etapa da sua vida, en su entorno, cun ambiente familiar e cos cuidados necesarios. Os maiores non queren estar aparcados nun edificio

Tamén falei cos alcaldes porque tiña claro que o servizo tiña que ser municipal. A deputación está para acompañar e facilitar o preciso para que o servizo poida existir e ter o nivel axeitado. Finalmente, coordinamos cos funcionarios e traballadores de todas esas administracións, que foron os encargados de tramitar todo para conseguir os terreos, facer as obras, crear o servizo.

Pódolle dicir que hoxe é de unha das cousas que mais orgullosos me atopo. É desas cousas que dan sentido á política.

O seu goberno en Lugo tamén foi pioneiro en axudar os gandeiros da provincia coa creación dun centro publico de recría de gando, nunha comunidade como Galicia onde o agro parece estar esquecido polo goberno da Xunta. Cree exportable ese tipo de medidas a toda Galicia?

A xestión que fixemos na Deputación de Lugo para co agro é un dos asuntos dos que me sinto máis orgulloso, e como ben di puidemos poñer en marcha iniciativas pioneiras como o Centro de Recría de gando iniciando unha liña de traballo para poñer en valor o mellor dun rural que lamentablemente a Xunta ten abandonado.

O rural galego languidece dende hai tempo pola falla de impulso da Xunta, que nos últimos 15 anos veu recortando servizos no interior, nunha política suicida que provoca o abandono acelerado de centos de pobos e aldeas, como demostra que hoxe teñamos 21.000 ocupados menos no sector agro alimentar que no ano 2010.

O meu obxectivo é reactivar o rural para facelo de novo unha opción atractiva para vivir porque necesitamos do sector primario. É o momento de aproveitar a enorme calidade das nosas terras e do noso clima coa finalidade de producir para mercados nos que se valore a calidade dos nosos produtos distinguidos con denominacións de orixe, indicacións xeográficas ou con selo ecolóxico, e o faremos mellorando a sustentabilidade do sector dende a tripla perspectiva ambiental, económica e social.

Sen saír do tema agrario, estamos nun país que cada pouco tempo temos incendios e onde parte da superficie cultivada se acaba adicando a especies arbóreas de crecemento rápido, cales van a ser os eixos da súa política agraria?

Falar de rural é falar de gandería e agricultura, pero tamén de poñer medidas para frear o declive demográfico, asumir e comprender a dobre discriminación que sofren as mulleres rurais e asimilar que a falla de relevo xeracional, a masculinización e o avellentamento que afectan ao rural galego derivan dunha serie de carencias que temos que identificar e corrixir con urxencia, porque vivir no rural non pode ser un acto de heroicidade.

O meu goberno artellará unha batería transversal de medidas con este obxectivo, comezando por impulsar unha Lei de Agricultura Familiar, a creación dun Observatorio Público de Custes, a promoción das enerxías renovables, impulsar a mobilización da terra ou apuntalar un sistema de seguros agrarios, asumindo ademais compensacións polos danos provocados pola fauna salvaxe ou un plan para valorizar as producións locais.

Como ben apuntaba vostede, os incendios son un grave problema, ampliado pola falla de xestión do goberno galego, que continúa centrando todo o esforzo na extinción e deixando de lado a prevención dos lumes forestais.

Eu defendo un novo modelo forestal que garanta unha verdadeira política forestal sostible, con medidas para favorecer a produción e a conservación, que finalice os plans de ordenación forestal, equilibre a produción e sexa efectivo na loita contra o abandono e os lumes forestais.

Cumpre poñer en marcha un novo modelo adaptado á realidade económica e social do rural, con resiliencia fronte ao lume, baixo os principios da xestión forestal sostible e certificación da xestión, que poña en valor das masas de frondosas, da superficie veciñal ou da captación de carbono.

E me comprometo especialmente a prestar especial atención á xestión das brigadas forestais e ás condicións laborais dos seus integrantes, que sei que están a desempregar un traballo fundamental nunhas condicións inadmisibles pola xestión do goberno galego. Debemos camiñar cara un servizo único, estable, profesional e equipado, dependente do Goberno galego.

Galicia nos últimos anos perdeu gran parte do seu poder industrial, Que medidas tería un goberno seu para recuperar a emprego e a capacidade neste sector?

Galicia ten perdido quince anos de desenvolvemento industrial polo desleixo dun goberno que ten como único eixo de xestión buscar a confrontación co resto das administracións. Que esquece que ten a competencia exclusiva en materia de desenvolvemento económico e industrial da Comunidade Autónoma e está a desbotar a oportunidade histórica dos fondos europeos de Recuperación. Fíxese se é relevante que Galicia recibiu 3.000 millóns de euros do Plan de Recuperación, dos cales 1.500 millóns ten que xestionalos de forma directa o goberno galego.

Lamentablemente, os únicos méritos dos que pode presumir o actual executivo son os de paralizar o desenvolvemento eólico dende a chegada do PP ao goberno e de tecer unha maraña de normas que están a impedir o desenvolvemento das renovables, como están a dicir un día si e outro tamén as sentenzas xudiciais.

Cumpre iniciar o desenvolvemento da política industrial de Galicia dende a base: a formación do capital humano, que é un factor esencial de toda a política económica. Por iso crearei unha Consellería integrada de Universidades, Ciencia e Innovación, así como unha axencia que agrupe os investimentos en innovación e promoción económica.

No primeiro ano de mandato comprométome a aprobar unha nova Lei de Ciencia, Tecnoloxía e innovación, que inclúa un compromiso de crecemento do investimento en I+D ata pasar do 0,9 ao 1,2 por cento ao final da Lexislatura.

E a partires de aí, o papel do goberno galego debe ser o de “partner” do mundo empresarial, acompañante activo e dinamizador, un goberno que supere a falla de política industrial para deixar de ser un obstáculo e comezar a ser compañeira dos investimentos do tecido económico e así garantir máis riqueza para os galegos e as galegas para igualar a media estatal.

Constituiremos unha Sociedade Pública de Enerxía que apoie os proxectos estratéxicos para o país e que ofreza unha resposta seria, a lo menos máis seria que a ocorrencia de Rueda de constituír un ente privado para a xestión dos recursos naturais en base a unha Lei que non existe e que nin sequera foi enviada para a súa tramitación no Parlamento. Cumpre implantar un novo modelo de gobernanza pública baseado na utilización eficiente dos recursos públicos que permita despregar un novo modelo de desenvolvemento industrial a partir da enerxía verde, que sexa respectuoso co medio e que redunde no beneficio das comunidades locais nas que se implante.

Dende logo despregaremos un novo impulso á modernización e á industrialización entendidas como unha forma de loitar contra a desigualdade social e de cohesionar aos territorios, xa que sen unha verdadeira cohesión territorial non hai democracia”.

No eido do ensino impulso a instalación da UNED en Lugo, cal vai ser o eixo da súa política educativa se chega a presidente?

A educación é un dos eixos das sociedades democráticas avanzadas. Non pode haber unha sociedade desenvolvida sen unha cidadanía con pleno acceso a unha educación de calidade, que lamentablemente está a padecer os recortes dos últimos anos dos gobernos do PP. É preciso reformular o sistema, prestar unha maior atención individual aos alumnos para que poidan desenvolver o seu maior potencial e que os docentes sexan recoñecidos socialmente cunha posición de especial relevancia.

Cumpre impulsar unha educación que siga a ser o motor de cambio da sociedade con equidade e calidade, e que dispoña dos recursos necesarios para afrontar con éxito os desafíos que veñen da man das novas tecnoloxías, que prepare aos adultos do futuro dotándoos de capacidade de adaptación ás circunstancias nunha aprendizaxe constante e preparados para un mundo cambiante, globalizado e hipercompetitivo.

A política educativa é central no meu proxecto de futuro, e por iso teño a ambición de despregar un amplo programa que lle dea a volta a un sistema maltratado polas políticas ultraliberais do PP, revertendo os recortes dos últimos 15 anos e partindo dunha nova Lei de Educación de consenso que fixe o novo modelo educativo. Recuperaremos o modelo de gratuidade universal dos libros de texto e do material escolar que nunca debeu ser suprimido, e revisaremos tamén o modelo de comedores escolares para implantar un modelo sostible, así como dos contratos de transporte escolar para que volva ser unha ferramenta de impulso da educación e que facilite a conciliación familiar.

Os datos din que a porcentaxe de galegofalantes baixa cada ano sobre todo entre a xente nova. Que medidas pensa aplicar para fomentar o uso do galego entre a xente moza?

En primeiro lugar quero lamentar o dano que lle ten feito á nosa lingua un goberno que precisamente debera facer xusto o contrario, debera coidar o que é un dos nosos patrimonios máis prezados e que nos identifica claramente como pobo. Pero non, o goberno do PP comezou rachando o consenso lingüístico no ensino en 2010 e rematou en 2023 negándose e mesmo votando en contra do uso da nosa lingua no Congreso. Os que comezaron por limitar a aprendizaxe do galego nas escolas en Galicia, teñen provocado 14 anos despois que o castelán supere ao galego como lingua máis utilizada en Galicia.

O meu obxectivo é darlle un xiro radical a estes anos de ataques continuados contra o galego, e por iso quero propoñer un Pacto pola Lingua dirixido a recuperar o consenso, integrando a tódalas forzas políticas e á sociedade civil para que a lingua sexa de novo o elemento de unión e cohesión, modernizando o Plan de Normalización Lingüística con dotación económica para reverter a perda de galegofalantes e recuperar a forza que o galego tivo un día e que nunca debeu perder.

Porque o galego non é un lastre, como pretende facer ver o PP, ao contrario, constitúe unha oportunidade, e non só social e cultural, fíxese, tamén económica. O Consello da Cultura Galega estima que o impacto total sobre a economía das actividades vinculadas á lingua galega no ano 2019 supuxo 2.694,6 millóns de euros e o equivalente a 49.893 postos de traballo a tempo completo.

Tendo vostede a súa orixe na política municipal e nunha época na que sobresaen os egos dalgúns líderes municipais como cree que será a súa relación cos alcaldes das cidades galegas?

A miña relación cos alcaldes e alcaldesas do PSdeG é inmellorable, e así o seguirá a ser. Quero reivindicar ao socialismo como o partido das máis de 100 alcaldías, que a través deles gobernamos a máis da metade da poboación galega, máis que os alcaldes de PP e BNG xuntos.

Non é que sexa un obxectivo meu persoal, senón que ter unha boa relación coas alcaldías de Galicia é unha esixencia para que o país funcione, que os galegos e as galegas poidan ter a garantía de dispor de gobernos perfectamente coordinados e unidos no concello, a Xunta e tamén no Estado co único obxectivo de mellorar a súa vida e defender os intereses de todos e de todas.

Quero comprometerme a superar o modelo dunha Xunta do PP enfrontada contra todo e contra todos, que en lugar de asumir as súas responsabilidades o único que busca é provocar o enfrontamento cos alcaldes e as alcaldesas por unha parte e co goberno do Estado pola outra. Como ten demostrado lamentablemente estes últimos días na xestión da crise dos pellets nas nosas costas. Cal foi a xestión do goberno galego senón responsabilizar aos concellos da limpeza dos areais e ao goberno do Estado da limpeza do mar? Onde quedou a súa responsabilidade, o seu traballo?

Non, a miña obriga, o meu compromiso e o meu obxectivo é implantar unha gobernanza cordial e coordinada co Estado e tamén cos concellos, e non só cos socialistas. Nós non imos facer o que fai o goberno do PP de beneficiar só aos “seus” concellos, aos “seus” alcaldes. Non, o meu goberno non vai facer distincións entre as cores políticas porque a nosa obriga e a nosa responsabilidade é con tódolos galegos e galegas por igual, sen importar a quen voten.

Buscará un goberno como referente de políticas sociais?

Que lle vou dicir? Se os socialistas somos os referentes das políticas sociais dende o noso ADN. Dende o primeiro ao último militante, simpatizante e todos e cada un dos galegos e das galegas que nos apoian temos como definición a empatía e a solidariedade coas persoas que máis o necesitan. Se o socialismo só se entende coas políticas sociais, e voulle dicir unha cousa, as políticas sociais, os avances sociais deste país só se entenden grazas ao respaldo e ao impulso do partido socialista durante os seus 144 anos de vida.

Uns servizos sociais robustos son vitais dentro dunha sociedade cohesionada, e o goberno ten que ser o defensor dos máis vulnerables diante dun mundo que non dubida en deixar cada vez máis xente atrás. Cremos que non só é posible crecer para repartir, senón que tamén se reparte para crecer dunha maneira máis xusta e equitativa.

O PP ten unha concepción diferente, e confunden o principio da solidariedade co da caridade. Unha concepción totalmente errada do papel do Estado a nivel social.

De aí os recortes radicais ao sistema de Dependencia despregado por Zapatero no Estado e polo goberno de Pérez Touriño en Galicia, que eles nunca entenderon e que por iso trataron de acabar con el por inanición. Algo semellante sucede co Servizo de Axuda ao Fogar, que é un piar fundamental dentro da Dependencia pero que atopa numerosas deficiencias mentres o PP o emprega como mecanismo para engrosar as contas do sector privado.

A pandemia puxo a lupa sobre as carencias dun sistema que eran invisibles a ollos da maioría, e nos fixo a todos conscientes de que vivimos na Comunidade Autónoma coa menor porcentaxe de camas en residencias públicas en residencias de maiores, cun sistema nas mans dos centros privados e un goberno que en lugar de preocuparse polo benestar dos nosos maiores soubemos polas denuncias dos inspectores de residencias que filtraban as datas das inspeccións aos centros privados.

Nos vindeiros anos a poboación dependente non vai facer máis que aumentar, e debemos deixar atrás xa a promoción da privada e a parálise no ámbito público, implantando un novo modelo de residencias público, máis humano e con máis prazas residenciais dispoñibles.

Como ve vostede o actual escenario político polos ataques da dereita os pactos do PSOE con forzas nacionalistas?

Creo que o PP, empezando por Feijoo, non asume que perdeu as eleccións. E isto estalles levando a unha deriva da que lles vai a custar moito saír. Estamos a ver que esa frustración quérena levar ás rúas, interésalles que haxa ruído. Os socialistas estamos a outra cousa, a traballar para mellorar a vida das persoas, a subir as pensións, a subir o salario mínimo interprofesional, a garantir unha vivenda digna e economicamente sostible… En definitiva, estamos ao que realmente importa.