O PSdeG-PSOE exixe que se contemple íntegramente nos orzamentos a partida para o Festival de Cans

Festival Cans

O grupo socialista rexistrou unha moción solicitando que se estableza na cantidade de 45.000 € a subvención do Concello do Porriño para o Festival de Cans, así coma que se contemple na súa totalidade na correspondente partida orzamentaria do 2024

O Porriño, 26 de xaneiro de 2024.

Dende o PSOE de Porriño lamentamos que, tras a recente aprobación dos orzamentos de 2023 polo goberno do PP, se reflicta unha xestión económica tan desconcertante, especialmente no referente á subvención do Festival de Cans.

O Festival de Cans é, sen dúbida algunha, un fenómeno cultural que atrae ao noso municipio a milleiros de persoas e conta cun gran traballo por parte dos seus organizadores, que ao longo do ano realizan numerosas actividades culturais.

O vindeiro mes de maio, o certame chegará coa súa XXI edición e, entre as axudas das administracións que patrocinan o festival de curtas porriñés, a do Concello do Porriño viuse incrementada dende o ano 2020, dos 20.000 € que recollen os orzamentos, aos 40.000 €; cantidade que foi ratificada no Pleno de Agosto de 2021.

En marzo do pasado ano, o alcalde anunciaba o incremento de 25.000 € sobre os 20.000 € da dotación orzamentaria para o festival audiovisual, explicando que o Concello do Porriño rexíase por un orzamento prorrogado do 2018, puntualizando que cada ano había que llevar a Pleno ese aumento.

O PSOE de Porriño cuestiona a falta de coherencia entre as declaracións e as accións do goberno do PP, e subliña a necesidade dunha maior transparencia e compromiso real co desenvolvemento cultural e económico sostible do municipio.

Os socialistas presentaron no pleno fai 6 meses, entre as súas enmendas ao orzamento municipal do 2023, que se establecese en 45.000 € a cantidade contemplada para a partida da subvención do Festival de Cans; pero o PP rexeitou a proposta socialista , poñendo de manifesto a prepotencia e soberbia que está a levar á practica nesta nova lexislatura.

A concelleira socialista, Sthela Mª Táboas, explicaba que “non se entende que antepoñan a rivalidade política por enriba dos intereses veciñais, ademáis de non recoñecer ningunha das mocións que o PSdeG-PSOE leva presentado dende que o PP goberna en maioría, no caso da subvención do Festival de Cans, votan en contra das enmendas socialistas aos orzamentos para establecer en 45.000 € a mesma, cando é algo do que precisamente o rexidor se queixaba”. “Non lle atopo máis sentido que o dun novo protagonismo mediático incerto, anunciando algo xa recoñecido e tendo que tirar de recoñecementos extraxudiciais de crédito”.

Deste xeito, o grupo socialista rexistrou unha moción solicitando que se estableza en 45.000 € a cantidade da subvención do Concello do Porriño para o Festival de Cans, así coma que se contemple na súa totalidade na correspondente partida orzamentaria do 2024.