O Pobo galego digno, di con claridade que non admite ningún tipo de branqueo do xenocidio que sofre o pobo palestino.
Desde que os estados español e israelí iniciaron as súas relacións diplomáticas, Israel tivo 7 embaixadores/as en Madrid. Foron estos:
-Samuel Haddas, nacido en Axentina.
-Shlomo Ben Ami, nacido en Marrocos.
-Alón Bar, nacido en Israel.
-Víctor Harel, nacido en Uruguai.
-Rafael Schutz nacido en Israel
-Rodica Radia Gordon, nacida en Romanía.
-Dana Erlich, a actual responsable da embaixada, nacida en Arxentina.
Semella un tanto estraño que dos 7 diplomáticos que exerceron a máxima responsabilidade de representación de Israel en España, só 2 sexan nacidos en Israel. Pero non é en absoluto raro se se comprende a natureza e a orixe deste estado. Sería unha anomalía asombrosa en calquera dos outros case 200 estados políticos que existen no planeta,pero non o é no caso de Israel, pois este é un país que xorde a raíz das migracións masivas de millóns de xudeus de todo o mundo que chegan a un país que non é seu, que se instalan nun país que non é seu, que botan a punta de pistola aos habitantes orixinais dun país que non é seu, e que se quedan cun país que non é seu. O lugar de nacemento dos embaixadores israelís en España non é outra cousa ca unha metonimia do que é o estado de Israel: un proxecto colonial que fixo posible que os xudeus de todas as partes do planeta que o desexaran se instalaran nesa zona do mundo.
Desde 1948,ano da creación do estado de Israel, a agresión dos colonos aos colonizados pasou por diversas fases e circunstancias históricas, que non son o obxecto deste artigo, ata chegarmos ao momento presente no que o horror parece ter acadado o seu cénit, pois Israel está procedendo ao asasinato sistemático da poboación palestina na faixa de Gaza, e incrementando substancialmente o acoso e a violencia contra os palestinos da Cisxordania.
Olga Cherevko, voceira da oficina de coordinación de asuntos humanitarios da ONU( aclaro para Paula Prado e outros que nin esta oficina nin esta voceira teñen nada que ver co nacionalismo galego ) manifestou que: o o conflito entra nunha dimensión crítica para a poboación civil e que xa serían arredor de 64.000 os palestinos asasinados e 164.000 os feridos de diversa consideración.
Segundo a ONG Save the children, desas máis de 60.000 persoas palestinas asasinadas, arredor de 20.000 serían nenos e nenas.
A propia O.Cherevko afirmou que: a poboación de Gaza enfronta condicións de amoreamento extremos e que a situación require unha resposta urxente. A representante desta oficina da ONU sentenciou que a historia xulgará aos líderes políticos non polas súas declaracións, senón polos actos realizados nun contexto no que os nenos morren de fame e os hospitais colapsan. Segundo a ONU arredor de 1,9 millóns de persoas, o 90% da poboación de Gaza, foron desprazadas das súas casas á forza, moitas delas moitas veces.
O estado de Israel trata de branquearse a si mesmo no mundo de múltiples maneiras, algunhas das máis efectivas son a música e o deporte. Nese sentido enmárcase a participación dun equipo israelí co nome de “Israel Premier Tech” na Volta ciclista a España. A devandita participación contou co rexeitamento explícito de milleiros de persoas en moitos puntos do estado. É especialmente destacable a enorme cantidade de persoas que se mobilizou na etapa 16 que debía de rematar no alto de San Cosme no concello de Mos, e que non o puido facer, tivo que acabar 8 quilómetros antes, porque o grande dispositivo policial despregado non abondou para dispersar á inmensa cantidade de persoas solidarias que se congregaron en San Cosme para expresar a única posición digna posible: non aceptar que se utilice o deporte para branquear a política de asasinatos masivos contra a poboación civil palestina, non no noso nome e non no noso país.
Para rematar só nos queda subscribir absolutamente as palabras da funcionaria da ONU que antes referimos
“ A historia xulgará aos líderes políticos non polas súas declaracións senón polos actos realizados nun contexto no que os nenos morren de fame e os hospitais colapsan”
Pois ben, este é o comunicado que ao respecto da suspensión da etapa pendurou o concello de Mos nas súas redes sociais
“O Concello de Mos quere manifestar a súa condena firme á violencia que provocou a cancelación da etapa 16 de @lavuelta, que tiña a súa chegada prevista no noso municipio.
Defendemos o dereito de toda a cidadanía a manifestarse, pero sempre sen poñer en perigo a integridade de deportistas, afeccionados e veciñanza.
Mos traballou durante moito tempo para dar a súa mellor versión, como así se viu ata o momento no que a proba tivo que cancelarse.”
Para o goberno de Mos nun contexto no que 20.000 nenos e nenas ( Fonte Save the Children) foron asasinados, e o 90% da poboación de Gaza desprazada á forza( fonte ONU) a violencia é de quen protesta contra os asasinatos. Que disparate¡, que exemplo de falta de humanidade¡. Non teño ningunha dúbida de que a historia acabará por poñer ao goberno de Mos no seu sitio.
