Román González, novo voceiro provincial de Podemos Pontevedra

Román González, novo voceiro provincial de Podemos Pontevedra

O veciño de Mos, Román González, concelleiro no consistorio mosense pola plataforma veciñal GañaMos, ven de ser nomeado voceiro provincial de Podemos Galicia

ASUMO O CARGO CON MOITA ILUSIÓN E TODA A FORZA DO MUNDO”

Con que ánimos accedes a esta nova responsabilidade política?

Asumo a responsabilidade con toneladas de ilusión e con toda a forza que son capaz de expresar, sendo consciente da súa complexidade e da grande cantidade de traballo que nos agarda para dotar de ferramentas adecuadas a todos os círculos de Pontevedra

Cantos círculos hai en Pontevedra?

16/17

Pero son círculos nominativos, ou están politicamente activos?

O número de círculos que che menciono son os que están constituídos oficialmente dentro do organigrama de Podemos. E son círculos politicamente activos desde logo.

Vaia, pois alégrome moito porque a verdade, nas localidades nas que está A Nova Peneira, moita constancia da vosa actividade política a verdade non teño?

É evidente que temos unha deficiente implantación territorial. Son absolutamente consciente dese problema. E todos os compañeiros e compañeiras de Podemos Galicia imos dar todo o que temos e máis, para tratar de remedialo o antes posible. Na zona sur está en vías de solución, e na zona norte da provincia imos un pouco máis a modo. Pero acabaremos facéndoo, con seguridade, porque Podemos non é un partido que se constrúa de arriba abaixo, todo o contrario. Estou convencido de que responde a unha necesidade dun segmento importante da poboación que existe, é real. E en nós está facer as cousas ben para sabérmolo recoller.

Que política vai desenvolver o organismo provincial que ti encabezas para tratar de remediar o problema da deficiente implantación territorial?

Agora mesmo estamos nese proceso en concreto, o de crearmos unha identidade propia dentro de Galicia e o de implantar a nosa organización na maior parte de localidades galegas. A implantación territorial é moitísimo máis importante que o resultado electoral coiuntural. Temos que aprender dos erros pasados e ter claro ese concepto.

Si, pero os pasos concretos que ides dar para tratar de remediar o problema cales son?

Consolidar e fortalecer todos os círculos xa existentes. E traballar moito nas localidades nas que non estamos, trasladando a nosa mensaxe á sociedade civil para que se poidan formar círculos alá onde non teñamos. Xa levamos feito arredor de media ducia de xornadas de formación para dotar de ferramentas aos nosos militantes, que deben de meterse no tecido asociativo das súas localidades. Esa é a chave. Por outra parte nós temos un censo de persoas que nalgún momento participaron ou colaboraron con nós, dalgunha maneira, e temos presencia en case todo o territorio galego

Xa Román, pero esa situación “ de presencia en case todo o territorio galego” que describes, non é real

Non, non é real. Pero nós a través deses contactos trataremos de montar estrutura alá onde non a teñamos.

A estrutura que ides montar en Podemos Galicia vai ser coincidente coa realidade administrativa?. É dicir, vai ser unha estrutura provincial?

A estrutura base é municipal. Ata agora pasabamos do círculo local ao autonómico e entendo que nos faltaba un estadio intermedio. Por ese motivo puxemos en marcha esta estrutura provincial

Xa, pero esta realidade administrativa que divide a Galicia en provincias non coincide coa nosa realidade social que é comarcal. Vós ides prescindir na vosa estrutura organizativa das comarcas naturais de Galicia?

Non. A comarca é moi importante para nós. Eu son da Louriña e un dos meus obxectivos é dinamizar a miña comarca.

Que é Galicia para Podemos Galicia?

Unha nación dentro do estado español

Fálanos dos perfís das persoas que che acompañan na dirección provincial?

Estou moi contento pois alén de que son persoas coas que humanamente sinto unha comodidade absoluta, todas posúen unha elevada solvencia e calidade política alén de que están moi implicadas en quitar este proxecto político adiante

Cal é a metodoloxía organizativa que desenvolvedes na dirección provincial de podemos?

A organización do traballo estruturámola por zonas. Cada persoa encárgase de trasladar os asuntos relevantes da súa comarca, para que entre todas e todos debatamos, decidamos a posición política que tomemos e as medidas a desenvolver. O contacto entre nós é moi fluído pois de maneira telemática mantémolo todos os días

Eu creo Román, que para que unha forza política poida ter posibilidades de competir ao máximo nivel precisa dúas condicións: 1) unha implantación territorial sólida.2) unha cabeza visible de elevada calidade política, e moi pegado á realidade social. Xa falamos da primeira circunstancia ,e quero falar agora da segunda. Non discuto a calidade política do voso SX, pero na Pontevedra profunda, Román, a Antón Gómez Reino non o coñece ninguén, non cres?

Tone ten unha enorme calidade política ,e está a desenvolver un traballo bestial no congreso. Si, é certo que para podermos implantar socialmente precisamos unha cabeza visible, é obvio. E foi unha das eivas máis graves que tivemos nas autonómicas. Que Tone estea en Galicia como referencia é fundamental

E ides solucionar ese tema dalgunha maneira?

Estamos traballando en solucionalo. De feito a nosa intención é que nos próximos meses o noso secretario xeral estea moito máis presente en Galicia

Hai espazo na esquerda galega para que Podemos poida competir o voto contra o PSOE e o BNG?

Si, rotundamente si.

E como se artellaría ese espazo?, como Podemos?, como Podemos +EU?, como Podemos +EU+ Anova?

Nós estamos traballando para dotar de identidade propia a Podemos en Galicia, e o que veña despois xa se verá. O intelixente , creo eu, é adaptarse ás circunstancias concretas de cada municipio

Cando naceu Podemos ilusionou a moitísima xente. Que lle dirías aos que se decepcionaron para tratar de recuperalos?

Podemos naceu para mudar a realidade. E non é nada fácil pois témonos que enfrontar a forzas poderosísimas que nos agriden de todas as maneiras posibles. Xa nin me lembro do número inmenso de querelas que nos puxeron, con portadas en todos os medios, e que foron arquivadas todas, co silencio da maioría dos medios. Seguro que cometemos erros. Pero o esencial, é que a nosa vontade de contribuír a construír unha sociedade máis xusta, na que ninguén viva por baixo dos límites da dignidade, permanece intacta. Eu diría a cada persoa que lea esta entrevista que si participa desta idea, de colaborar para facer un mundo mellor, que por favor nos axude. Non a imos defraudar

Rematamos Román. Ti es concelleiro de GañaMos ,unha candidatura de unidade veciñal que ensambla sensibilidades diversas. GañaMos ten futuro ou está morto?

Eu creo que este tipo de espazos son procesos fracasados e mortos. O exemplo témolo en En Marea

Ti es concelleiro de Podemos u de GañaMos?

De GañaMos