A xubilación para algúns profesores é un tempo libre merecido e é unha aspiración para o descanso e a iniciación dunha nova etapa vital; para outros é difícil cerrar de forma definitiva a porta a un traballo que amaron toda a vida; posiblemente porque, cando é vocacional, é unha preferencia, e, por tanto, de moi difícil retiro. Isto que digo, nalgúns casos mesmo podo afirmalo persoalmente. Si, hai xa bastante tempo fun alumno durante dous anos dun colexio de Vigo, onde a maioría do profesorado que nos impartían as aulas eran mestras e mestres xubilados, cunha sabedoría, paciencia e entusiasmo que moito llelo agradecemos, polo pouso que deixaron en nós.
Por conseguinte, paréceme admirable e relevante a actitude activista destes docentes que, de forma altruísta, seguen poñendo o seu saber, talento e experiencia acumulada durante tantos anos ao servizo da sociedade: prestando clases de apoio ocasionais nos propios centros, organizando e dirixindo bibliotecas, dando clases para adultos, participando e gobernando entidades sociais e culturais, integrándose nunha ONG, impartindo talleres de lectura, dando conferencias…
Estas persoas ben podían ser algunhas das “imprescindibles”, das que fala o escritor alemán Bertolt Brecht. “Hai persoas que loitan un día e son boas. Hai outras que loitan un ano e son mellores. Hainas que loitan moitos anos e son moi boas. Pero hai as que loitan toda a vida: esas son as imprescindibles”.
Así pois, o caso do que lles quero falar é o dunha persoa que igualmente é unha das necesarias, pola súa actitude de compromiso social, mesmo no seu tempo de xubilación. Trátase da profesora Lourdes Castro Domínguez, natural do concello de Arbo. Desde 1985 ten “casa aberta con fumes” na parroquia redondelán de Ventosela. Chegou á vila dos viadutos en 1969 para dar clases no CEIP de Reboreda e faríao durante 31 anos; antes impartíraas en tres concellos ourensáns: Carballeda de Valdeorras, Cea e Muíños. Terminaría xubilándose como ensinante no IES Pedro Floriani da vila redondelán. Sostén que os mellores recordos como mestra foron os seus comezos e, a día de hoxe, énchea de satisfación ver tantos exalumnos que gardan recordos entrañables da súa etapa como docente
Desde xuño do 2020 é a presidenta do Centro Cultural Miñoteira de Ventosela, cun propósito de proxectos que, polas condicións sanitarias do momento, aínda non foi posible iniciar: a posta en marcha da biblioteca infantil/xuvenil, roteiros de coñecemento da parroquia para a propia veciñanza, posta en valor dos xacementos arqueolóxicos, celebración das festas do ciclo anual, presentación de libros, conferencias, exposicións, cursos varios…
Como ela mesma di: “Todo o que hai é froito das iniciativas desinteresadas dos que se poñen á fronte das asociacións. A dinamización sempre foi desde dentro e as asociacións son elementos imprescindibles. Dirixir comporta preocupacións e xestións complexas que obrigan a manterse activa, física e mentalmente”.
Os mellores desexos á nova xunta directiva do Centro Cultural Miñoteira e moitos parabéns á veciñanza de Ventosela. Onde hai un profesor hai unha escola.