Xabier Toba( profesor de física)
Xusto o día despois das eleicións do pasado 18 de fevreiro, caseque cos datos aínda mornos, sento-me diante do computador para, con toda a brevedade que poida, trasmitir o que teño sentido nos últimos días, durante a campaña, e no día no que fumos as urnas e coñecimos os resultados.
Porque as sensacións que quero trasmitir son distintas, diferenciadas.
Comecemos pois pola campaña eleitoral.
Había moito tempo que non asistía a unha campaña tan apaixoante, tan cautivadora.
E compre dicer que foi o BNG que aportou a paixon e o talento.
Frente a un PP dirixido por un Alfonso Rueda gris, que pasou os días evitando os debates (agás o que se celebraba no seu campo de xogo: a RTVG), un candidato sen dotes de sedución e sen discurso, o candidato dun partido que as veces parecía sentir medo simplesmente do que poidera dicer o seu proprio candidato, apareceu Ana Pontón, unha candidata ben preparada, talentosa, incansabel e brillante, apoiada nun BNG intelixente, lixeiro de ideias, rápido, que traballaba con programación e que improvisaba con sabiduría. Frente a un discurso, o do PP, que reclamaba como identidades o debate da amnistía ou que acusaba de terrorismo a qualquer paseante, Ana Pontón ergueu un discurso que falaba da Galiza, dos galegos e galegas e dos nosos problemas. A sanidade, a educación, o coidado das persoas idosas, a industria, as infraestruturas ferroviarias, todas esas circunstancias que determinan as nosas vidas, construíron os alicerces dunha exposición programática que interesaba necesariamente á cidadania.
Poren non foron só os contidos, foi o proprio tono do discurso de Ana Pontón e do BNG, un tono conciliador que buscaba a cercanía e a complicidade, que vestía o proprio discurso de convición, coñecemento e seguridade.
Para mín, que levo alguns anos alonxado da ación politica, foi un pracer descobrir a un BNG e a unha Ana Pontón que fixeron que me sentira implicado diretamente na campaña e aplicara algo do meu tempo a axudar a que o noso obxectivo de tirar ao PP do governo da Galiza e que tal responsabilidade pasara a mans do BNG e do PSOE baixo a presidencia de Ana Pontón, esa persoa que facía que aparecera como un obxectivo asequibel, cercano.
Foi unha magnifica campaña e dende esta humilde carta quero parabenizar a Ana Pontón e a todo o BNG pola calidade ténica e humana trasmitida.
Mais como decía ao inicio, a sensación final cos resultados tiveron un efeito sobre o meu ánimo nada feliz a pesar do tremendo incremento de apoio que obtivo o BNG. E teño para min que este sentimento é moi común entre aqueles e aquelas que votamos BNG. Porque xa todos e todas estabamos a ver cumprido o noso desexo de anovar a Xunta e de, por fin, ver a Ana Pontón, unha muller galega, presidir o governo galego.
A verdade é que as contas estaban máis que xustas. Poren soñabamos con que se producira unha movilización do voto que permanecía oculto na abstención nas eleicións galegas. Soñabamos con que esa maioría de votantes progresistas que nas eleicións xerais superaban o voto da dereita toda, trouxera o resultado que queriamos. Mai non foi así.
Os números decían que se nas eleicións de avril de 2019 a suma de votos das forzas alternativas (PSOE, Unidas Podemos, BNG e En Marea) superaban á suma de PP-Cs- VOX en 156 000 votos, esta diferenza nas eleicións de novembro de 2019 ficara reducida a 117 000 e nas eleicións de xullo de 2023 era xa de so 30 000 (ver a tabela adxunta).
E permitian aprezar que o PP ia sumando votos procedentes de Ciudadanos e VOX suficientes para que dende un 27,39% que obtivo en avril de 2019, chegara a un 43,54% no pasado xullo. Si, o BNG subía mais PSOE e Unidas-Podemos cedían terreo.
E así foi.
Queda en nos a ilusión que deixou a campaña, e as esperanzas que fican sementadas no noso desexo dunha Galiza mellor. Sabemos que queda moito traballo que facer.
Mais sabemos que contamos coa ferramenta axeitada, o BNG, e cun equipo dirixido por unha muller, Ana Pontón, decidida, valente e intelixente que saberá dirixir os seguintes pasos no camiño da xustiza e da liberdade.