Pedro Pereira e Cami Moreira, representantes da fronte nacionalista, pasarán a formar parte do goberno municipal
Este martes 15 de outubro o Bloque Nacionalista Galego asinou co PSdG-PSOE un acordo programático e de estrutura de goberno co obxectivo de impulsar políticas transformadoras da realidade actual do concello, encamiñadas a mellorar a eficiencia na prestación de servizos e a optimización de recursos públicos.
En dito acordo, ambas forzas políticas asinan un compromiso de boas prácticas no exercicio da función pública para potenciar a transparencia dos distintos departamentos do Concello do Porriño; aplicar políticas que poñan en valor o noso sentimento como galegas e galegos, en tódolos ámbitos de actuación do goberno municipal encamiñadas ao uso do idioma galego; fomentar a participación cidadá, desenvolvendo instrumentos reguladores que teñan como finalidade mellorar a relación cidadanía-Concello; impulsar políticas activas desde o Concello do Porriño que confronten co patriarcado e defendan os dereitos das mulleres; a defensa dos servizos públicos para garantir a súa universalidade, apostando pola xestión directa de forma progresiva dos mesmos, que na actualidade están xestionados de forma externalizada.
Como parte deste documento, unha parte das competencias propias da Alcaldía serán delegadas na Xunta de Goberno Local e no Pleno Municipal, apostando así pola transparencia en toda xestión municipal.
As concellarías que asume Pedro Pereira serán Urbanismo, ordenación do territorio, patrimonio municipal do solo, infraestruturas e mobilidade e a xestión municipal sobre as traídas de augas veciñais, así como a Primeira Tenencia de Alcaldía. Pola súa banda, Cami Moreira asumirá Xuventude, cultura, festas, normalización lingüística e igualdade.
Este acordo queda pendente das delegacións de competencias que deberá facer a Alcaldía nos vindeiros días. Na formación nacionalista “marcaranse unha serie de liñas iniciais para poñer en marcha todos aqueles proxectos que consideran prioritarios para a veciñanza, os cales están desenvolvidos no programa electoral do BNG do Porriño, e sempre abertos a levar a cabo outras cuestións que o pobo nos traslade, xa que a participación cidadá é unha cuestión prioritaria para nós”, segundo manifestou o portavoz municipal Pedro Pereira.