O alcalde Ponteareas reafirmou o seu compromiso de apoiar ás persoas e familias afectadas e demandou campañas de inclusión e visibilización
Ponteareas, 9 de outubro de 2019
Avelaíña, celebrou onte xoves , o Día Mundial da Saúde Mental cun acto que tivo lugar no Auditorio Municipal de Ponteareas e que contou coas palabras de apoio do Alcalde Xosé Represas, coa lectura do Manifesto por parte da Presidenta María Fernanda Orduna, e as actuacións dos usuarios de Avelaíña.
No escenario do auditorio os e as usuarias de Avelaíña amosaron o seu lado máis creativo con proxección de vídeos, unha escenificación dun poema de Mario Benedetti e cunha actuación musical do cuarteto de metais do Conservatorio de Ponteareas sendo aplaudidos por unhas 350 persoas, entre usuarios, profesionais, familiares, achegados de Avelaíña, autoridades locais e tamén de alumnos dos centros educativos IES Pedras de Auga, Val do Tea e IES Barral, e as Asociacións Dar Mais e Asprodico.
O alcalde de Ponteareas insistíu na necesidade de normalizar e incluir no día a día da via social, económica e política ás persoas con enfermidades mentais facendo que sexan partícipes da sociedade. “Seguiremos profundizando no apoio á Avelaíña e ás persoas e familias que padecen estas enfermidades e canto antes comecemos a demandar o apoio e a implicación firme das administracións con feitos e servizos, antes poderemos comezar a axudalos porque finalmente sempre redunda no beneficio de todos”.
María Fernanda Orduna tivo palabras de agradecemento para Ponteareas e deu lectura ao manifesto da Organización Mundial da Saúde que este ano decidíu salientar o índice de suicidios considerado pola OMS como un dos problemas máis graves de saúde pública que debe ser atendido de forma prioritaria.
A este propósito, baixo o lema “Conect@ coa vida”, Avelaíña levará a cabo diversas acciónspara chamar a atención sobre esta realidade e incidir na necesidade de traballar na visibilización e na prevención do suicidio.
O suicidio, unha realidade silenciada
A Organización Mundial da Saúde (OMS), identifica o suicidio e os seus intentos como un dos problemas máis graves de saúde pública que poden afectar ás persoas, e por iso recomenda que sexa atendido de forma prioritaria.
No mundo suicídase unha persoa cada 40 segundos, e en España é a principal causa externa de mortalidade. Galicia, lamentablemente, está no máis alto da clasificación de suicidios. No ano 2017 morreron 323 persoas por suicidio en Galicia, sendo a segunda comunidade con maior taxa de suicidio en termos relativos, cunha cifra de 11,95 suicidios por cada 100.000 habitantes. Na cabeza sitúase Asturias, cunha taxa do 12,95.
Se ben no 2018 Galicia rexistrou a súa mellor cifra en número de suicidios desde o 2012 (288 casos, dos cales o 70% foron homes e as 30% mulleres), estas seguen a ser cifras moi elevadas, convertendo ao suicidio nun problema sanitario e social moi significativo na nosa comunidade.
A prevención do suicidio comprende unha serie de actividades que van dende a educación na infancia e na mocidade ata o tratamento eficaz dos trastornos mentais, pasando por un control ambiental dos factores de risco e unha difusión apropiada da información. O papel dos medios de comunicación é clave para concienciar á poboación sobre este problema de saúde pública e iniciar a súa prevención, pois o trato responsable da información sobre o suicidio axuda a reducir a súa incidencia.
Por outra banda, é necesario que as institucións e os gobernos prioricen o suicidio como problema de saúde pública e desenvolvan estratexias integrais multisectoriais de prevención en Galicia.