A loita de Giovanni pola súa identidade

Giovanni Peixoto

Giovanni Peixoto é un rapaz brasileiro de 33 anos de idade e de profesión actor. El naceu en São Paulo froito dunha agresión sexual que sufriu a súa nai, cando tiña 17 anos, a mans dun home de 26 . Estivo a piques de ser abortado e unha vez nacido moi cerca de ser entregado en adopción, pero cando viu a luz, a súa nai , o seu avó e a súa avoa conmovidos, decidiron que nunca se apartara das súas vidas. A Giovanni nunca lle explicaron as circunstancias da súa concepción e el sempre tivo o soño de coñecer ao seu pai. El é de temperamento sensible e soñador e tiña idealizado o momento do encontro como un acontecemento especialmente emotivo pero por desgraza non foi así. Cando estudaba o bacharelato Giovanni comezou facer prácticas nun xulgado e alí, por casualidade, coñeceu un procedemento xudicial que lle levou á súa avoa paterna. A familia de Giovanni é de clase baixa, pola contra a familia do home que puxo o seme na súa nai é de nivel económico elevado. Eles son de procedencia portuguesa foron moi novos para O Brasil e alí fixeron fortuna. Despois de numerosas vicisitudes Giovanni coñeceu ao seu pai, pero non foi como el esperaba xa que foi nun laboratorio mentres se sometía a unha proba de ADN á que lles obrigou a xustiza brasileira pois a familia do seu pai negoulle en principio o recoñecemento ao que non lles quedou máis remedio que acceder, cando foron obrigados por sentenza xudicial. Giovanni ten unha irmá que tampouco ten contacto co seu pai. O violador casou tempo despois con outra muller e tivo unha nena á que deixou abandonada con tres anos nun taxi e tal episodio propiciou que a nai da nena decidira separarse do seu home. A infatigable labor de pescuda desenvolvida por Giovanni levoulle a localizar á súa irmá, coa que ten unha relación moi bonita. Ela recoñecida como filla polo seu pai desde o momento o seu nacemento e non vai ter ningún problema para obter a nacionalidade portuguesa, a do seu pai. Pero Giovanni non. E así chegamos á cerna da cuestión, pois Giovanni leva catro anos vivindo na UE. Estivo en Lugo, en Alemaña e na actualidade reside coa súa parella na parroquia de Lougares do concello de Mondariz. El desexa ter a nacionalidade portuguesa e malia tela solicitado obtivo a negativa por resposta pois o artigo 14 da Lei de Nacionalidade portuguesa establece que os fillos e fillas de portugueses nacidos fora do país só poderán acceder á nacionalidade cando sexan recoñecidos antes dos 18 anos de idade. Cando a xustiza brasileira obrigou ao pai de Giovanni a recoñecelo el xa tiña 27, e aínda que o ADN determina que Giovanni e a súa irmá son fillos do mesmo pai, ela si poderá acceder á nacionalidade portuguesa, pois cando naceu o seu pai estaba casado coa súa nai, pero a el denegáronlla. Porén o noso protagonista non se rende e continúa dando a batalla xurídica para reverter unha situación manifestamente inxusta ” coa xuda do avogado brasileiro Julian Henrique Dias Rodrigues e da avogada portuguesa Alexandra Rodrigues Sousa” ao que quere agradecer o seu esforzo e a súa implicación
Giovanni ten un marido portugués e podería acadar á nacionalidade por esa vía, pero non quere , entende que esa disposición legal é unha absoluta inxustiza e unha discriminación flagrante. Giovanni, inasequible ao desalento e incansable loitador comezou a moverse e xunto con outro medio cento de persoas, en situación análoga á súa, iniciaron os contactos con distintos deputados e deputadas do parlamento portugués, alén de abrir unha intensa campaña de recollida de sinaturas para poder levar ao parlamento do país irmán a revogación do artigo que lles pon nunha situación manifestamente inxusta. Desde A NOVA PENEIRA unimos a nosa voz á súa e berramos canda eles


REVOGAÇAO DO ART 14 DA LN