Despois dunha épica fase de ascenso disputada na localidade da Caniza as mozas do equipo local non puideron acadar o seu obxectivo de ascender de categoría.

O equipo quedou en 4º posición dos 4 que chegaron a xogar a liguiña de ascenso. Pero a competición foi tremendamente igualada e só foron uns poucos detalles os que decidiron o resultado final. Foi o conxunto vasco o que logrou o ansiado ascenso. O partido contra elas rematou nun empate a 25 goles. E nos outros dous houbo derrotas, pero derrotas moi axustadas : un partido perdérono tan só por un gol e o outro por dous tantos de diferenza.

Xa que logo, o resultado final da competición das mozas galegas só se pode cualificar de éxito e orgullo. Éxito por poder clasificarse para xogar a fase de ascenso, e orgullo por que A Caniza durante uns días se convertese nun dos centros do balonmán español.

Nos días dos partidos, 8,9 e 10 de maio, o pavillón de deportes estaba ateigado de xente amosando o interese do pobo da Caniza polo deporte do balonmán e a grande vinculación que existe entre a vila e o seu equipo.

Nós conversamos con Marcos, o presidente do equipo para coñecer non só as circunstancias desta fase de ascenso senón tamén a realidade do equipo de balonmán

Marcos Estévez presidente do Clube Balonmán Cañiza.

A Caniza é un pobo que respira balonmán polos catro costados. Desde o ano 1987, cando foi ceado o CB Cañiza, pasaron case catro décadas e é moi raro topar algunha familia que non tivera algún dos seus membros que xogase no equipo ou que non tivese algún tipo de vínculo co club. No medio dunha fase de ascenso espectacular disputada na Caniza, na que o seu equipo feminino xogábase a posibilidade de ascender ata a segunda categoría do balonmán español falamos co seu presidente. Marcos é natural da Caniza, ten 46 anos de idade e traballa como comercial. Foi xogador ata os 41 anos. Ten unha forte vinculación co equipo, que chegara a desaparecer e foi refundado novamente no ano 2011 por un grupo de amigos entre os que estivo o actual presidente . Leva tres anos como presidente dunha directiva de 8 persoas na que hai varias mulleres.

Non puidemos acadar o ascenso, pero ter chegado ata aquí foi un éxito rotundo e un inmenso orgullo”

Tendo en conta o cambio oficial de nome da localidade, tedes previsto facer algo ao respecto co nome do equipo?

A verdade é que non falamos nada na directiva. Pero tendo en conta que o club foi creado en 1987 xa con ese nome de “ Cañiza” non creo que entre as nosas prioridades máis inmediatas estea cambialo.

Cantos xogadores e xogadoras ten o club?

Estamos en torno aos 150.

Tedes equipos sénior masculino e feminino, e equipos de canteira?

Si, temos os dous equipos sénior, e na canteira teremos uns 10 ou 12 conxuntos.

Deses arredor de 150 xogadores e xogadoras que proporción aproximada de mozos e de mozas?

Está moi equilibrada. Estamos aproximadamente nun 50% de rapazas e un 50% de rapaces.

Os equipos sénior en que divisións militan?

O masculino na primeira división nacional, que ven sendo a terceira categoría a nivel estatal. As mozas estiveron tamén na terceira categoría que se chama división de honra prata. E nestes días disputamos a fase de ascenso para ir a ouro, que é a segunda categoría do balonmán feminino español.

Cal é o voso orzamento e como vos financiades?

Agora mesmo estamos en algo máis de 200.000 €.Arredor do trinta e pico corenta por cento cubrímolo con distintas subvencións.

E o resto?

Pois témolo que traballar día a día todos e cada un dos días. Grazas á xenerosidade dos nosos patrocinadores e colaborades e a rompernos a cabeza continuamente na procura de distintas fontes de ingresos. De momento estamos pechando ben as temporadas, con moita dificultade, cada vez máis, pero ata o momento conseguimos todos os ingresos necesarios.

As subvencións de onde veñen?

Das 3 administracións: Local, provincial e autonómica

Os vosos xogadores e xogadoras de onde son?

Son fundamentalmente da Caniza e das localidades da comarca: Arbo, Ponteareas…

Tendo en conta a realidade da Caniza cales serían as categorías naturais nas que se deberan consolidar os equipos sénior?

Eu creo que as que estamos. Malia que se nalgún ano conseguimos ascender desde logo que non lle imos facer ascos. Teriamos que tolear para atopar o financiamento necesario, pero ben, un ascenso é algo marabilloso.

O ascenso tería sido economicamente viable?

Agora mesmo imos gozar do momento e desfrutar da fase tan bonita que se xogou no noso pobo. Non puidemos lograr o obxectivo do ascenso malia que os partidos foron igualados e os resultados finais decidíronse por detalles. No caso de que si o tiveramos acadado, nós fariamos o imposible para que si o fose.

Estás contento coa implicación do Concello?

Si, si que estou. Estou contento tanto co Concello, como coa DEPO como coa Xunta.

O venres 8, sábado 9 e domingo 10 disputouse a fase de ascenso das mulleres na Caniza. Que valoración fas?

Foi algo marabilloso. Viñeron 3 equipos ao noso pobo: Un vasco, un valenciano e un andaluz. A hostalaría da Caniza e todo o pobo en xeral notouno moi positivamente. O impacto económico foi moi relevante. En canto ao resultado, como sabes non puidemos lograr o ascenso. Pero para min ter chegado ata aquí foi un éxito rotundo e un orgullo inmenso.

Ver o pavillón ateigado de xente e constatar a inmensa implicación que ten o pobo da Caniza co seu equipo de balonmán foi marabilloso e danos folgos, a todos os que formamos parte do club, para seguir adiante.