O “Corpus Christi” é unha festa da Igrexa católica destinada a celebrar a Eucaristía. Sendo un culto público para enxalzar a institución da Santa Eucaristía. Tal e como fixo Xesús na Última Cea, cando converteu o pan no seu corpo e o viño no seu sangue.

A finalidade do Corpus Christi é proclamar e aumentar a fe dos católicos na presenza real de Xesucristo no Santísimo Sacramento. Durante este día as celebracións adoitan incluír unha procesión onde a hostia exhíbese nunha custodia. Nalgúns lugares, entre eles España, trasladouse a observancia ao domingo seguinte para adaptarse ao calendario laboral. É o que se coñece como o Domingo do Corpus, que este ano será o domingo 7 de xuño.

A orixe da celebración do Corpus vén do papa Urbano IV, que instituíu esta festa en 1264 e as procesións relacionadas co Corpus foron populares a partir do século XIV. En España deixou de ser un día festivo nacional no ano 1989 e obtiveron a declaración de festas de Interese Turístico Internacional as da cidade de Toledo e Ponteareas.

O Corpus de Ponteareas desta edición comeza con polémica entre a Asociación de alfombristas da vila e o Concello.

A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas rexeita as propostas do Concello para crear un Centro de Interpretación dedicado á festa, ao considerar que as alternativas ofrecidas, o actual centro de saúde e parcelas da periferia, non responden á relevancia cultural da tradición.

Os alfombristas defenden que o futuro espazo debe localizarse no centro urbano e reclama paralizar a demolición da antiga escola infantil, que consideran unha opción provisional válida. Tamén propoñen habilitar a planta soto do mercado municipal ou adquirir o antigo local de Comercial Tea.

O conflito co Goberno local intensifícase. Os alfombristas estudan non participar en actos institucionais e incluso impedir simbolicamente a visita municipal aos portais durante a noite do Corpus. Ademais, critican o investimento de 40.000 euros nun perfume promocional fronte ás axudas inferiores aos 35.000 euros destinadas aos tramos alfombristas.

A asociación denuncia falta de compromiso institucional cunha celebración que dá proxección internacional a Ponteareas e reclama solucións “serias e realistas”.

Pola outra banda desde o concello veñen de presentar a programación deste ano cun calendario con máis de 60 actividades que se desenvolverán entre o 14 de maio e o 5 de xullo, combinando tradición relixiosa, música, cultura, deporte e propostas para todos os públicos arredor dunha celebración declarada Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural.

A programación arrincará oficialmente o 14 de maio cunha conferencia sobre o misterio da Eucaristía e continuará ao día seguinte coa apertura dos portais alfombreiros, un dos símbolos máis recoñecibles da festa. A actuación da cantante Lucía Pérez dará inicio a varias semanas nas que os espazos de traballo das alfombras florais se converterán tamén en escenarios culturais con actuacións de grupos folclóricos chegados de distintos puntos de Galicia.

Entre os actos destacados figuran o concerto do XXX aniversario da Banda de Música Reveriano Soutullo, a graduación do Conservatorio Profesional de Música ou a proposta Talento Xove, dirixida á mocidade e centrada en disciplinas como o teatro, a música, a cociña ou as sesións de DJ. Tamén destacar a exposición fotográfica “Corpus Christi, a paixón dun pobo”, distribuída por diferentes locais comerciais da vila durante todo o mes.

A conta atrás cara á fin de semana grande intensificarase o 31 de maio coa inauguración da exposición “Corpus en Flor” e a lectura do pregón, que este ano correrá a cargo de Rafael Carracedo Crespo. Ese mesmo día celebrarase tamén unha actuación familiar de Uxía Lambona e a Banda Molona.

Nos días previos ao Corpus sucederanse os obradoiros infantís, inauguración da decoración do Corpus Inclusivo e as exposicións de florerías, ata chegar ao momento máis esperado: o inicio da confección das alfombras florais na tarde do 6 de xuño. Centos de veciños e veciñas ocuparán as rúas do centro histórico para crear os tapices efémeros que converteron Ponteareas nun referente internacional da arte floral.

O domingo 7 de xuño celebrarase o día grande da festa coa misa solemne e a tradicional procesión do Corpus Christi sobre as alfombras, acompañada por música e autoridades ás 11:30h. Pola tarde terá lugar o desfile de carrozas ás 19:00h. e, xa pola noite, dúas grandes orquestras amenizarán a verbena en distintos puntos da vila: América actuará na Praza de Bugallal e Panorama City na Praza Maior, nunha xornada que rematará cun espectáculo de fogos artificiais ás 00:00 h.

Os actos continuarán o luns 8 de xuño cos actos de memoria e recoñecemento, marcada pola homenaxe ás persoas alfombreiras falecidas, ás 19:00h. Á ofrenda floral ao Monumento ao Alfombreiro ás 20:00h. e a entrega das medallas do Corpus Christi coa actuación da banda de gaitas “Os Zoqueiros” no Auditorio Reveriano Soutullo ás 20:30h. A celebración pecharase coa actuación das orquestras Os Satélites e París de Noia pecharán os actos nas prazas da vila.

Ademais da programación cultural e relixiosa, o Corpus 2026 contará cun importante apartado deportivo, con citas como o Mini DH Urbano, a Clásica Álvaro Pino, un torneo internacional de kendo e o Open Vila do Corpus de tenis.

Durante a presentación do programa, o goberno local destacou o papel fundamental das persoas alfombreiras e insistiu na vontade de reforzar a colaboración co colectivo para garantir o futuro dunha tradición que leva máis de dous séculos definindo a identidade de Ponteareas.