“Hai persoas que loitan un día e son boas. Hainas que loitan un ano e son mellores. Hai outras que loitan moitos anos e son moi boas. Pero hai persoas que loitan toda a vida, esas son as imprescindibles”
Bertolt Brecht
O seis de xuño deste ano finaba Raúl Francés Valverde. El nacera no Porriño en 1934, e desde hai tempo vivía coa súa compañeira Pepa na parroquia de Sanguiñeda. Raúl era un histórico militante da agrupación socialista de Mos. Raúl foi unha persoa desas que moi de cando en vez atopamos no camiño da vida que fan mellor á humanidade. El entendeu e practicou, que a esencia da civilización é a cooperación entre iguais, de feito artellar as relacións sociais arredor da cooperación, en lugar de como están agora en torno á competición, é a única posibilidade de podermos chegar a vivir nunha sociedade decente.
A evolución vital da figura de Raúl Francés non se podería entender de maneira adecuada sen coñecer a historia da súa familia, e en particular o asasinato do seu pai. O seu pai José,tivo 6 irmáns, e dos 7 só dúas mulleres puideron zafar da represión do franquismo. Tres irmáns; José, Eleazar e Antonio, foron asasinados e outros dous pasaron longas temporadas en prisión,Eladio 18 anos e Pamplona, e Asunción 12 anos en Santurrán
José Francés.

Raúl foi fillo de José Francés, natural da zona do Codesal no Concello do Porriño. José naceu no ano 1906 e aos 19 anos comezou traballar como factor de Renfe nos Valos, onde naceu Raúl, e logo pasou a traballar no Porriño. Cando se produciu o golpe de estado había catro factores no Porriño e todos foron represaliados. Un deles foi o pai de Raúl, militante activo do partido socialista e da UGT.
José Francés foi detido o 13 de agosto e despois dun xuízo farsa, foi condenado a morte e fusilado o día 27 dese mesmo mes detrás do seminario de Tui, xunto con outro veciño do Porriño tamén asasinado.
A nai de Raúl quedou viúva con 27 anos e dou fillos cativos, Raúl de dous anos e a súa irmá de catro. Tiveron que ir vivir á casa do avó materno de Raúl que afortunadamente tiña un negocio no Porriño, unha tenda de ultramarinos, que evitou que caeran na indixencia.
Despois do asasinato.
Aos 10 anos de idade Raúl ingresou no colexio de orfos ferroviarios de Madrid, alí pasou catro anos ata que lle chega información de que en Zeltia buscaban traballadores e con 14, sendo apenas un neno, comezou a súa vida laboral nesa empresa. A Raúl contáranlle que o seu pai morrera na guerra, o mesmo que lle dicían a todos os fillos e fillas de represaliados polo fascismo criminal,e foi, como case todos, coñecendo aos poucos a negra e terrible realidade:o seu pai non morreu na guerra, foi asasinado polas bestas salvaxes .
A memoria histórica.

A medida que Raúl foi coñecendo a verdade sentiu a necesidade de sabelo todo e de divulgalo todo para que todos coñeceran a historia da súa familia, metonimia de milleiros de historias terribles, que foron obrigadas a vivir as familias daquelas persoas decentes que non quixeron mirar a outro lado cando as gadoupas do fascismo petaban con forza na realidade cotiá do estado español.
E a necesidade de saber e de espallar non estaba motivada por ningún tipo de rancor. El mesmo dicía neste medio de comunicación no ano 2019 que non sentía rancor algún. Todo o contrario, el sentía a necesidade de contribuír a dignificar a memoria de quen perdeu a propia vida, de quen sufriu represión, por ser decente e querer un mundo baseado na igualdade, na liberdade e na xustiza. Raúl Francés sentía que llo debía ao seu pai e a todos os que, como o seu pai, foron represaliados polo nacional catolicismo español. A represión foi tan importante que só no Porriño houbo 74 persoas asasinadas, en total 134 nenas e nenos quedaron orfos por mor do terror que practicou o nacional catolicismo español . Pero non só iso, sentía que tamén llo debía ás xeracións futuras que deben de coñecer a verdade para que o inferno na terra, que se iniciou o 18 de xullo de 1936, nunca se volva a repetir.
A loita incansable e a pegada nas almas.
E o que comezou en forma de pescuda no arquivo militar de Ferrol foi un camiño permanente que só rematou o día que Raúl morreu.
Na Volta da Moura, en Tebra, axudando a que as viúvas e orfos da guerra reclamaran as pensións ás que tiñan dereito…en calquera parte na que se desenvolvese un acto de homenaxe ás persoas represaliadas, en calquera lugar no que se reivindicase unha causa xusta alí estaba Raúl Francés colaborando como o que máis.
Ese tipo de persoas que sempre están, e coas que sempre se pode contar deixan pegada nos corazóns e nas almas dos que se cruzan con eles na vida. Tanto é así que os seus compañeiros e compañeiras da agrupación do PSOE de Mos manifestan que a calidez, a seriedade, o rigor e a xenerosidade do seu militante Raúl Francés Valverde deben de ser o faro que guíe o seu traballo político sempre. Nós quixemos coñecer un pouco máis como era a militancia de Raúl Francés e achegámonos ata o local que os socialistas de Mos teñen en Sanguiñeda, moi cerca da casa de Raúl, e conversamos con dous socialistas.( Falamos de Raúl principalmente, pero confeso que non puiden resistir a tentación de preguntarlles algunha cousa de política local)
Alejandro Figueroa e Tomás García militantes do PSOE de Mos.

“ Raúl Francés foi unha persoa extraordinaria, e un militante exemplar”
Alejandro é un rapaz de Cela concelleiro na actual corporación mosense, e Tomás é un veterano militante socialista veciño de Torroso, ex concelleiro durante tres mandatos e na actualidade membro da executiva local.
Tomás na túa etapa como Concelleiro cantos alcaldes coñeciches?
Coñecín a dous alcaldes, Ballesta e Ramón Alonso, e a unha alcaldesa, Nidia Arévalo.
Cal foi o mellor dos tres?
Non sabería dicirche, cada un tiña o seu estilo. O que si teño claro é que a peor dos tres é actual alcaldesa.
Por que?
Porque ten un talante autoritario, porque trata aos veciños de maneira diferente en función de como pensen, porque é unha xestora pésima e porque a transparencia do seu goberno é inexistente.
Cando entraches a militar no PSOE, Tomás?
En 1.991 fun na lista deles como independente, e ao pouco tempo xa me afiliei.
Por que no PSOE?
Porque sempre fun unha persoa de esquerdas e o PSOE é o partido que máis se achega á miña forma de entender a realidade.
E ti Alex, cando entraches no PSOE?
Aos 19 anos, agora teño 33.
Entraches moi novo. Cal foi o motivo?
Digamos que sentín que as perdas do goberno do estado, do presidente Zapatero, do goberno da Xunta do presidente Touriño e do goberno do Concello de Mos da alcaldesa María Jesús Escudero supuxeron unha regresión terrible en todos os niveis, e tiven a necesidade de colaborar para tratar de reverter a situación.
Cal das tres perdas che doeu máis?
Doéronme as tres, pero a perda do Concello de Mos molestoume moitísimo por como foi: un caso de transfuguismo político de manual, no que incluso se trouxeron matóns de discoteca para o pleno da moción de censura.
Tomás cando entraches no PSOE xa coñecías a Raúl Francés?
Non, coñecino aquí.
Como era Raúl Francés no trato persoal?
Un ser humano excepcional. Era un tipo amable, cordial, respectuoso, culto, tolerante e lúcido.
Era un home enormemente metódico, organizado e un traballador incansable. Raúl Francés foi unha persoa extraordinaria e un militante exemplar.
Tes a mesma opinión Alex?
Absolutamente si. Si, sen ningún tipo de matiz. Eu a todas a s características que referiu Tomás, todas verdade, engadiría que Raúl era unha persoa moi formada que nunca deixou de ter interese en aprender.
Tamén quixera mencionar o papel fundamental que Pepa, a súa compañeira, tivo na súa vida. Pepa é unha muller profundamente de esquerdas, comprometida e feminista que foi esencial na vida de Raúl Francés.
Ti onde coñeciches a Raúl?
No partido.
Como era coa xente nova?
Un mestre, un mestre como ser humano e un mestre como militante. O nivel de confianza que daba era tan elevado que para calquera cousa que precisaramos tiñamos a porta da súa casa aberta.
El naceu no Porriño, por que militaba na agrupación de Mos?
El naceu no Porriño, si. Pero fixo casa en Sanguiñeda, moi preto de onde temos nós o local, e desde ese momento, creo que na década dos 80 do século pasado, pasou a militar na agrupación de Mos.
Participaba nas asembleas locais?
En todas e cada unha. Non se perdía ningunha das nosas xuntanzas.
Se tiverades que destacar algunha característica vital de Raúl, cal mencionariades?
A súa profunda sensibilidade para o sufrimento alleo en xeral, e en particular para dignificar a memoria das persoas que sufriron a represión franquista. A pegada que deixou en todos e todas as militantes socialistas é imborrable. A lembranza da súa figura sempre estará presente en nós.
