Salvador Pérez Gil, presidente das Nieves Fútbol Club

Presidente do equipo de fútbol de As Neves

Salvador é o presidente do club de fútbol de As Neves. El é un veterano dirixente deportivo que se laia da escasa implicación que existe na sociedade local co seu equipo. Asemade apela que haxa máis xente que dea un paso adiante e que axude ao club pois é cousa de todos.

Queremos ascender á xente da canteira. O equipo de fútbol de As Neves é para que xogue a xente da vila”.

Cantos anos levas de presidente do equipo de fútbol?

Doce anos

Cal foi o motivo polo que decides facerte presidente do club?

Foi decisión da xente do pobo, dixéronme que me puxese eu como presidente, fíxeno e aquí sigo, non teño que me substitúa.

Tes ganas de deixar a directiva do club?

Si que teño ganas, xa levo 12 anos, empézaseme a facer un pouco pesado, pero non hai quen quede no meu sitio.

Cantos directivos sodes no club?

Comigo cinco(Julio Alonsi, Pozas Aves, Vicente González e Miguel Rial) . Se me vou eu, vanse os outros catro e non hai unha nova directiva para que quede no noso sitio.

É o que ten o fútbol modesto, que é un sacrificio persoal para as directivas tremendo, verdade?

Si, certo.

Cantas categorías ten o equipo?

O equipo Sénior que compite en Segunda Galega Vigo, Xuvenís en Segunda Autonómica, Cadetes en Segunda Autonómica, Infantís en Segunda Autonómica tamén e Alevíns e Benxamíns que xogan en fútbol 8.

Cantas persoas participan nestas categorías?

Temos sobre 110 nenos e nenas incluída a categoría de Sénior.

Supoño que non será fácil xestionar todo este volume de nenos e nenas a cargo do equipo.

Non, non é fácil. Tamén teño que dicir que temos boa relación coas familias destes pequenos e axúdannos bastante.

Tedes equipo feminino?

Equipo feminino non. Si que temos nenas nos equipos inferiores con categoría mixta.

Non hai demanda suficiente de nenas para montar un equipo feminino?

De momento aínda non pero este é un dos meus proxectos, poder montar o equipo feminino.

Como vai a tempada este ano?

Non estamos a ter sorte nesta tempada. Arrincamos moi ben, pero temos baixas por cinco lesións e unha delas esperando unha operación de xeonllo. Estamos a subir aos xuvenís para poder xogar no equipo sénior. Estes xogadores teñen que xogar dous partidos a fin de semana, o sábado na súa competición e o domingo co equipo sénior, aguantar así é difícil.

Co equipo sénior este é o terceiro ano que estamos en segunda. O ano pasado conseguimos salvarnos, descendeu a terceira o Salvaterra. Este ano non imos ben, estamos de últimos pola táboa. Xa che falei das lesións e de que estamos con cinco xogadores menos, pero, non me preocupa demasiado. Teño a ilusión de poder facer algunha fichaxe máis para reforzar esta tempada e para a do ano que vén xa soben cinco xogadores do xuvenil. Aquí queremos ter a xente das Neves no equipo, non queremos fichar xente de fóra para logo, o ano que vén, mandar aos xogadores de aquí para outras vilas. Queremos ascender á xente da canteira. O equipo de fútbol de As Neves é para que xogue a xente da vila.

Como está o orzamento para facer esas fichaxes?

Temos moi pouco orzamento e o concello dános unha subvención moi pequena. Subiu a mutua e o salario dos árbitros. Non hai orzamento para máis.

Damos xa a tempada por perdida ou tedes esperanzas de salvala?

Aínda nos queda toda a segunda volta e se recuperamos tres ou catro xogadores dos que están lesionados creo que poderemos salvarnos.

Como están as relacións co novo goberno da vila?

Igual que co anterior equipo de goberno, temos as mesmas condicións. Independentemente de que goberne, polo de agora, trátannos igual. O que pedín agora é que nos suban a asignación do cartos un pouco porque nos é moi difícil aguantar a tempada. Temos que facernos cargo do combustible, das fichas dos xogadores, os árbitros dos partidos, que son moitos… Con este orzamento é imposible aguantar máis.

Trataches directamente co alcalde?

Si.

E que che dixo, que aumentaba os cartos?

Prometeume que si, que aumentaría a subvención nos orzamentos do ano que vén.

Queres dicir algo máis para os veciños e veciñas das Neves?

Pois pediría que apoiasen un pouquiño máis ao equipo da vila. Só temos 50 socios e necesitamos aumentar os ingresos para que o noso pobo poida seguir tendo un equipo de fútbol. Así é moi difícil aguantar.