Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

A piques de rematar o ano conversamos coa alcaldesa de Redondela para coñecer a súa visión sobre o estado das cousas na súa localidade. A alcaldesa defendeu con paixón a actuación do goberno que preside, expresou , novamente, a inmensa honra que supón para ela ser a alcaldesa do seu pobo e amosou o seu desgusto polo tipo de oposición, ao seu xuízo absolutamente destrutiva, que exerce o PP local. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

Javier Bas é o máximo responsable dunha forma destrutiva de facer política que en absoluto beneficia a Redondela”

O primeiro que me chama atención ao entrar no Concello é que está “ patas para arriba”.Por que?

Ben, estamos a piques de rematar unhas actuacións que teñen como obxecto multiplicar o aforro enerxético no Concello. Eu comprendo e lamento as molestias que poidan ocasionar as obras ás persoas que veñen ao Concello, pero son obras que van mellorar o noso concello.

Recentemente o PP de Redondela , nunha rolda de prensa, formulou unha acusación moi grave contra ti: Acusouche de falsificar unha sinatura. Hai algo de verdade na devandita acusación?, falsificaches esa sinatura?

É totalmente falso, radicalmente falso. Desde logo que eu non falsifiquei sinatura algunha. Non podo entrar en moitas fonduras neste asunto porque, como sabes, o puxen en mans da xustiza .Pero si digo con claridade absoluta, con rotundidade meridiana que a acusación é falsa.

Contra quen se dirixe a querela que presentaches?

Contra Javier Bas e contra o Partido Popular.

En nada entramos nas festas de Nadal. Como as vai a enfocar o Concello de Redondela?.

Os vínculos de Redondela coa festa e coa cultura están tan profundamente inseridos na psique colectiva da veciñanza do noso pobo que calquera ocasión como esta esixe o máximo esforzo da administración municipal. E desde logo por este goberno e por esta alcaldesa non vai quedar para que no a nós respecta toda a veciñanza goce das festas plenamente. Hoxe mesmo( 13/12) presentaremos a campaña de Nadal con todas as actividades que desenvolveremos nos dous cascos e nas distintas parroquias. Quixera salientar algunha como por exemplo: As festas de pre fin de ano tanto en Chapela como en Redondela, as visitas de Papa Noel ás parroquias, innumerables actividades musicais e para o lecer………..

O PP de Redondela gañou as eleccións municipais en Redondela?

Redondela é unha Vila socioloxicamente de esquerdas e nas urnas dixo claramente que quería un goberno de esquerdas liderado por unha muller socialista.

É difícil de entender que, sendo así, as tres forzas de esquerda do pleno non cheguedes a un acordo para exercer ese mandato ?

Só che podo dicir ao respecto disto que eu respecto moito as decisións internas do BNG. Fíxeno no pasado, fágoo no presente e fareino no futuro estea onde estea. Agradezo moito o seu voto afirmativo na investidura e coa mesma rotundidade que me expresei antes digo agora que o BNG ten a porta aberta para se integrar no goberno cando queira. Eu estaría encantada. Xa temos , nestes dous mandatos, concretado acordos sobre cuestións que se converteron en realidades moi positivas para Redondela.

Por exemplo?

A praza de Ponteareas, o aparcadoiro disuasorio que se acaba de rematar, a Picota, en breve licitaremos unha obra de case un millón de € no Salgueiral, a reforma da alameda de Chapela……

Nestas actuacións sentiches algunha vez o apoio do PP de Redondela?

Non, nunca xamais. Unha cousa é facer oposición que é algo absolutamente lexítimo e téñeno que facer claro que si, e outra é xogar á contra sempre, e tensionar á sociedade sempre.

Pero é todo o grupo municipal do PP?

O grupo municipal é un reflexo do que é o seu candidato, que parece que veu de Madrid imbuído da estratexia de tensión permanente que aplica o seu partido no congreso. Javier Bas é o máximo responsable dunha forma destrutiva de facer política que en absoluto beneficia a Redondela. A súa oposición é un constante acoso e derribo, desnortada sen dirección, que chega a paralizar ao concello. Eu convido a Javier Bas a que reflexione e que faga oposición, claro que si, pero non como a fai agora. Redondela precisa un PP que faga unha oposición construtiva.

Como está o asunto do SAF?

Xa abrimos as mesas de contratación e pronto teremos unha empresa que faga ese servizo.

De que orientación temporal podemos estar falando?

Se non se complica, que agardo que non, penso que nun par de meses.

Unha empresa nova?

Unha empresa.

Que terá que xestionar mellor do que se xestionou ata agora?

Si, desde logo que si. De feito os pregos que fixemos son para iso, para que se lle dea o servizo adecuado aos usuarios e usuarias. Ao respecto disto quero apuntar unha cousa: Esta é unha competencia da Xunta que a administración autonómica obriga a asumir aos concellos e é un gasto para as administracións municipais dun volume moi elevado. Deberiamos xuntarnos, creo eu, todos os alcaldes e alcaldesas e pór á Xunta no seu sitio porque o que fan con isto é intolerable.

Están abandonadas as parroquias?

Outra falsidade máis. Desde logo que hai que mellorar. Pero nin abandono nin nada que se lle pareza. Este mandato haberá unha ampla batería de actuacións para mellorar distintas zonas das parroquias de Redondela. Por outra parte estamos na fase de pregos dun contrato para rozar os camiños das nosas parroquias que vai ser histórico. Nunca se fixera nada parecido en Redondela. E agora faremos un contrato para rozar dúas veces ao ano os nosos camiños.

Caramba , iso non debe de ser nada barato?

Pois non, é un gasto considerable pero é necesario para atender adecuadamente as parroquias e a vontade desta alcaldesa e deste goberno e darlles a mellor atención posible.

Está sucio o casco urbano?

Non,claro que non. Podería , como todo na vida, mellorarse claro que si. Pero eu doulle as grazas aos operarios e ás operarias do servizo de limpeza porque sei que traballan arreo para manter as nosas rúa en bo estado.

Como están as relacións co concelleiro Roberto Villar e con AER?

Moi correctas.

Non prevés que se repitan as tensións do mandato anterior?

Roberto é unha persoa traballadora coa que se pode debater perfectamente. Eu digo que as tres forzas de esquerda de Redondela temos moitas máis cousas en común que diferenzas, e deberiamos, por responsabilidade e porque así o quere a maioría da sociedade redondelá, chegar a acordos.

Temos algún proxecto significativo para este mandato?

Se cadra os máis destacados son:Temos previsto unha actuación moi importante no litoral de Cesantes, a segunda fase da senda verde de Chapela,un edificio multiusos tamén en Chapela, o auditorio ao aire libre na zona da Petanca…

Xa tivemos algún contacto coa nova Deputación?

Veu o presidente a asinar o convenio para as actuacións no Salgueiral, convenio que proviña xa da anterior Deputación. Estou preocupada polos criterios de financiamento que determinará esta nova DEPO. Agardo que manteñan os criterios obxectivos á hora de determinar como vai ser a distribución de fondos. Pero a día de hoxe, 13 de decembro, aínda non sei nada. E estou preocupada.

O asesor da DEPO Javier Bas falou contigo algo ao respecto?

Non.

Como estás de ánimos e de moral?

Forte, teimuda e con moito ánimo. Quero a Redondela, creo en Redondela e para unha muller socialista coma min ser alcaldesa do meu pobo é unha inmensa honra. Estou tremendamente agradecida á veciñanza pola súa confianza. Cometín e cometerei erros seguro, pero a miña vontade de dar o mellor de min para que Redondela teña un goberno xusto , que se ocupe de todas e todos por igual, é inquebrantable.

En breve teremos eleccións na Xunta. Como as ve a alcaldesa de Redondela?

Galicia precisa un cambio, precísao máis que nunca. E a alcaldesa de Redondela vai dar o mellor de si mesma para chegar á alma e aos corazóns da maior cantidade de persoas posible e convencelas da necesidade dese cambio. O cambio é posible. Eu aposto polo cambio.