Marcos Santos
Unha vez máis, no abrente do mes de abril, o Arte Lixo está a piques de deixar a súa pegada nas rúas da nosa vila e de novo, como non podía ser doutra maneira, A Nova Peneira acompaña a un evento do que nos sentimos parte e que xa está inserido na alma da vila dos viadutos. Tanto é así que moitas das obras van ser expostas nos escaparates de moitos comercios da localidade. Xa choveu moito desde aquela 1º edición na que os organizadores falaron con algúns dos comerciantes da vila, para pedirlles espazo para as obras nos seus escaparates. E desde aquela , unha fervenza constate de negocios vanse sumando, ano si e ano tamén, a esta iniciativa socio cultural. Incluso organízase unha ruta polos escaparates das distintas tendas que teñen obras expostas. O Arte Lixo ten un nivel de consolidación tan elevado no tecido social redondelán, que tamén chega á comunidade educativa de Redondela, de feito distintas actividades relacionadas co evento vanse desenvolver nalgúns dos centro de ensino do noso pobo. A arte abre o espírito ás percepcións alleas , é un instrumento de luz e paz, tan necesario nestes negros tempos de guerra e morte, e como din os seus propios integrantes
“ A Arte non ten Cancelas”
Nós erguemos de forma simbólica a nosa copa, para brindar cos organizadores do Arte Lixo por 1.000 primaveras máis para as súas obras nas nosa rúas. E falamos con algunhas das persoas que organizan este marabilloso certame:Fran”larry,” Quico Amoedo, Berto Covelo e Sonia Míguez
“ Acompañádenos nesta viaxe pola creatividade, pois mentres haxa enerxía para crear será imposible destruír”
Como foi o Arte Lixo nestes dous anos de pandemia?
Puido desenvolverse, con moito esforzo desde logo, con toneladas de imaxinación e coa axuda das redes sociais. No 2.020 inicialmente chamámolo “Arte Lixo Confinado”.Logo cando houbo certa apertura no mes de maio puidemos quitar as obras á rúa e facer unha presentación dun disco do Arte Lixo
Seica no “Arte Lixo confinado” tivestes un participante significativo?
Supoño que te refires a Suso de Toro, e si, para nós foi unha alegría enorme a súa participación. Tamén tivemos a Uxía Senlle e a Xurxo Souto
Este ano temos unha novidade importante non?
Si, teremos a colaboración do restaurador Dani Barreiro. El polo seu tipo de traballo encaixa perfectamente no perfil do Arte Lixo
O lixo de antes é da mesma calidade que o lixo de agora?
Non, o lixo de antes era de moita mellor calidade.
Podías encontrar obxectos moi interesantes feitos con materiais moi bos.
Seguiremos facendo exposicións de sala, de rúa e de escaparate?
Si, aínda que este ano a idea é facer “Arte Lixo no salón”.Teremos 4 propostas expostas no multiusos: A de Dani, a de Moisés Iglesias, Lara Bacelos vai facer unha vídeo creación e temos a ilusión de a 4º proposta sexa a de Xío o grande artista de Mos.
Penso que desta volta ides proclamar un “ arte lixeiro de honra” non?
Pois si, pero aínda non podemos dicir quen vai ser.
Despois de dous anos volve o “ Sona Lixo”?
Si, despois de dous anos volveremos a facelo. Aínda estamos decidindo pero a nosa idea é facer unha versión infantil e logo pola noite a versión para os adultos
O Arte Lixo é xa moi coñecido pero sempre pode selo máis. Que lle diriades a quen aínda non vos coñece para que se achegue este ano?
A arte é esencial para reflectir as pulsións creativas do ser humano. E a arte a partir da reciclaxe, do que era “lixo”, simboliza as partes máis nobres da humanidade, aquelas que se resisten a deixar a ninguén atrás e que teñen unha conciencia coa conservación do planeta e coa utilización popular dos espazos públicos. O Arte Lixo é como a enerxía que move a vida ; nin nace nin morre só se transforma. Acompañádenos nesta viaxe pola creatividade pois, mentres haxa enerxía para crear será imposible destruír¡¡
Estades contentos co apoio do Concello?
Sempre podía ser mellor claro. Pero este ano si, este ano estannos axudando bastante ben. De feito unha obra do Arte Lixo do ano pasado foi exposta no posto de Redondela na feira de “Culturgal”