Eles deciden, todas pagamos

Artigo de opinión A Nova Peneira
Rubén Cela
Presidente da Fundación Galiza Sempre e membro da Executiva Nacional do BNG

As clases populares galegas -e do conxunto do estado-, enfróntanse a un gravísimo problema: a escandalosa suba xeneralizada dos prezos que se traduce nun brusco empobrecemento da maioría da sociedade. Atopámonos antes unhas taxas de inflación absolutamente insoportábeis: segundo os últimos datos dispoñíbeis do Instituto Nacional de Estadística (INE), referidos ao mes de febreiro, os prezos incrementáronse na Galiza un 8% (catro décimas por riba da media estatal). Trátase dunha taxa, de por si, alarmante porén, nela aínda non están reflectidas algunhas das subas producidas como consecuencia da guerra na Ucraína e ás sancións comercias á Federación Rusa. Isto fai agoirar, novos incrementos no curto prazo (neste mes de marzo pasaremos xa, moi probabelmente, do 10%) e unha posíbel estabilización no medio prazo en taxas superiores ao 5% durante un período non curto de tempo.

Isto implica a perda de poder adquisitivo do conxunto das galegas e galegos, o drástico empobrecemento de altas capas da nosa sociedade, a perda valor do noso aforro e impor un “imposto adicional” que se ceba en quen menos ten xa que, artificialmente, se incrementan as bases impoñíbeis nominais e fai que paguemos máis impostos polo mesmo produto ou servizo. Polo tanto, a inflación aféctanos a todas e a todos. Notámolo cando vamos ao supermercado, a encher o depósito do coche, pagar a factura da luz ou a calefacción ou cando vemos reducido o valor dos nosos aforros. E nótano, especialmente, quen menos ten: persoas xubiladas, no paro ou as máis precarizadas. Unha parte moi importante da poboación galega cobra o mesmo que o ano pasado (hai que ter en conta que menos do 25% dos contratos asinados no noso país están actualizados conforme a suba do IPC). Porén, pagan moito máis pola luz, a gasolina, gas, ou pola cesta da compra ou alugueiro de vivenda. Isto quere dicir que, sen facer nada, estanse a empobrecer a unha grande velocidade. No mes de xaneiro, o prezo da luz subiu un 46% con respecto ao ano anterior, pero é que, no vai de ano, perforou todos os récords históricos chegando a pagarse o megavatio a máis de 700 euros en determinadas franxas horarias. No caso dos carburantes, atopamos gasolineiras ofertando, por vez primeira na historia, gasolina por riba dos 2 euros o litro ou a bombona de butano case un 40% máis cara que hai só un ano e rozando xa os 20 euros. Todo isto ao tempo que os beneficios das grandes empresas enerxéticas non deixan de medrar (máis 6.500 millóns de beneficio entre as tres grandes eléctricas en 2021. O presidente de Iberdrola embolsouse 13,2 millóns en 2021 e o de Repsol 4,2 millóns de euros). Simplemente, é indecente. E máis indecente aínda é que as respostas que nos dan desde o poder sexan como as do Sr. Borrel: de baixar un grao as nosas calefaccións (cando o problema real é que moita xente non se pode permitir prendela), como as de Yolanda Díaz e Pedro Sánchez baseadas na “contención salarial” que volverán pactar con patronal e sindicatos españois nunha segunda volta da non derrogación das reformas laborais do PP ou como as do sr. Feijóo que son mirar para outro lado como se isto non fora con el.

Alén da afectación individual, a alta inflación condiciona o conxunto da nosa economía, aínda non recuperada das consecuencias da crise de 2008 e, moitos menos, das da pandemia da covid-19. Esta situación reduce o consumo, a produción e, como resultado, o investimento e o emprego. Isto, nun estado como español cun alta taxa de paro e precariedade e moi dependente enerxeticamente do exterior, ten unhas consecuencias agravadas que poden facer que, un problema, a priori, conxuntural, se poida converter nun problema estrutural e pasemos dunha alta inflación á temida estaflación. Desde logo, todos os sinais de alarma están aí: industrias electrointensivas como Megasa ou Ferroatlántica parando polos altos custes enerxéticos ou outras como Stellantis (antiga Citroën) paralizadas por falta de subministros. Gandeiros sacrificando animais antes de tempo por non poder pagar os piensos para alimentalos. Parte da nosa flota amarrada porque o peixe capturado non dá para pagar o gasóleo ou os nosos camioneiros perdendo diñeiro cada día que fan unha ruta. É unha situación absolutamente insostíbel.

O goberno español e a Xunta de Galicia cun presidente de xira-PP por España e gobernando Galiza por whatsapp, non se poden seguir poñendo de perfil, nin moito menos, botar balóns fóra botándolle toda a culpa da situación a Putin. É indiscutíbel que a guerra na Ucraína e as súas consecuencias agrandan o problema, mais non é menos indiscutíbel que esta situación non ven motivada nin exclusiva nin fundamentalmente, pola guerra na Ucraína. O problema ven xa moi de atrás e as súas causas son moito máis profundas. Que non nos falten a nosa intelixencia: un ano antes da guerra na Ucraína desde o nacionalismo galego xa viñamos advertindo deste problema. A diferencia é que mentres outros estados levan meses tomando medidas drásticas para conter esta escalada e mitigar o seu efecto nas capas sociais máis desprotexidas (Polonia hai tempo que xa eliminou o IVE nos combustíbeis e alimentos ou Turquía baixo o IVE dos alimentos do 8% ao 1%), na Galiza e no estado español non se ten tomado ningunha medida con efectos reais.

A solución, pasa, como xa ten proposto o BNG por medidas como a baixada temporal de impostos en alimentos e enerxía, a suba de salarios, prensións mínimas e prestacións sociais ou medidas como a creación dunha banca pública, unha empresa pública de enerxía, un novo sistema tarifario enerxético sostíbel e socialmente xusto e a posibilidade de nos dotar dunha tarifa eléctrica galega, entre outras. Ese non é só o camiño que propón o BNG. É o único camiño para non volvan a decidir os de sempre como abordar esta crise e non volvamos a pagala as e os de sempre.

Rubén Cela Díaz

Presidente da Fundación Galiza Sempre e membro da Executiva Nacional do BNG