Tino Lago
Chus é unha muller de Ponteareas, nova en idade, ten tres anos menos ca min, pero xa veterana neste mundo da política. Despois exercer a oposición ao alcalde Salvador González entrou no goberno con Pepe Represas de alcalde, e agora exerce de tenenta de alcaldesa no mandato de Cristina Fernández. Chus é unha muller profundamente vinculada co seu pobo, malia que vive en Areas é natural de Xinzo é que exerce a súa responsabilidade con entusiasmo. Nós fomos conversar con ela e maniféstase orgullosa do traballo dos socialistas de Ponteareas no goberno conxunto co Bng, e amósase esperanzada en obter un moi bo resultado nas eleccións do 2.023
“O partido socialista é tan responsable como o BNG dos éxitos deste goberno”
Alén da tenencia de alcaldía que áreas levas ti Chus?
Vías e obras, e alumeado
Canto tempo leva no concello ?
Este é o 4º mandato. Os dous primeiros na oposición e os dous últimos formando parte do goberno
E despois de ser oposición 8 anos como levaches o teu primeiro mandato no goberno?
Ter a posibilidade de levar á práctica os nosos proxectos para Ponteareas foi unha experiencia enormemente ilusionante. Recordo con moito cariño os meus inicios no goberno municipal. A redacción do documento da estratexia urbana sostible foi desas cousas que me fixo valorar a enorme responsabilidade e importancia que supuña participar no goberno do meu querido pobo. Nese primeiro mandato conseguimos arredor de 10 millóns de € extras de fondos europeos para o concello de Ponteareas, que en grande medida son todas estas obras que estamos mirando na actualidade
Cando chegastes ao goberno , Ponteareas estaba arruinada?
Si. O noso goberno tivo que pagar en torno a 14 millóns de €.E estivemos nun plan de pagos a provedores supervisados polo goberno do estado. Esa situación limitounos moito as actuacións
Nese primeiro mandato sentícheste cómoda nas relacións co BNG?
A relación entre Pepe e eu sempre foi moi cordial e todas as tensións que tivemos foron resoltas de maneira moi civilizada. Eu tiven claro desde o principio que estabamos condenados a entendernos. Por outra parte a aritmética municipal era máis complexa do que é agora. Eramos catro grupos os que nos tiñabamos que entender e non foi nada fácil. Teño a convicción de que fixemos un moi bo traballo
E non sentiches certa frustración por ter baixado , neste segundo mandato, de 4 a 3 actas?
É algo que soe ser normal nos bipartitos. A pata máis forte dese tipo de gobernos sempre leva todo o mérito. Eu no meu interior síntome tan responsable de todos os éxitos daquel mandato como o BNG.
A morte de Pepe foi unha traxedia e unha inxustiza tremenda. Sempre se fala ben dos mortos, pero neste caso a natureza boa e xenerosa de Pepe Represas é unha verdade incontrovertible ao meu xuízo claro
E ao meu tamén desde logo. A min o seu falecemento afectoume moitísimo. El era unha moi boa persoa ademais tiñamos relación familiar somos primos segundos. Pero o máis importante é que compartimos tanto tempo xuntos que inevitablemente creamos un forte vínculo afectivo. El deixouse a pel para mellorar este concello.
E chegamos ao segundo mandato. Cales son as actuacións máis importantes que estás facendo nas áreas das que es ti responsable?
Todas as obras que se fan nas parroquias de asfaltado e mellora de camiños fanse desde as áreas das que eu son responsable
Pero o rural de Ponteareas é moi grande
E tanto que si. Ten 400 kmts de vías. Fixemos obras en Cristiñade, en Chan da Gándara, en Bugarín en Guláns, en Ganade………Os cartos son limitados para tanta superficie de terreo, pero a miña vontade é atender o máximo posible, con equidade eficacia e dilixencia. Temos un proxecto moi interesante para operar na Picaraña no que imos investir 100.000€.Por outra parte quixera falar do alumeado porque creo que é o proxecto estrela da miña área. Nas subvencións europeas, que antes che comentaba, conseguimos 4 millóns de € que dan para mudar as luminarias de todo o concello. Xa temos máis do 60% executado. Estamos pondo todas as luces LED
Os outros dos concelleir@s socialistas que áreas levan?
O compañeiro Benito leva novas tecnoloxías e persoal, e a compañeira Vanessa leva formación. Ambos desenvolveron un traballo brillante. Cando chegamos ao concello era case decimonónico, os expedientes eran A-Z todos. A modernización desta área de novas tecnoloxías, tan importante, froito do traballo do noso compañeiro, é sobresaínte. No que respecta ao traballo de Vanessa o éxito dos nosos obradoiros amosa ben ás claras o gran traballo que fai. Estamos intentando conseguir este ano o de albanel que penso sería moi importante.
Que percepción observas na veciñanza sobre a vosa acción de goberno?
Eu creo que moi positiva , o rural está encantado
Fíxate, sen embargo eu, nas rúas do casco urbano, observo importantes niveis de tensión?
A tensión que se nota no casco eu creo que se debe matizar. Tanta obra en tan pouco espazo de tempo é inevitable que xere certa tensión. Agardo que se vaia esvaecendo aos poucos pois cando se comprobe que todo é para mellorar a calidade de vida da veciñanza penso que a maioría valorará que o esforzo e as molestias, que eu entendo e respecto, pagaron a pena.
Recentemente representantes da plataforma de afectados pola N120 abandonaron unha xuntanza no concello non conformes coa túa presenza na mesma. Cal é a túa valoración ao respecto?
Ben, creo que para entendelo cómpre pornos en contexto. O Partido socialista pertence á asociación de afectados desde o principio. Eu persoalmente considérome afectada porque vivo en Areas. Cando nós entramos no goberno insistimos con firmeza á Xunta para que redactara o proxecto para quitar tráfico da N120
Que facía a Xunta?
Miraba para outro lado e pasáballe a pelota ao goberno do estado. Cando entra o PSOE no goberno de España colle o toro polos cornos e asume a responsabilidade da redacción dunha variante para Ponteareas. Faise, e fómola coñecer a Pontevedra. As expectativas da plataforma vense melloradas porque entenden que o proxecto é bo. Cando saen os orzamentos do estado non aparece unha partida como tal para a N120 pero si que aparecen partidas xenéricas. Sen embargo a plataforma sempre tivo unha actitude hostil cara ao partido socialista en xeral e cara a miña persoa en particular
Por que?
Pois non o sei. Se cadra entenden que cargando contra nós chegan mellor á veciñanza. Pero eu creo que se extralimitaron. Incluso o presidente da xestora do PSOE recibiu algunha mensaxe inadecuada por parte de alguén da plataforma. De feito nós non avalamos a concentración na subdelegación do goberno. Nós quitamos unha nota na que manifestamos que non iamos aguantar ningún tipo de actitude inadecuada máis. Eles seica se sentiron moi ofendidos e decidiron marcharse da xuntanza á que nos convocou a nosa alcaldesa.
E que pasa co proxecto?
Eu xa hai tempo que decidín non comprometer unha data máis en algo que non dependa de min. O que teño a certeza absoluta é do compromiso do meu partido con Ponteareas. A mellora da N120 vaise facer.
Antes pregunteiche polas relacións con Pepe. E con Cristina?
Son cordiais aínda que temos sobre a mesa varios puntos de desacordo que esperamos resolver.
Cales son?
Fundamentalmente os orzamentos e o centro de saúde. No caso dos orzamentos , por primeira vez, mandáronnos á oposición sen un consenso previo co partido socialista. E iso xerou certa tensión que confío esteamos en vías de resolver despois dunha xuntanza que acabamos de ter co BNG. E no que respecta á ubicación do novo centro de saúde tamén temos diferencias de criterio co bloque.
Vas ser a candidata do PSOE nas eleccións municipais do ano próximo?
Aínda é pronto para responder a esa pregunta. Pero se teño a confianza das compañeiras e compañeiros da agrupación local de Ponteareas eu estarei aí. Traballar polo ben común do meu pobo é unha inmensa honra.
As expectativas electorais para o Partido socialista como as ves?
Eu teño a esperanza de que sexan moi favorables.