Onda Torrella é un podcast que se emite en Radio Redondela. Recentemente gañaron en Fene un prestixioso premio no concurso de podcast galegos, que organiza a asociación de radios municipais de Galicia, e nós quixemos coñecer un pouco mellor ás dúas persoas que fan o programa. Eles son os nosos amigos Fon e Alicia.

Alicia é xornalista e leva 5 anos traballando en Radío Redondela. Ela está moi satisfeita do seu traballo, pero bota de menos que a emisora puidera ter algo máis de medios para podelo desenvolver en mellores condicións.

Fon é un veterano activista cultural súper coñecido na nosa vila. El reivindica con orgullo a súa condición de avó e o feito de ter galeguizado o seu nome. Xa que logo o noso amigo Fon xa é oficialmente o que nunca debeu de non ser: Afonso.

Fon de Con e Alicia Tizón.

Como nace Onda Torrella?

Sempre quixen, di Fon, facer algo na radio de Redondela relacionado co noso pobo. Alicia comezou de convidada e ambos encaixamos moi ben..Parecemos Heidi e o seu avo

Ha, ha, ha, ha…E a cousa foi funcionando?

Pois si, comezou a funcionar moi ben e decidimos convidar a xente de todo tipo, desde persoas moi novas ata xente moi maior.

Como seleccionades aos convidados e convidadas?

Ben, pois aquí teño que dicir, fala Alicia, que as persoas do universo cultural de Redondela tráenas fundamentalmente Fon. E a min sérveme para aprender e para ir coñecendo o amplo tecido social e cultural da Vila, grazas á súa experiencia.

A idea , di Fon, é mesturar a distintas xeracións.

Todo o mundo ten algo que contar?

Si, indiscutiblemente si. Todas as persoas teñen historias interesantes para contar.

Artellades as conversas arredor de media ducia de cancións?

Pois si. Que hai máis bonito que a musica para acompañar ás historias persoais da xente?.

Nada, sen dúbida mesturar a música coas emocións íntimas dos convidados é unha combinación imbatible para construír escenarios de comodidade para as persoas entrevistadas..

E tanto que si. De feito nalgunha das conversas os convidados tiveron a xentileza de facermos escoitar en exclusiva por vez primeira algún dos seus discos.

Preguntades aos convidados o motivo de traer esas seis cancións?

Si, claro,A nós interésannos as persoas. E queremos axudar a trasladar ese interese aos ouvintes. A música é unha ferramenta preciosa para enganchar coas súas emocións.

Contádeme algunha historia musical que vos chegara especialmente?

Pois entrevistando a un mestre de Redondela explicounos a historia dun DJ que pinchaba cancións para animar aos operarios que estaban a limpar Chernóbil despois do accidente nuclear. Artellamos o programa arredor dalgunha das cancións que pinchaba.

Xa levades tres temporadas. Tedes colaboradores habituais?

Si, si que temos:

Nacho Jazz, Juan Rock, Valeria Pop,Pablo Rap..

Recibistes un premio en Fene. Teño que darvos os parabéns e dicirvos que como redondelán e fan de Radio Redondela estou moi orgulloso

Moitas grazas Marcos. Si, foi no segundo concurso de podcast galegos que organiza a asociación de radios municipais. Déronnos un premio, ao noso podcast, no apartado de mellor deseño sonoro e a verdade fíxonos unha ilusión enorme. Que alguén recoñeza o teu traballo sempre é moi gratificante.

Daremos o paso ao vídeo podcast?

Todo ao seu tempo. En Radio Redondela necesitabamos algunha persoa máis. Temos unha carga de traballo elevadísima. Agardamos que este premio sirva de catalizador para poder dotar a Radio Redondela de máis medios, porque hai un potencial de crecemento importante.

Que cambiou estes anos en Onda Torrella?

Todo cambiou moito. Basicamente fomos adquirindo máis experiencia que nos permite desenvolvernos con maior solvencia. Gañamos moito en complicidade e confianza mutua. O que máis satisfacción nos dá é que os convidados saian das conversas moi satisfeitos.

Hai algún aspecto do podcast que sexa innegociable?

Si, claro que o hai. Por exemplo: O feminismo, a memoria histórica, a liberdade para Palestina…..

Canto tempo lle queda a Onta Torrella?

Mentres nos sigamos divertindo con isto Onda Torrella seguirá navegando polo corazón de Redondela . Temos moitas ideas, novas seccións preparadas e toneladas de ilusión que agardamos compartir cos e coas ouvintes durante moito tempo.