O pasado 19 de Xuño no IES Pino Manso do Porriño presentouse un novo número da revista de filosofía Opino. Malia que é o número 4 da publicación , en realidad estamos ante a 5º edición pois a revista naceu cun número 0.
Opino é realizada integramente polos alumnos e alumnas de 2º de bacharelato deste instituto do Porriño. A idea xorde da cabeza de Pedro Ocampo, profesor de filosofía do Pino Manso. Este mestre tiña o convencemento de que a tendencia a anatemizar a mocidade actual é inxusta e non se corresponde coa realidade, e propúxose amosar con feitos que se aos mozos e mozas se lle dan estímulos adecuados son tan capaces de construír un pensamento crítico e de participar activamente en proxectos colectivos como calquera outra xeración.
Esta idea, facer que os alumnos e alumnas fagan unha revista de filosofía en papel, que en principio podía parecer unha tolemia, deu como resultado que cada ano ducias de mozos e mozas colaboren na redacción dos textos que fan parte dos distintos números de Opino, e que cando se presenta a edición anual sexan arredor de 50 rapaces e rapazas as que acompañen a Pedro e a Juanca, o profesor de plástica que se incorporou na segunda edición da revista e que desde ese momento traballou cóbado a cóbado con Pedro para asesorar aos auténticos protagonistas de Opino: Os e as estudantes de 2º de bacharelato.
Na presentación deste 2026, Pedro non puido estar fisicamente cos seus alumnos e alumnas. Un problema de saúde fixo imposible que lles puidera acompañar. E a presentación converteuse nunha fermosa homenaxe á súa persoa .Tanto o profesor Juan Carlos Lago, como o alcalde Alejandro Lorenzo fixeron votos pola pronta recuperación de Pedro, e os seus alumnos e alumnas dedicáronlle un aplauso inmenso, tan cargado de sentimentos afectivos que resultaba imposible non emocionarse. Eu que coñezo ben a Pedro, colaborou moitos anos escribindo artigos de opinión en ANP, e sei da súa profunda humanidade e brillante lucidez súmome a ese aplauso oceánico e tamén fago votos para podelo ver o antes posible preparando o próximo número da revista OPINO.
Velaí vai o resultado da miña conversa con Juan Carlos Lago o día da presentación da revista.
Carlos Lago, codirector da revista Opino.
“ Neste número da revista os rapaces ensínannos como ven eles o mundo”
Antes de comezar, gustaríame ter unha lembranza para Pedro, o outro codirector da revista, que non puido asistir por motivos de saúde. Quero expresar de parte de toda a redacción de ANP o noso recoñecemento ao seu traballo e o desexo unha pronta recuperación.
Paréceme xusto e necesario. Pedro foi quen iniciou este proxecto e quen nos foi implicando a todos pouco a pouco. Nestes momentos non pode estar connosco porque está enfermo. Estamos convencidos de que axiña estará recuperado e propoñendo xa novos números da revista.
Que número é este de Opino?
É a quinta edición da revista, aínda que figura como número 4 porque comezamos cun número 0.
Pedro participou tamén na elaboración deste exemplar?
Si. Non escribiu ningún artigo concreto, pero participou na coordinación e no traballo co alumnado. Todo o material estaba preparado e o seu labor foi fundamental durante todo o proceso.
Cal é o tema central da revista deste ano?
Foron os propios rapaces e rapazas quen decidiron que a revista xirase arredor da súa xeración, a chamada Xeración Z. Foi un tema moi interesante porque nos permitiu coñecer mellor como ven eles o mundo e tamén comparar a súa realidade coa doutras xeracións, como a dos profesores que participan. Cada un fala da súa xeración e o contraste queda bonito.
Que conclusións se poden extraer destes contastes xeracionais?
A máis evidente é o enorme impacto da tecnoloxía. A vida dixital ocupa un espazo moi importante no día a día da mocidade actual, eles teñen case máis vida dixital que real. Tanto nos traballos realizados polo alumnado como nas reflexións do profesorado aparece esa idea dunha sociedade na que as relacións persoais cambiaron moito. O de xogar na rúa substituíuse por xogar na rede.
Morreu o xogo na rúa?
Si, completamente.
En que aspectos se nota máis ese cambio?
Os propios estudantes recoñecen que ás veces lles custa máis interactuar cara a cara. Por exemplo, algúns comentaban que lles resulta difícil pedir algo nun bar ou iniciar determinadas conversacións. Son situacións que antes eran máis habituais porque a relación social producíase principalmente na rúa e nos espazos compartidos.
Cantas persoas participaron na elaboración da revista?
Participaron máis de trinta alumnos e alumnas, ademais do profesorado colaborador.
Nos últimos anos había unha ampla maioría de rapazas que participaban na revista. Este ano foi igual?
Este ano compensouse un pouco, pero segue habendo máis alumnas que alumnos.
Todos os anos había unha receptividade enorme do alumnado, mantense o interese polo proxecto?
Si, sen dúbida. Todos os anos observamos unha gran aceptación. Na primeira reunión adoita encherse a aula de estudantes interesados en participar. É certo que despois, por cuestións de tempo ou carga de traballo, algúns van quedando polo camiño, pero o interese sempre se mantén alto.
Que che di iso sobre a mocidade actual?
Que cando se conta con eles e elas, responden. Se se lles ofrece un espazo para expresar opinións, desenvolver o pensamento crítico e participar en proxectos reais, implícanse moito. Ás veces existe unha visión moi negativa da mocidade que non se corresponde coa realidade que nós vemos cada día.
Tamén se di moitas veces que o alumnado de segundo de Bacharelato só pensa nas notas da PAU. Non é certo. De feito, moitos dos estudantes que participan na revista están entre os que obteñen mellores resultados académicos. Son persoas capaces de compatibilizar os estudos con outras actividades porque lles gusta facelas e consideran que tamén forman parte da súa formación.
A revista conta con algún tipo de apoio económico por parte do Concello de Porriño?
Si. Como todos os anos, contamos cunha colaboración institucional que nos permite financiar a impresión. Publicar arredor de douscentos exemplares supón un custo importante e sen esa axuda que nos dá o Concello sería moi difícil facelo posible.

Dirección A Nova Peneira

