
Traballador do Sergas
A agresión militar e o secuestro do Presidente Maduro e Cilia Flores o pasado 3 de xaneiro supoñen un punto de inflexión política e económica en Venezuela, un cambio de paradigma na situación do país que o coloca baixo o dominio colonial do EEUU.
Estamos ante un novo capítulo da nova estratexia de seguridade do goberno Trump para América, o seu “cuarto traseiro”, que coa actualización da Dotrina Monroe pretende o control total do continente: o espolio dos recursos naturais e o sometemento político económico.
Despois de anos de agresións, mediante bloqueos económicos e promovendo unha oposición incapaz de gañar en procesos electorais ou mediante o uso da violencia nas rúas, o imperio decidiu intervir militarmente.
Venezuela era, como Cuba ou Nicaragua, un mal exemplo para os pobos de América, e ademais ten unha das maiores reservas de petróleo do mundo, ouro e outros minerais e terras raras desexados polas empresas de EEUU.
Meses de presión militar e bloqueos navais foron respondidos polo goberno e polo pobo venezolano con demostracións militares, consignas e discursos antiimperialistas de resistencia total ante a agresión militar.
Porén, cando chegou a agresión e o secuestro do Presidente Maduro só houbo unha heroica e valente resistencia por parte de algúns militares venezolanos e polos cubanos que protexían a Maduro. Non houbo unha autentica resposta militar, non houbo defensa, nin o exército nin as milicias foron mobilizadas para defender a soberanía nacional.
Nunha suposta negociación os algúns dirixentes Venezolanos rendéronse e entregaron o país. Hoxe o pobo venezolano aínda non coñece as concesións que se fixeron, que se negociou e quen negociou co invasor.
O que está claro é que Venezuela deixou de ser un país soberano.
Desde o 3 de xaneiro Venezuela pasou de ser un referente do antiimperialismo, de ser un país soberano aliado de Rusia, Irán, China e Cuba, a depender dos EEUU.
Os ingresos do petróleo venezolano van directamente a Washington, a un fondo administrado polo Departamento do Tesouro.
Modificouse a Lei de Hidrocarburos, aos poucos días da invasión, para facilitar o espolio dos recursos petroleiros. O pasado 9 de abril iniciouse o proceso para modificar a lei de minas, na mesma liña de “apertura” á inversión privada.
Extraditouse ao ex-ministro Alex Saab, unha persoa fundamental para garantir o comercio exterior de Venezuela saltándose as sancións económicas. Xestionou programas como a construción de vivendas sociais e o de distribución de subsidios alimentarios CLAP.
O Departamento de Seguridade Nacional dos EEUU e a DEA van abrir oficinas en Venezuela, co pretexto da loita contra o narcotráfico. E xa sabemos o que iso significa, infiltración e control dos corpos policiais e o exército.
Venezuela vai reanudar relacións co FMI e o Banco Mundial, dúas institucións deseñadas para anular a soberanía dos países e o sometemento mediante préstamos imposíbeis de pagar.
O Presidente Hugo Chávez definía ao FMI como “un dos principias instrumentos de dominación sobre América Latina, utilizado por Washington para manter a subordinación histórica da rexión…”
A situación é tan escandalosa que o Secretario de Estado “Narco Rubio” anuncia previamente as viaxes da presidenta “encargada” Delcy Rodríguez á India, antes de que o faga o propio goberno venezolano.
É evidente que non podemos minusvalorar a un imperio que leva moitos anos derrubando gobernos, invadindo países, mercando políticos e xornalistas. Que ten un currículum vítae moi amplo neste tipo de actividades de desestabilización. O acontecido en Venezuela é un de tantos exemplos.
Co tempo saberemos todo o que houbo entre bambolinas antes do 3 de xaneiro. É pouco críbel pensar os EEUU non contaron con colaboración no ámbito político ou militar en Venezuela para facer o que fixeron.
Hoxe só nós queda confiar na capacidade do pobo venezolano para reverter esta situación de submisión, para recuperar a soberanía e volver ao camiño da solidariedade entre os pobos e o antiimperialismo.

