Democracia

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

É un recurso fácil admitir a idea de que as redes sociais teñen envelenado o debate político. Sabemos do poder que arbitran nas mans de individuos como Steve Banon e tantos outros de factura semellante. Pero, ao meu ver, o que por un lado é unha denuncia ben baseada da mentira en política, por outro, falsifica a propia idea de debate político e, nese caso, a propia idea de democracia.

Non hai que demorarse no comentario da potencia que os medios electrónicos teñen hoxe para crear opinión política. Sen a súa opción dificilmente comprenderíamos os sucesos políticos que veñen ocorrendo en USA desde que Trump chegara á presidencia. Nin, por referírmonos a un caso máis próximo, sería fácil a polémica actual sobre a cría intensiva de gando en granxas con miles de cabezas. Hai poucas dúbidas de que a forza deformadora deses medios procede da súa facilidade para borrar a diferenza entre a verdade e a mentira. Hoxe a verdade mídese polo custo da campaña necesaria para presentala ante a opinión pública. Ante esta situación, a denuncia da mentira organizada é logo imprescindible.

Agora ben, o conflito entre verdade e política é vello e cada vez está máis embeleñado. Tan vello coma a democracia e a filosofía mesma. A filosofía en gran medida naceu para poñer remedio á insolencia de quen tiña as mañas de gañar calquera debate público na asemblea dos cidadás. Nunha reunión de individuos cada quen da súa casa e coas súas ideas e intereses. Pero, evidentemente, a filosofía nunca logrou que en debate público a verdade prevalecese sobre os intereses da maioría nin dos grupos dominantes ou mellor armados. A verdade en termos políticos se comporta coma unha continxencia. Triunfa cando é de interese para os que teñen os medios para impoñela.

A esta posición se vinculan os sofistas, expertos en gañar debates con independencia de se sostiña na verdade ou non. Hoxe asociados de xeito abusivo, ao meu ver, ás posicións “realistas”. Os malos da nosa tradición filosófica e política. Aqueles demagogos que se aproveitaban da ignorancia ou debilidade dos veciños e dos votantes para vencer nas asembleas.

Asombra ver que o problema entre a verdade e a política siga a se enunciar nos mesmos termos. Porque, por enorme que sexa o salto, o que vai da presenza persoal duns centos de cidadás na asemblea e os seus discursos a viva voz, ata a presenza virtual nas redes e a escritura inmediata de miles de mensaxes pouco ou nada razoados, a cuestión central mantense inamovible: que o poder político debe basearse na verdade filosófica.

Esa é a falsificación. A democracia non precisa da filosofía, nin para existir nin para se xustificar. Existe onde queira que calquera individuo teña a mesma oportunidade de intervir nos asuntos que afectan a todo o mundo e onde exista a posibilidade de chegar a acordos que non produzan a desafección das minorías derrotadas no debate. Algo dificilmente conseguible namentres o debate se decida en termos numéricos e non en termos de consenso compartido.