Especial Eólicos

Especial Eólicos

A Galicia do PP. A Galicia de Feijóo”

G.Figueiredo e Tino Lago

“Galicia, Galicia Galicia”

Era o lema dos populares nas últimas eleccións autonómicas. É unha mágoa que se lles esquecera parte da realidade á hora de formulalo, pois se en verdade quixeran reflectir as súas intencións políticas, ao respecto do noso país, resultaría máis adecuado algo parecido a

“ Galicia inzada de eólicos”

Así, tal como podemos ver na imaxe da Rede Galega Stop Eólicos, é como quedaría Galicia se a vía da presión social, e en última instancia témome que a xudicialización do asunto, non conseguen parar este disparate que suporía a fin de Galicia tal cal a coñecemos. E todo para que ?, pois para fornecer de enerxía a outras zonas do estado, e para enriquecer aos consellos de administración das grandes compañías as que o goberno galego lle quere permitir arrasar os nosos recursos no seu beneficio. En Galicia xa hai parques eólicos, non na dimensión demencial dos proxectados , e, ao contrario do que di a propaganda, a observación empírica do seu resultado o que amosa é:

-Non fixan poboación no rural. Todo o contrario

-Non supón ningunha diminución de custe no recibo da electricidade. Todo o contrario

-Os supostos beneficios económicos para as comunidades afectadas son ínfimos en comparación coa invasión dos seus recursos, e as molestias ocasionadas coa convivencia con ese tipo de estruturas xigantescas

Na imaxe que ilustra esta reportaxe podemos ver a Galicia inzada de proxectos de parques eólicos. Os puntos de cor amarela son parques Xunta con detalle de situación segundo datos do Rexistro Eólico de Galicia 2.020.E os puntos de cor vermella so parques MITECO( estatais) con localización aproximada. Aínda hai parques MITECO que non aparecen neste mapa co que aquel axioma de que todo pode ir a peor, sempre podería ser unha realidade. Nós falamos con distintas persoas que como o doutor Xavier Simón poden ilustrarnos sobre o estado das cousas e que loitan nas súas comarcas para evitaren esta pandemia eólica. Velaí van as entrevistas co propio Xavier Simón, Andrés Díaz alcalde de Ponte Caldelas, Ernesto Filgueira da terra de Montes, Sara Montenegro do Morrazo, Melisa Terán das terras de Redondela, Óscar González do Condado Paradanta e Bruno Centelles do Val Miñor.


Xavier Simón director do Observatorio Éólico de Galicia

A presión social é fundamental para reclamar cordura no desenvolvemento do sector eólico”

Ti es director do observatorio eólico de Galicia. Para quen non o coñeza, que é o OEGA?

É unha entidade que resulta do acordo entre a fundación Juana de Vega, a fundación Isla Couto e máis a Universidade de Vigo. Nace no ano 2.019 para realizar actividades de asesoramento ás partes que configuran o negocio eólico, fundamentalmente ás comunidades rurais. Asemade tamén desenvolvemos unha actividade divulgativa sobre a enerxía eólica e os seus impactos

Os primeiros parques eólicos chegan a Galicia na década dos 90 do pasado século. Polo tanto xa temos base para podermos analizar a incidencia que eses parques ocasionan nas comunidades nas que se atopan. Cal é esa incidencia?

O OEGA nace no ano 2.019 pero nós xa levamos moitos anos traballando arredor do campo dos eólicos. En Galicia hai unha presenza de produción desa enerxía, superior á media española. Pero isto que podería ser bo, desde o punto de vista do cambio climático, non permitiu crear unha estrutura industrial propia nas comarcas afectadas. Na fase inicial os investimentos si estaban asociados a planes industriais. E nesa fase si se creou un tecido produtivo

Que sigue existindo?

Non, naceu se desnvolveu e morreu

E por que morre?

Porque muda o modelo de deseño. O modelo actual é moi diferente. O goberno galego liberalizou totalmente o sector. E o desenvolvemento eólico é unha carreira para ver quen chega primeiro a instalar muíños nun monte no que non hai, con independencia de que existise, ou non, un plan industrial asociado. A modo de exemplo podemos citar o concello de As Somozas, un lugar de arredor de 1.200 habitantes que chegou a ter unha empresa que empregaba a 600 persoas

Supoño que che refires a Gamesa?

Si

Como é posible que unha empresa que fabrica compoñentes para aeroxeradores, nunha época de auxe explosivo do sector, peche?

É polo cambio de modelo. O anterior, como che dixen, esixía que as empresas interesadas en facer parques eólicos fixesen investimentos industriais. O modelo do goberno galego actual non está vinculado a ningún tipo de investimento industrial

A cantidade de parques proxectado é inmensa. É viable fisicamente que todo iso poida chegar a ser realidade?

Todo parece indicar que si. Se hai capacidade de evacuación da enerxía producida á rede eléctrica , si que é viable

Os defensores do modelo eólico esgrimen os seguintes argumentos:1) fixan poboación no rural.2) abaratan o custe da electricidade.3) benefician economicamente ás comunidades nas que se encontran. Danos a túa opinión ao respecto destas tres consideracións?

A produción eléctrica a través dos parques eólicos si é a forma máis barata de producir electricidade. O que acontece é que o sistema de fixación de prezos da electricidade non permite que esa electricidade chegue barata aos consumidores. Polo tanto de que vale producir electricidade barata se a poboación non se beneficia, e estamos a pagala a uns prezos elevadísimos?..Que implica por outra parte esta situación?, pois que hai quen se está a enriquecer porque vende un produto barato a un prezo moi alto.

No que se refire á fixación de poboación os nosos traballos non encontran a relación entre a instalación de aeroxeradores e unha tendencia poboacional ascendente .Así a modo de exemplo podo citarche o concello de Muras , que ten 264 Mw, instalados e a súa dinámica poboacional é absolutamente decrecente.

E por último no que respecta ao suposto beneficio para as comunidades nas que se sitúan os muíños , se se pode observar algún efecto no que atinxe á creación de emprego, só se dá na fase inicial, a da construción dos muíños. Os propietarios das terras onde se sitúan os parques eólicos , se non son expropiados, reciben unha renda si. Pero é reducida. Está en torno ao 1,5-2,5 % da facturación do parque. Non hai ningún efecto significativo na mellora da calidade de vida das veciñas e dos veciños

Para a construción destes xigantescos muíños requírese inxentes cantidades de cobre , que necesitan as súas bobinas. Poderiamos estar ante unha produción de enerxía supostamente ecolóxica a costa de facermos desfeitas mineiras noutras zonas do mundo?

É que o obxectivo non debe de ser a simple substitución dunhas fontes de produción de electricidade por outras. Cómpre repensar o sistema enerxético e o sistema económico no que se insire ese sistema enerxético. Por outra parte o crecemento indefinido de produción e consumo, incluso de enerxía renovable, non é viable, pois a economía sempre ten uns límites ; o noso planeta.

O que determina a lei é que os parques de menos de 50MW deben de ser tramitados coa Xunta, mentres que os superiores deben de ser tramitados co estado. A lexislación autonómica galega, neste campo, é máis permisiva cá estatal. Hai parques que se fragmentan, simulando ser parque máis pequenos, para poder acollerse á lexislación autonómica?

Hai indicios de que é así. Á veces o mesmo promotor con distinta razón social promove parques eólicos moi próximos que non superan os 50 Mw. Non teño probas, pero hai indicios que parecen indicalo. Na Groba ou no Suído hai exemplos que parecen indicar esa estratexia.

Que vida útil pode ter un muíño?

Fálase de que arredor de 20 anos

Os muíños obsoletos recíclanse?

Na repotenciación de parques reutilízase todo agás as pas.

Que se fai coas pas cando morre o muíño?

Non o sabemos moi ben.

Os muíños existentes non son, nin de lonxe, das dimensións dos muíños de 200 metros que pretenden instalar. As estruturas de formigón, que son as súas bases, servirían para os novos aeroxeradores?

Non

É dicir, habería que facer de novo a obra completa?

Si. Non é o mesmo aguantar unha estrutura de 200 metros que unha de 40. Habería que facer bases novas claro.

As vías que existen para chegar aos parques actuais son suficientes para meter estruturas de 200 metros?

Depende do radio de curvatura que teñan, pero en xeral non.

Iso implica que en moitos sitios habería que construír pistas novas, o que suporá un impacto engadido ao propio impacto da construción do parque?

Si, claro. Non só é a construción do parque senón tamén un montón de infraestruturas asociadas que igualmente afectan ao entorno

Os 500 metros de distancia, que indica a lei, que debe haber entre os muíños e as casas son suficientes para evitar as molestias acústicas á veciñanza?

Nunca fixe unha medición acústica do nivel de ruído. Pero considero máis adecuado o criterio, que existe noutros sitios que leva a calcular a distancia adecuada en función da altura e da área de varrido.

Como valoras a sentenza que anula a repotenciación do parque de Corme porque considera que o procedemento que dá só 15 días para presentar alegacións non está suxeito a dereito?

Nós, no observatorio, sempre defendemos que é necesaria unha modificación significativa do modelo eólico vixente. En varias direccións. Cómpre a actualización do plan sectorial eólico de Galicia e a súa avaliación estratéxica. Por outra parte tamén defendemos que o goberno galego non debera aproveitar as leis de acompañamento dos orzamentos para facer modificacións substanciais de leis orgánicas como é a lei de aproveitamento da enerxía eólica.

E moito menos debera liberalizar tanto o sector que permita liquidar procedementos nun período tan curto como 15 días. Esa sentenza en parte ven dar razón ao que o observatorio, e outros actores, viñamos dicindo. O modelo eólico ten que mudar para dar participación ás comunidades.

A presión social pode parar a masiva instalación de parques ?

A presión social é fundamental para reclamar cordura no desenvolvemento do sector


Andrés Díaz Alcalde de Ponte Caldelas

A redución da dependencia das enerxías contaminantes non pode ser a costa de arrasar o noso territorio para enriquecer ás empresas”

Cantos muíños e de que dimensións proxecta instalar a Xunta en Ponte Caldelas?

Aquí queren montar un parque eólico, pero o maior problema para o noso concello son os catorce parques eólicos que queren montar no concello de Cerdedo-Cotobade pois as liñas de evacuación da meirande parte deles son por Ponte Caldelas.

Foi o concello informado de maneira suficiente das súas intencións?

Nós tanto polas liñas de evacuación como polo parque de Ponte Caldelas e os de Cerdedo- Cotobade soubémolo a través da xente. As empresas están falando cos propietarios das fincas afectadas dunha maneira moi agresiva ofrecéndolles diñeiro.

A única información que tivemos da Xunta de Galicia foi polo parque eólico dos Cotos que en plenas vacacións de nadal declárano de intereses estratéxico para Galicia, con quince días para presentar alegacións. Derivado disto houbo unha manifestación de protesta dos veciños bastante importante e a Xunta entón di que hai erros. Non aclaran cales son e en vez de desestimar o proxecto danlle unha nova oportunidade. Agora tamén tivemos unha notificación das liñas de evacuación. A xunta fixo de todo isto unha tramitación moi chapuceira da cal emitimos unha queixa á Consellería, ao Valedor do Pobo e ao Defensor do Pobo. En función do que nos digan desta tramitación intentaremos botala abaixo por todos os medio posibles.

Déronvos tempo a presenta as alegacións necesarias?

Déronos quince días. A maneira de presentar o proxecto foi de forma maliciosa por parte da Xunta para que se decatara a menos xente posible e con moi pouca marxe de manobra para que se presenten as menos alegacións posibles.

Ti manifestaches unha posición claramente contraria ás intencións da xunta de inzar os vosos montes de muíños, xustifica a túa postura ante as veciñas e veciños de Ponte Caldelas que lean esta entrevista?

As enerxías renovables son o futuro pero isto temos que facelo con cabeza e con sentido. Se o que se trata e de reducir emisións temos que optar polo autoconsumo. Estes proxectos que son financiados pola Unión Europea, é dicir, polos impostos de todos, teñen que favorecer á xente, aos concellos, para que os veciños destes vexan reducido o seu recibo eléctrico. Parece que aproveitando todo isto estamos apostando polas enerxías renovables para que as empresas que van a montar os eólicos se enriquezan. A idea está moi ben pero o concepto está equivocado tanto por parte da Xunta, coas lexislación que están desenvolvendo para poñerlle unha alfombra vermella a estas empresas, como tamén por parte do Estado e da Unión Europea. Temos que ter menos dependencia enerxética de enerxías contaminantes pero isto non ten que ser a costa de arrasar territorios e de enriquecerse estas empresas.

Ata onde vai chegar o alcalde de Ponte Caldelas na defensa dos intereses dos seus veciños e veciñas?

Declarar este tipo de parques e de infraestruturas de interese estratéxico para Galicia, isto non é así. Imos xudicializar, demandar en primeira estancia e estamos dispostos a chegar á Unión Europea se fai falta. As empresas e a Xunta saben que con Ponte Caldelas van ter un conflito moi grande.


Ernesto Filgueira presidente da comunidade de montes de Viascón e concelleiro do BNG en Cerdedo -Cotobade

Uns monstros de máis de 200 metros de altura ameazan con invadir as nosas vidas. Non pode ser¡¡”

Cantos Muíños, e de que dimensións, ten previsto instalar a Xunta na Terra de Montes?

No concello de Cerdedo-Cotobade hai proxectados catorce parques eólicos. Dous son promovidos polo Estado, e sobre os que a Xunta alegou negativamente. E os outros doce figuran no plan eólico da Xunta de Galicia. Nestes últimos tempos a Xunta foi mudando as leis para adaptalas ás necesidades das empresas, poder aumentar o tamaño dos muíños e favorecerlles esta especulación. Agora queren metelos a 500 metros das casas e cunhas dimensións de algo máis de 200 metros de altura, isto é inviable. A invasión destes monstros no noso territorio non pode ser. Nós creemos nas enerxías verdes pero pedímoslle á Xunta que paralice estes parques e busquen outras alternativas non tan depredadoras.

Todos os concellos da comarca estarían afectados?

Cerdedo- Cotobade, Forcarei, A estrada, Beariz, A lama e Ponte Caldelas.

Cal é a posición do BNG ao respecto e por que?

Tanto eu persoalmente con o BNG como partido estamos totalmente en contra desta invasión de muíños nos montes de toda Galiza. Levamos un ano informando á xente porque a transparencia é moi, moi escasa. Sacaron en plenas vacacións de nadal, no contexto dunha pandemia, o proxecto á exposición pública con só quince días para facer alegacións. Queren que os veciños afectados non nos decatemos do que están facendo sen deixarnos marxe para buscar información e facer alegacións.

Así como o alcalde de Ponte Caldelas ten unha posición moi clara en contra da instalación de eólicos no seu concello, a postura do voso alcalde semella un tanto máis ambigua. En realidade cal pensas que é a súa posición real?

Pois está nin aquí nin alí, sitúase en contra dos eólicos pero non acudiu á manifestación do pasado sábado en Pontevedra porque ía en contra da Xunta. E é a Xunta quen manda o 99% destes proxectos. Por unha banda tira a mensaxe de que está cos veciños pero logo por outra, non se sitúa en contra do seu partido.

Cales serían as consecuencias para A Terra de Montes se o proxecto da Xunta se concretase tal cal o teñen pensado?

Quedaría afectado o valor paisaxístico e medioambiental da zona. Afectaría ás augas dos veciños e veciñas, ao ruído. Queren facer como un macro polígono industrial nos nosos montes e realizar o que lles dá a gana neles. Non van favorecer ao territorio onde os queren implantar nin ás comunidades. Os montes veciñais están en perigo e temos que parar entre todos e todas este despropósito que só sirve para beneficiar os petos destas empresas.


Melisa Terán presidenta da plataforma de defensa do sur da dorsal galega

Queren converter a Galicia en montes industriais que manden a enerxía para Madrid”

Cando e por que nace a plataforma?

A plataforma nace a principios do ano pasado como medio para a defensa do territorio, para atender a temas como as minas, por exemplo. Pero neste momento son os proxectos dos parques eólicos os que ocupan toda a nosa atención.

Cantos muíños e de que dimensións ten proxectado instalar a Xunta na vosa comarca?

Sobre uns 200 muíños duns 200 metros de alto, unha barbaridade.

As comunidades afectadas fostes informadas de maneira adecuada?

Non, a información da que dispoñemos é toda a través das comunidades de montes afectadas. Eu estou en Fornelos de Montes, na parroquia de A Laxe, as empresas contactan coas comunidades de montes e concretamente aquí, a directiva da comunidade de montes de A Laxe non pasa esta información. Está todo moi opaco e con moito secretismo para deixarnos sen marxe de manobra para actuar. Logo por parte da Xunta de Galicia e do concello de aquí de Fornelos non hai intención ningunha de comunicar aos veciños as intencións destes proxectos. O contrario que o concello de Ponte Caldelas que desde alí si están facendo oposición a estes macro proxectos.

Déronvos o tempo necesario para presentar as alegacións pertinentes?

Non, dan só quince días para facer alegación sobre documentos extensos que teñen máis de cen páxinas e pouco tempo de dixerilos.

Que suporía para a vosa comarca que o proxecto da Xunta se concretase tal como eles o teñen deseñado e cales serían as consecuencias para o patrimonio das zonas afectadas?

Sería aniquilar completamente o patrimonio que queda en Fornelos, unha boa parte xa esta afectada polos actuais parques eólicos e se montan estes que teñen proxectados as consecuencias sería terribles. Xa hai varios informes desfavorables para varios parques eólicos. Aquí temos a Serra do Suído, temos un patrimonio arqueolóxico importante, fauna, turbeiras. A Xunta en lugar de protexer este territorio está facendo o contrario. A Serra do Suído ía entrar en zona protexida da Rede Natura e paralizou todo isto para darlle luz verde á proxección deste macro parques. A nosa sociedade estase adaptando ao progreso e claro que estamos a favor das enerxías renovables para loitar contra o cambio climático, pero non a costa de arraxar co territorio. Queren converter a Galicia nuns montes industriais para mandar a enerxía para Madrid e de camiño a Europa. A política da Xunta é facer un informe medioambiental por cada parque, declaralos micro parques e así os informes non lles saen desfavorables, isto non pode ser, nós como plataforma estamos pedindo un informe medioambiental de todos os parques da zona en xeral.

Cal é a sensibilidade maioritaria que percibides na poboación das zonas afectadas?

Eu percibo que a maioría da poboación está en contra destes parques eólicos, pero tamén aprecio que hai moito pesimismo na xente que pensa que non hai nada que facer e que se non os colocan aquí na zona de Fornelos vanos levar para os montes doutras comarca e os cartos quedaran para outros concellos. Aquí está primando a economía por enriba do benestar e do medio ambiente a longo prazo.

Ata onde pensades chegar se a Xunta non atende a razóns e continúa coas súas intencións ?

A coordinadora Eólica así non!, da que formamos parque moitos colectivos de toda Galicia xa estamos falando de chegado o seu momento, xudicializar todos estes proxectos. Está en xogo o futuro dos montes de Galicia e chegaremos ata os tribunais europeos se fai falta.


Sara Montenegro ,voceira da plataforma:”Eólicos no Morrazo Non”

Todo isto non traería nada positivo á veciñanza afectada. Só serviría para enriquecer as empresas que xestionen os parques”

Cando e por que nace a plataforma?

En outubro, nunha reunión da comunidade de montes comunicounos que a empresa ACS quería instalar parques eólicos no Morrazo. A raíz desta reunión un grupo de veciñas da parroquia de Ardán, en Marín, xuntámonos par buscar información e no mes de novembro convocamos unha asemblea con xente de outras plataformas para recadar a maior información posible. A esta asemblea asistiu tanta xente que tivemos que emprazala a outro local con máis capacidade. Adiamos a asemblea e constituímonos como plataforma nese momento.

Cantos muíños e de que dimensións ten proxectado instalar a Xunta no Morrazo?

Nestes intres na área de desenvolvemento do Morrazo non hai ningún proxecto en tramitación, detectamos a intención de levar a cabo estes proxectos moi axiña e xa nos comezamos a mover antes da súa presentación. As empresas implicadas puxéronse en contacto cos propietarios dos terreos para ver que proxectos podían presentar. Desta primeira empresa si sabemos que ten pensado proxectar 12 muíños duns 150 metros aproximadamente.

As comunidades afectadas fostes informadas de maneira adecuada?

A información é moi opaca, o que conseguimos saber e través dos veciños afectados e das comunidades de montes. A eles se lles presentou o comercial de ACS facendo unha oferta económica para a localización dunhas determinadas parcelas. Este representante estivo presente nunha asemblea de Ardán e o que fixo foi mentir sobre o proxecto, afirmou que outras comunidades de montes de O Morrazo xa firmaran un acordo con el, e mesmo que o concello de Bueu estaba de acordo, todo isto era mentira. Nunca presentou aos afectados o proxecto completo, senón partes parciais das fincas afectadas.

A parte desta empresa ACS ,agora apareceu outra chamada Aratel. Esta empresa si que fixo solicitudes de información urbanística sobre algunhas parcelas no concello de Marín e no de Moaña. Esta quere montar dous parques pero como agora a Xunta de Galicia acaba de decretar unha moratoria no rexistro eólico o día 1 de xaneiro, está todo paralizado durante 18 meses. Esta moratoria débese a unha saturación do rexistro porque non dan abasto con tal cantidade de proxectos que queren implantar en toda Galiza.

Nós como plataforma imos a seguir vixiantes para que non se produza ningún movemento por parte das empresas e non inicien ningunha tramitación.

Que suporía para a vosa comarca que o proxecto da Xunta se concretase tal como eles o teñen deseñado e cales serían as consecuencias para o patrimonio das zonas afectadas?

Un parque eólico non só afecta aos propietarios dos terreos onde implantan os muíños, senón que afectan tamén por onde saen ás liñas de evacuación, estás son as liñas de alta tensión por onde se conduce a electricidade, os terreos afectados das areas de exclusión relacionadas tanto aos terreos dos muíños como ás liñas de evacuación, e por último o que se denomina como poligonal do parque eólico, estes son os terreos que rodean ao propio parque que rexistra a empresa como zona de posible ampliación do parque. Para estas poligonais hai que facer un cambio na cualificación do solo, este faise automático. Todo este solo polo que ao propietario ou propietaria non lle van pagar nada, pasa a ser solo rústico de protección de infraestruturas. Isto é unha perda económica para os propietario e unha serie de inconvenientes na maneira de xestionar calquera tramitación urbanística en relación a estes terreos.

Ademais os desmontes para estes proxectos son enormes e as pistas para toda esta maquinaria son tan anchas como a AP9, o monte quedaría esnaquizado. Asemade os acuíferos quedarían afectados e as augas de traídas veciñais, as mámoas de Chans, xacementos arqueolóxicos e todo o que ten que ver cos usos particulares do monte xestionado polas comunidade de montes, serán as empresas as que van decidir os usos que se lle vai poder dar ao monte nesa área poligonal, ata poden chegar a restrinxir todo tipo de actividades nesa zona afectada (sendeirismo, caza, gandería, plantación de arbores, venta de madeira). Os donos destas fincas non poderemos nin decidir cortar leña para abastecer ás nosas caldeiras ou mesmo vendela como fonte de ingresos dalgunhas familias.

Isto só beneficiaría ás empresas e multinacionais privadas que xestionarían estes parques, non sería un ben público e non terían ningún beneficio para os veciños e veciñas.

Cal é a sensibilidade maioritaria que percibides na poboación das zonas afectadas?

A afluencia de xente ás xuntanzas que facemos esta sendo masiva. A necesidade de información e a oposición que hai na comarca é moi clara. Agás o concello do de Marín, todos os demais do Morrazo promulgaron declaracións institucionais e aprobaron mocións encontra da instalación de calquera parque eólico. Mesmo o concello de Marín a través do seu concelleiro de urbanismo fixo unhas declaración en contra dos mesmos.

Ata onde pensades chegar se a Xunta non atende a razóns e continúa coas súas intencións?

A maiores das alegacións pertinentes cando haxa que facelas e a mobilización social para rexeitar estes proxectos, non descartamos a vía xudicial chegando o seu momento.

Para a Xunta de Galicia calquera cumio que pase dos 400 metros é susceptible de albergar un parque eólico ata chegar a invadir o 40% dos montes galegos. E na Ría de Pontevedra, se saen adiante todos este proxectos estaría enmarcada de macro muíños de preto de 200 metros, non podemos deixar que isto ocorra.


Óscar González, presidente da comunidade de montes de Taboexa e concelleiro do BNG en A s Neves

Todas as comunidades de Montes do noso pobo están en contra do parque eólico”

Que zonas do Condado Paradanta estarían afectadas polos parques eólicos proxectados pola Xunta?

No Condado Paradanta están os concellos de Crecente, Arbo e As Neves. Aquí en As Neves afecta ao monte San Nomedio, as parroquias de San Pedro de Batalláns, Taboexa, San Xosé de Ribarteme, Santiago de Ribarteme e Rubiós .

Cales serían as consecuencias patrimoniais para os lugares afectados de chegarse a concretar a instalación de muíños tal como as ten proxectado a Xunta?

O monte San Nomedio está declarado pola xunta como área paisaxística de Galiza. A Xunta investiu diñeiro en facer un observatorio nocturno e un miradoiro, non pode ser que agora no mesmo sitio queiran meter estes mega muíños. Desde o cumio do monte San Nomedio nacen moitos mananciais de auga que abastecen aos veciños, e que tamén quedarían afectados.

Cal é a posición do BNG ao respecto e por que?

A posición do BNG é eólicos si, pero non así. A enerxía eólica é unha enerxía renovable con moitos beneficios pero ten que ser posta en marcha doutro xeito, respectando o medio ambiente, a paisaxe, as Redes Natura, sen poñer proxectos a 500 metros das casas, e con eólicos que superan os 200 metros de altura, así non pode ser.

E que opinión maioritaria da sociedade civil do Condado Paradanta ao respecto dos eólicos percibes ti?

Ao concello de As neves chegounos un informe medioambiental para un proxecto de parque eólico. Desde o concello trasladamos esta información ás comunidades de montes afectadas para que fixeran as alegacións pertinentes e atopamos cunha posición totalmente en contra deste parque eólico. Aquí xa temos un parque que ten uns 20 anos que ten outras condicións, outras dimensión, e está nunha zona moito máis afastada do territorio habitado. Cunhas condicionantes paisaxísticas e ambientais diferentes ás que agora se propoñen.

Ti es concelleiro nas Neves, os concellos fostes informados pola Xunta das súas intencións, de maneira adecuada, e co tempo suficiente para presentar as alegacións pertinentes?

A través dun departamento da consellería de medio ambiente chéganos a través do rexistro unha comunicación de que hai unha empresa que ten previsto a instalación dun parque eólico. Na parte administrativa dentro das normas que rexen agora mesmo é a maneira correcta de facelo, pero isto é unha sucesión de normas que implantou a Xunta coas que o BNG non está de acordo. Sacaron a Lei de fomento de actividades empresarias, á que lle chamamos de depredación, e a lei de simplificación administrativa coa que dan posibilidade ás empresas de expropiar terreos a particulares sen ningún tipo de miramento. A Xunta declara os terreos como de actividade pública e hai que aceptar que expropien os terreos. De momento neste parque eólico chamado Coto dos Lobos, non houbo ningún movemento máis, ningunha autorización previa, nin de momento prazo de alegacións. Non sabemos que pasará no futuro pero aínda non chegamos a ese trámite. Nós como concello e coas comunidades de montes da zona puxémonos a traballar para paralizar todo isto antes de chegar a este punto.

A semana pasada saíu unha sentenza que ditaminou que a Xunta de Galiza está incumprindo unha norma establecendo só quince días para facer alegacións para estas declaracións de autorización de actividade pública nos parques eólicos. Con esta sentenza todas as autorización que se concederon con só quince días de prazo en principio xa non son válidas por incumprimento da lei, a ver como evolucionan as cousas.


Bruno Centelles do Instituto de Estudos Miñoranos

Portavoz do Instituto de Estudos Miñoráns, de SOS-Groba e da Rede Galega STOP Eólicos

A maneira de producir enerxía eólica a gran escala, como teñen deseñado,non é viable. Non existe no planeta o cobre suficiente para producir as bobinas necesarias para estes xigantescos muíños”

Cales serían as zonas do Val Miñor e do Baixo Miño afectadas polos distintos proxectos eólicos?

A Serra da Groba e a Serra do Galiñeiro. Estás son as dúas zonas ameazadas dentro do plan eólico. Nestes intres a máis ameazada é a Serra da Groba con 5 parques e 27 aeroxeradores duns 229 metros de altura.

Que consecuencias patrimoniais terían para as zonas afectadas se se concretan os distintos proxectos tal como están formulados?

No patrimonio natural medioambiental afecta ás augas, á fauna terrestre e aérea, á flora e á paisaxe.

No patrimonio cultural, histórico e arqueolóxico temos documentado que toda a contorna que rodea ao río Miño é un lugar de poboamento humano ininterrompido de máis de 300.000 anos. Temos pegadas humanas desde o paleolítico, neolítico, metais, castrexo, romano e medieval ata a actualidade. Estas dúas zonas para nós son como un museo da nosa historia e todo isto está ameazado por estes mega parques eólicos.

Se falamos de arqueoloxía viva temos na Serra da Groba unha tradición moi antiga que xa aparece rexistrada nos petróglifos. Aquí está a máis grande e importante cabana de cabalos salvaxes, que en realidade non son cabalos senón un cuarto subxénero de équido (equus ferus atlánticus) documentada esta raza por tese de doutoramento de zoólogos eminentes distinguen catro razas entre asnos, cabalos, cebras e estes equus da Groba.

Todo este patrimonio quedaría gravemente afectado e perdería moitísimo valor. No IEM levamos case 25 anos interesándonos polo país no que vivimos, polo noso pequeno territorio e queremos estudar, coñecer e dar á cidadanía datos para que coñezan o seu propio entorno. Todo isto a estes empresarios que queren montar aquí os eólicos parece que non lles interesa.

A veciñanza das localidades afectadas tería algún tipo de beneficio da instalación deses muíños?

Especialistas do Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) acaban de publicar un informe sobre a repercusión económica e na calidade de vida da veciñanza de Muras derivada da implantación de parques eólicos no seu territorio. Este concello tiña instalados en 2019 381 aeroxeradores, conta con 640 persoas censadas no ano 2020 e a repercusión a estas persoas pola instalación destes parques tería que ser enorme, pois o EGA acaba de publicar un libro sobre o seu traballo académico onde di que a repercusión económica para o concello de Muras deste eólicos é desastrosa. Aparentemente e co discurso destas empresa parece que si, pero o tempo e os estudos din totalmente o contrario, beneficio para eles, non para os veciños.

Un mesmo proxecto eólico, á hora de formular a súa tramitación, fragméntase en micro proxectos para simular que son cousas diferentes?, de ser así pon algún exemplo e dános a túa opinión ao respecto das razóns que poderían explicar este modus operandi?

A lexislación sobre isto é moi clara. A media dos aeroxeradores previstos nos proxectos actuais é dunha produción de 5 megavatios. Sumando as potencias dos aeroxeradores instalados, cando o parque eólico non pasa de 50 megavatios, a súa tramitación é na Xunta de Galicia. Cando pasa de 50 hai que tramitalo a través do goberno central. Como queren que sexa tramitado en Galicia porque a lexislación é moito máis fácil e permisiva que Madrid, que a súa tampouco é ningunha marabilla, pois parcelan o parque eólico. Por moito que nos intenten convencer que os queren facer dunha maneira sustentable e pensando no medio ambiente, non tragamos con isto.

No procedemento administrativo é fundamental a declaración de impacto ambiental. Se declaran un parque eólico moi grande a afectación global sobre o territorio é brutal e a declaración de impacto ambiental sería negativa, entón como truco “inventaron” estes microproxectos partíndoos, xa de inicio, en dúas pezas: Unha peza co parque eólico (aeroxeradores, conducións, subestación) e outra peza co proxecto de conexión do parque eólico á Rede Eléctrica Española (REE)para a evacuación da produción.

O segundo chanzo deste procedemento fraudulento consiste en fragmentar un gran proxecto eólico en varios parques eólicos máis pequenos, pretendidamente independentes, cada un deles promovido por unha empresas creadas “ad hoc” cando en realidade detrás de toda esta maraña está sempre a mesma gran empresa (Acciona, no caso da Serra da Groba)

Isto repítese ao longo de toda Galicia e parte de España como Aragón, Cantabria, Castela León, Extremadura e parte de Andalucía.

Agora tamén están facendo a repotenciación dos parques antigos, estes son de 0.5 megavatios e queren convertelos nos de 5. Para facer isto non lles serven as bases de formigón que están feitas nin os aeroxeradores antigos. Para montar máquinas novas máis potentes, teñen que facer novos furados e novas zapatas de formigón para montar estes monstros actuais, tampouco lles serve a rede de cables antiga, están facendo un parque absolutamente novo chamándolle repotenciación e recibindo cartos Next Generation dos fondos europeos. Endesa 14.500 millóns de Euros, por exemplo.

Agora que me falas da repotenciación, recentemente coñecemos unha sentenza xudicial que anulaba a repotenciación do parque eólico de Corme. Valora esa sentenza, e dinos se consideras que pode ter consecuencias para outros parques?

Esta demanda presentouse desde asociacións relacionadas coa Rede Galega STOP Eólicos. A Xunta sacou unha lei no 2017 chamada lei de “fomento de iniciativas empresariais” á que lle chamamos lei de depredación. Logo, o ano pasado, sacou unha de “reactivación económica” peor ca anterior, que reduce os prazos de alegacións a 15 días desde a exposición pública dos proxectos. Isto vai directamente contra a normativa europea, fixemos a demanda alegando que as exposición teñen que ser a 30 días e esta sentenza vennos dando a razón, di que prima a lexislación europea por encima da Xunta e os prazos teñen que ser de 30 días. Tamén fai referencia a que cando se fai exposición pública dun proxecto, hai que aportar o dosier de documentación completo, non por partes que é o que está facendo a Xunta con estes proxectos.

Levo tempo dicindo que levamos anos enfrontándonos a un grupo armado. Non poñen bombas nin pegan tiros pero “atacan” co DOG, BOE, BOP, as Webs oficiais…

Con esta sentenza calquera parque dos que xa foron publicados con 15 días de alegacións, xa se lles ven abaixo o proceso de exposición pública. Terán que volver publicalos completos e con 30 días para seguir adiante con eles.

Cal é a opinión maioritaria da sociedade civil do Val Miñor e do Baixo Miño que percibes ti ao respecto do asunto dos eólicos?

Cando lle contamos todo isto aos veciños e veciñas aos que podemos chegar, a primeira impresión e de sorpresa e incredulidade, pensan que todo isto non pode ser certo, pero cando vai pasando o tempo e seguimos repetindo o mesmo, levamos unhas 70 charlas feitas, e do outro lado, tanto polas empresas como por parte da Xunta non aparece ninguén dicindo que é mentira o que estamos contando a reacción da maioría é dicirlle as empresas que se vaian e que non queren saber dos parques. Todo o traballo que levamos feito vemos que está pagando a pena e que a xente estase a dar conta deste despropósito.

Cando se estaba a debater a moratoria eólica no consello galego de medio ambiente, a conselleira abandonou a xuntanza antes de que rematara, o que impediu concretar nada ao respecto da moratoria. Valóranos a actitude da Conselleira?

Este é o concepto de democracia que ten esta xente, como se vai someter a votación algo que non lle gusta, levántase e marcha e así rematan a reunión.

E posible ao teu xuízo desenvolver enerxías alternativas, como a eólica, de maneira diferente a como o teñen deseñado nesta actual ofensiva eólica?

O primeiro e que ten que primar como finalidade o medio ambiente e o non o negocio.

A maneira de producir enerxía eólica a esta gran escala como pretenden non é viable. Cada eólico leva no seu interior un gran imán (1,5ton) fabricado maioritariamente con “terras raras” que vai “envolto” nunha gran bobina de cobre (4 Ton). Se para facer enerxía renovable e barata tes que facer unha desfeita mineira en algunha parte do mundo para conseguir os materiais necesarios para a fabricación destes imáns isto non pode ser. Para sacar a enerxía eléctrica que producen estes muíños necesitamos unhas bobinas de catro toneladas e media de cobre, non existe na codia terrestre recursos naturais suficientes como o cobre necesario ou as terras raras para este deseño de parques eólicos. O da sustentabilidade que nos queren colar non é certo, igual có dos coches eléctricos, non hai materiais no mundo suficientes para fabricar todas as baterías que sería necesaria para cambiar o parque automobilístico actual para un eléctrico. Non é viable facer a transición da obtención de enerxía eléctrica a través do petróleo cara esta enerxía renovable, hai estudios que o demostran.

A solución pasa por outro modelo económico, por intentar reducir o consumo e ser máis eficientes. As grandes empresas que estaban antes no ladrillo, son os grandes ecoloxistas que queren agora inzar os nosos montes de muíños, facer un negocio inmediato, levar fóra a electricidade e cobrar as subvencións que veñen de Europa, isto é negocio non ecoloxismo nin viabilidade enerxética.