
O pasado 22 de abril o xornal arxentino CLARÍN, publicaba as conclusións dun informe asinado por David Beasley, director do programa de alimentos da ONU, no que afirmaba que na actualidade arredor de 820 millóns de persoas pasan fame cada día, todos e cada un dos días. Asemade, concluía que estamos a piques de entrar nunha situación de pandemia alimentaria na que aproximadamente 300.000 persoas morrerán de fame, cada día, todos e cada un dos días.
Ao longo do camiño vital de cada ser humano en diversas ocasións ímonos cruzar con persoas que sofren situacións inxustas, que lles impiden poder ter unha vida en condicións dignas. De feito, ningún de nós estamos libres de sermos os que as padezamos. Cando nos cruzamos coa dor allea existen diversas actitudes posibles; están as miserables minorías que propician a existencia dun sistema que condena á fame a milóns de seres humanos, están as persoas que miran a outro lado, e están as que deciden organizarse para cooperar de maneira solidaria en que quen padeza de inxustiza poida ver aliviada a súa desgraza. Varanda Viva é unha plataforma de acción social, recen nacida, que xorde coa intención de denunciar as situacións inxustas e de axudar a quen as padece. Dámoslle a máis efusiva benvida, e expresamos a nosa admiración e respecto por todas aquelas mulleres e homes que deciden implicarse en mellorar a vida dos seus semellantes. Elas e eles fan un pouco mellor á humanidade. Nós falamos con Iria, a voceira da plataforma.
“VARANDA VIVA PRETENDE CONFORMAR UNHA REDE DE VOLUNTARIADO DE SOLIDARIEDADE CON QUEN SOFRE, E UNHA REDE DE DENUNCIA DE SITUACIÓNS DE INXUSTIZA E ABUSOS”
De onde es ti, Iria?
Eu son de Arzúa, pero o confinamento estouno facendo en Compostela pois traballo nesa localidade.
A que te dedicas?
Son médica residente.
Que é Varanda Viva?
Unha plataforma social, conformada durante esta crise, que ten dous eixos de traballo. Por unha banda pretendemos conformar unha rede de voluntariado e solidariedade, e asemade que sexa un voceiro para denunciar tanto a ineficacia na xestión como calquera tipo de abuso ou inxustiza.
Non entendo a relación entre o significante e o significado do voso nome, por que Varanda Viva?
Ben , nós temos o costume de que sexa a rúa o punto de interacción social cando se trata de denunciar situacións de inxustiza, pero agora non podemos. Só temos as redes sociais e as varandas para podermos observar o mundo. De aí o noso nome, queremos que, malia que só poida ser, de momento, a través dunha varanda a vontade de analizar a realidade, de denunciar o abuso e de colaborar para axudar a quen o sofre sega sempre viva.
Levades moi pouco tempo de vida, e se cadra é un pouco pronto, pero como valoras de momento estas semanas desde que nacestes?
Estamos, como ti dis, nas nosas primeiras semanas de existencia, e o noso traballo de momento, sobre todo, é dármonos a coñecer, pero si tivemos tempo a detectar que a vontade social de colaborar cos demais, é elevada, e o volume de denuncias de persoas que se senten vítimas de situacións inxustas é elevadíssimo.
Como xurdiu a idea de crear a plataforma?
Naceu dun consenso colectivo , entre as persoas que a promovemos, da necesidade da organización da sociedade civil para podermos afrontar esta arrepiante crise, e calquera outra situación de desigualdade, abuso e inxustiza que exista no presente e que poida existir no futuro, da única maneira eficaz e xusta, que é a cooperación, nunca a competición. Todas e todos somos persoas que traballamos en sectores esenciais; a sanidade, o comercio, empregados de gasolineiras …É dicir os sectores que mantivemos a nosa actividade no estado de alarma.
O voso ámbito de actuación, cal é?
Todo o país galego.
Se algunha lectora ou lector quere colaborar con vós a modo de voluntari@, como ten que facer?
Na nosa web temos un apartado de voluntariado. Alí, se algunha persoa pode ofertar algún material ou servizo, ten a opción de transmitilo. Do mesmo modo se alguén ten necesidade de algo, que por favor que nolo faga saber, e nós tentaremos axudalo.
Varanda Viva nace con vocación de permanencia, ou a vosa intención é cinguirvos ao que dure esta crise sanitaria?
A nosa vontade é irmos máis aló, porque como consecuencia da crise sanitaria vai xurdir unha situación económica estarrecedora, da que só estamos vendo as primeiras manifestacións. E, por outra parte non descarto que haxa tamén problemas no eido das liberdades públicas , alén de intentos de recentralización de competencias autonómicas. O percorrido que teña Varanda Viva pois dependerá da vontade colectiva das persoas que a formamos.