Hoxe imos falar de Luis Pando Rivero. Xuíz durante catro anos de Vilagarcía de Arousa. Home de mentalidade aberta e progresista, que estaba no punto de mira da Falanxe desde o comezo do seu labor como maxistrado por intentar parar as barbaridades que cometían os falanxistas contra os membros da UXT e do PSOE durante a Segunda República. Motivo polo que foi asasinado por fusilamento cando contaba con 40 anos co estalido da Guerra Civil propiciada por Franco no 1936, deixando unha muller viúva e tres fillas orfas
Luis Pando Rivero naceu en Asturias en 1896 no seo dunha familia acomodada. O seu pai, Adolfo Pando Valle, era farmacéutico e primo do fundador do Gaiteiro, Obdulio Fernández Pando. Adolfo tamén foi o último alcalde que tivo Villaviciosa, en Asturias, no século XIX. Os irmáns do rexedor tamén ocuparon cargos importantes, pois José fundou o Colexio de Médicos de España e Jesús foi o primeiro director da Cruz Vermella Española.
Luis tiña 19 irmáns máis, pero dous morreron ao nacer. Destes 18 descendentes de Adolfo Pando, 8 eran homes. Todos estudaron en Santiago de Compostela e relacionáronse con xente ben situada. Luís Pando Rivero foi o único que casou cunha muller de condición humilde coa que tivo tres fillas. Dirixiu a revista Univerdidad en Santiago de Compostela e, ao concluír os seus estudos universitarios, foise a México. Neste país tiña familia por parte do seu pai, alí traballou na Cámara de Comercio española como asesor xurídico e uns catro anos despois regresou cara España. En 1931 afincouse en Vilagarcía, conseguiu unha praza de maxistrado na vila. O seu nomeamento foi mal recibido dende o inicio pola dereita conservadora da vila, mesmo organizaran en 1931 un mitin na súa contra. Daquela Vilagarcía era o foco principal da Falanxe galega. Foi cesado en agosto de 1931, pero volveu ser nomeado xuíz municipal en decembro de 1932, cargo que ocupou durante 4 anos máis. Desde entón Luis estaba “no punto de vista da Falanxe desde o primeiro momento”, e, estalou a Guerra Civil no ano 1936. Foi chamado a cumprir ordes militares, pero presentou a súa dimisión e evitou escaparse. Aguantou un mes ata que o detiveron en decembro de 1936. Foi levado xunto con outros sete veciños arousáns ao campo de concentración da Illa de San Simón e posteriormente fusilado na Caeira un fatídico 4 de decembro cando tiña 40 anos.
A historia familiar reconstruíuna Luís Silva Pando, en outubro de 2017, cando contaba con 70 anos. Este neto do xuíz Luis Pando e fillo dunha destas tres nenas contou, nun acto polo que foi nomeado fillo predilecto da vila pontevedresa de Vilagarcía de Arousa: “montáronlle unha comedia de xuízo” e metérono no penal da illa de San Simón, do que saíu para ser executado. “Tiña tres fillas pequenas ás que a súa nai non podía alimentar e fóronse internas con dúas tías que eran monxas”. O xuíz Pando “deixou moi bo recordo”, pero cada vez que alguén lle mencionaba ante unha das fillas esta remataba cun ataque de ansiedade no hospital. Agora morréronse as tres e os intentos por recoñecer a súa memoria arrefiaron. As “barbaridades” que cometían os partidarios falanxistas contra colectivos como a UXT ou o PSOE eran ben sabidas na vila e “Chegou o xuíz Pando e quixo poñer orde”. Parece ser que era unha persoa querida, respectada e apreciada”.
Con esta iniciativa para a Recuperación da Memoria Histórica de Vilagarcía e do concello da vila intentouse reparar a súa memoria e a da súa familia. Ao acto acudiu o alcalde de Villaviciosa, Alejandro Vega, quen considera importante recoñecer a figura deste veciño e grazas, sobre todo, á ARMH de Vilagarcía. Contaron, ademais, co apoio do xuíz Baltasar Garzón. O recoñecemento pechouse ao poñerlle o seu nome a unha rúa da vila.
Outro fillo, irmán, marido e pai máis asasinado pola barbarie franquista. Tres nenas orfas e unha muller viúva que non foi capaz de dar sustento a súas pequechas por mor dun asasinato que non tiña que ter acontecido. Home que quen o coñeceu descríbeno como un “exemplo de bondade e honestidade” co que acabaron as tropas franquistas na mañá do 4 de decembro de 1936.