Os oficios artesanais: a ourivaría

Ourivería Artes e Oficios A Nova Peneira

G.Figueiredo

Estamos a vivir nun mundo globalizado e industrializado onde todo o que se produce para o noso consumo faise en fábricas e de maneira robotizada para un consumo demasiado elevado para o sustento do noso planeta.

Parece que queda moito tempo atrás onde os produtos que consumían os nosos avós facíanse dunha maneira artesanal cunhas profesións que daban o sustento a moitas familias galegas.

Neste contexto podemos falar de oficios como canteiros, oleiros, ferreiros, palilleiras, fiandeiras, panadeiros, afiadores, carboeiros, arrieiros, campaneiros, telleiros, tecedoras, alabardeiros, redeiras, ourives… É deste fermoso arte do que quero profundar un pouco.

A
Pequena fábrica de soños”

A ourivaría é o traballo artístico realizado con metais preciosos, ou aliaxes deles. Os metais labrados polo artesán son a prata, o ouro, metais preciosos, ou sínteses como o electro.

Co ouro e a prata fabricábanse xa desde a prehistoria,​ utensilios moi variados como vasillas, pezas de adorno, xoias, moedas e estatuas seguindo o estilo, a ornamentación e o gusto propios da época e da nación que os elaboraba, como pode observarse percorrendo as principais civilizacións.

Na súa orixe, as técnicas empregadas no traballo do ouro foron moi sinxelas. O A martelada en frío proporcionaba láminas e fíos que podían adoptar formas diferentes. Posteriormente, pero aínda nunha época temperá, utilizáronse o quentado e a fusión. Os avances técnicos supuxeron unha diversificación das formas. Na península ibérica, a partir do final da idade de bronce documéntanse as pezas compostas e as primeiras aliaxes. En España, parte da continuidade dos traballos de ourivaría está asociada a celebracións de actos relixiosos como a Semana Santa.​

A día de hoxe, a maneira de traballar estes metais mudou moito, Para saber máis deste oficio coa súa orixe nos inicios da nosa civilización, conversamos con Gabri, un xoieiro artesán cun taller na Ramallosa que leva máis de 15 anos dedicándose a esta profesión. O seu lema é “A Pequena fábrica de soños” pois ten claro que o seu oficio é iso, facer realidade os soños das súas clientas e clientes.

Na ourivaría xa non conta só a man do home, senón que se avanzou moitísimo no deseño de maquinaria para poder fabricar xoias, a gran escala e para unha venda masiva de millóns de pezas. Neste sector houbo máis cambios na maneira de traballar na última década, ca nos últimos cen anos. Para poder cubrir a demanda dos clientes da século XXI, estes ourives necesitan traballar máis rápido, mellor e fabricar deseños máis difíciles e complexos. Neste momento entra a nova tecnoloxía, é inviable dedicar unha semana a fabricar unha peza porque o custo sería elevadísimo para o cliente. A esencia da ourivaría é crear, os nosos antepasados facíano a man, non había outra cousa, pero agora, coas novas tecnoloxías, téñense que actualizar para non quedar obsoletos e poder subsistir. Facer investimentos como en gravadoras láser, pulidos mecánicos, informática, estar presentes nas redes sociais e páxina webs, son elementos necesarios para a supervivencia destes pequenos talleres.

A día de hoxe, coa fabricación China, que non tardan máis de quince días en copiar un deseño dunha peza, ou mesmo as fabricas italianas, que fabrican as pezas por millóns para unha venda mundial. Para o xoieiro artesán cun pequeno taller, o seu futuro pasa por dedicarse exclusivamente ao deseño e venda de xoias exclusivas e personalizadas, non pode competir coas grandes industrias e se non consegue facer mercado persoal para este tipo de xoias non poderá subsistir e o peche do seu pequeno negocio será nun futuro máis que próximo.

É unha mágoa que permitamos que a globalización e o consumo masivo deixen no camiño a tanta xente cun pequeno negocio, do que subsiste xunto coa súa familia, para facer un mercado onde só poden competir as grandes empresas con vendas a través de internet onde só se pensa en gañar diñeiro, deixando totalmente excluído o trato íntimo e persoal cos clientes.