O comercio minorista e o Coronavirus

comercio minorista a nova peneira

Un dos fenómenos más terroríficos que poden chegar a sufrir as xentes que traballan no mar, é o que eles chaman “As tres irmás”. Son ondas xigantes que viaxan en grupos de tres, enormes masas de auga que poden aparece de súpeto, incluso nun mar en calma, sen que se teña moi claro aínda cal é a súa orixe, e que poden chegar a medir ata 30 metros de altura. Cando un barco ten a desgraza de cruzarse cunha onda xigante, na súa viaxe, está nun grave perigo, pois é como se batese contra un edificio de 10 pisos de altura, pero cando o valado non é un, senón tres, o perigo de morte é extremo para o navío. Seica das tres irmás ,é a terceira, a onda máis perigosa, e que bate con incontrolada furia asasina contra todo aquel intruso que osa cruzarse no seu camiño. A crise que estamos a vivir , provocada por un virus, que está a amosar a fraxilidade das estruturas socioeconómicas nas que se artella a humanidade, semella que , como as tres irmás, pode golpearnos con enorme violencia ata en tres ocasións. A primeira, estamos a padecela no momento presente; é a violencia sanitaria que xa deixou milleiros de persoas mortas, na máis espantosa das soidades, sen que un último sorriso dun ser querido puidera proporcionarlles o consolo do amor, cando o seu camiño vital persoal remata. A segunda das irmás é a violencia económica que está a comezar a bater xa contra milleiros de persoas das clases traballadoras, autónomas, comerciantes e da pequena empresa en situación de peche forzoso, e que observan angustiadas, como o futuro inmediato é un océano de negra incerteza .E a última , e máis perigosa das irmás, sería a violencia política, a regresión e o recorte de liberdades públicas, que os segmentos máis reaccionarios da sociedade, a modo de hienas, reclaman en forma de gobernos de concentración nacional e disparates varios, e que ten outra preocupante manifestación explícita nos chivatos de balcón. A importantísima restrición de liberdades individuais, que supón o confinamento, sen dúbida necesario para acabar coa pandemia vírica, e que todos debemos cumprir con responsabilidade cívica, non pode ser utilizada para proceder a recortar as nosas liberdades, nin as nosas competencias, cando a emerxencia sanitaria remate. Teño a certeza de que os patriotas de pacotilla, vano tentar, e deberemos de estar moi vixilantes, e confrontalo con enerxía e pedagoxía democrática para evitar que esa estarrecedora terceira irmá chegue a ser unha onda de realidade. Nesta reportaxe imos analizar a segunda das ondas que ameaza seriamente o noso futuro como sociedade, centrándonos nun dos piares básicos da estrutura socioeconómica de Galicia, imos ver en que situación se encontra o pequeno comercio minorista e as súas expectativas de futuro. O traballo resulta de 100 entrevistas a autónom@s, comerciantes e pequen@s empresari@s das comarcas nas que se distribúe A NOVA PENEIRA. A todas as persoas coas que falamos preguntámoslle:

-O tipo de negocio que tiñan

-En que situación se encontraban os seus negocios

-Como valoraban as medidas económicas do goberno do estado

-Se tiñan traballadoras e traballadores ao seu cargo

-Se a resposta anterior fose afirmativa, se solicitaron o ERTE para eles

-Se a resposta anterior fose afirmativa se tiñan constancia de que algún xa cobrara o desemprego

-Se solicitaron o paro de autónomo para eles

-Se a resposta anterior fose afirmativa, se xa tiñan algunha resposta ás súas solicitudes

-Se tiñan medo pola supervivencia do seu negocio

-E cales eran ao seu xuízo as medidas que deberan tomar as administracións para unha adecuada protección do tecido do pequeno empresario e o autónomo

Velaí van as respostas en termos porcentuais:

1-TIPO DE NEGOCIO ENQUISADO

-Empresas de construción ou relacionadas 10%

-Negocios de prensa , lambonadas e repostería creativa 5%

-Negocios de comida para levar 5%

-Tendas de mobles e descanso 10%

-Zapaterías 5%

-Bares, restaurantes, e negocios de hostalaría 25%

-Ximnasios 5%

-Profesionais liberais 5%

-Florerías 10%

-Salóns de peiteado( de persoas e mascotas) 10%

-Talleres 5%

-Tendas de roupa(, lencería, cabaleiro e señora) 5%

2-SITUACIÓN NA QUE ESTÁN OS NEGOCIOS

PECHADO: 80%

ABERTO: 10%

ABERTO SÓ PARA URXENCIAS CONCRETAS:5%

ABERTO EN TELE TRABALLO:5%

3-VALORACIÓN DAS MEDIDAS ECONOMICAS DO GOBERNO

DE MANEIRA POSITIVA:25%

DE MANEIRA NEGATIVA:70%

PREFIREN NON VALORAR:5%

4- TEÑEN TRABALLADORAS/ES AO SEU CARGO

SI:60%

NON:40%

5-QUEN TEÑA EMPREGADOS/AS, SOLICITOU ERTE

SI:66,66%

NON:33,33%

6-QUEN O SOLICITARA TEN CONSTANCIA DE SE OS SEUS EMPREGADOS/AS XA COBRARON PRESTACIÓN( as entrevistas realizáronse entre o 4 e o 5 de abril)

SI:0%

NON:100%

7-SOLICITARON O PARO DE AUTÓNOMO/A

SI:75%

NON:25%

8-QUEN O SOLICITARA OBTIVO RESPOSTA(entrevistas realizadas entre o 4 e o 5 de abril)

SI:0%

NON:100%

9-TEÑEN MEDO POLA SUPERVIVENCIA DO SEU NEGOCIO

SI:80%

NON:20%

10-MEDIDAS QUE ELES CONSIDERAN NECESARIAS PARA ASEGURAR A SUPERVIVENCIA DO TECIDO DE AUTÓNOM@S E DA PEQUENA EMPRESA

Neste caso, a policromía de respostas e elevadísima e sería imposible reflectilas todas .Publicamos aquelas nas que a práctica totalidade de persoas enquisadas coincide:

-Maior claridade e información máis precisa e concreta. Case todos senten desacougo, e non saben nin como, nin cando van recibir, de ser o caso, as axudas prometidas

-Maior axilidade na xestión das axudas. As cotas de autónomo xa pasaron o último día hábil de marzo, os recibos de alugueiro dos locais xa se pagaron, e desde o día 14 de marzo os ingresos da maioría de negocios son 0€

-Adiar impostos

-Exonerar da cota de autónomo os meses que non se traballe

-Axudas directas e inmediatas que posibiliten que exista liquidez, imprescindible para poder traballar, cando se reinicie a actividade

-Os créditos directamente ás empresas sen pasar polo filtro dos bancos