C.L é un veciño da área sanitaria de Vigo de 50 anos de idade, que despois de 9 días hospitalizado logrou superar o coronavirus. Falamos con el para coñecer como foi a súa experiencia.
“OS DÍAS QUE ESTIVEN HOSPITALIZADO, NUNCA PERCIBÍN SENSACIÓN DE COLAPSO, TODO O CONTRARIO.O QUE SI ME LLAMABA A ATENCIÓN ERA QUE MOITOS PROFESIONAIS SANITARIOS TIÑAN EQUIPOS DE PROTECCIÓN INDIVIDUAL COMPRADOS OU FABRICADOS POR ELES MESMOS.NON FORON FORNECIDOS POLA ADMINISTRACIÓN, TIVERON QUE BUSCARSE A VIDA PARA PROTEXERSE”
Cando comezaches a notar síntomas da enfermidade?, e cales foron?
Os primeiros síntomas noteinos na primeira semana do confinamento, se non lembro mal, o xoves , que era o día do pai. E foron moi parecidos aos que provoca unha gripe común. Inicialmente sentín unha sensación de malestar e cansazo intenso. Tiña, como maniotas. Eu pensaba que se trataba dunha consecuencia do esforzo, pois o día anterior estivera a facer ximnasia na casa, coa miña filla.
Ben, ti tes a mesma idade ca min, e xa non imos tendo o corpo para moita ximnasia
Ha ha ha ha ha..O raro era que a sensación de cansazo e malestar era moi forte, non se correspondía coa intensidade do esforzo que realizara.
E tiñas algún síntoma máis?
Si, mareo e dor de cabeza.
Estabas a cumprir o confinamento con rigor?
Absolutamente. O estado de alarma comezou un domingo, e o último día que fixen vida social foi o xoves da semana anterior no que realicei xunto con máis persoas diversas actividades ao aire libre.
Cando notaches os primeiros síntomas que fixeches?
Chamamos ao teléfono habilitado ao respecto, porque a miña parella tamén comezou a sentir síntomas parecidos aos meus, non tan intensos, pero similares.
Tiñas febre?
Moi pouca.
Cal foi o resultado da chamada?
Dixéronnos que a sintomatoloxía non se correspondía coa enfermidade , o que , en principio, indicaba que non a tiñamos.
Como evolucionaron os acontecementos?
Pois pasaron varios días, eu estaba cada vez peor, máis canso e coa sensación de malestar moi intensa, e chegou un momento que comecei a advertir certa dificultade para respirar, chamei o centro de saúde , mandáronme ir por alí e déronme un volante para ir ao hospital.
Ao Cunqueiro, non?
Si, e alí fixéronme as probas.
Percibiches sensación de colapso?
Non, en absoluto, funcionaba con fluidez e dilixencia. A min atendéronme, como moito, nunha hora .Fixéronme todo tipo de análises e placas, e nun principio mandáronme para casa porque non aparecía ningún tipo de problema respiratorio, pero quedei pendente do resultado da proba específica do coronavirus, que tarda una días.
Supoño que te chamarían para comunicarche o resultado?
Si, e xa me dixeron que o tiña, pero que como a sintomatoloxía non era preocupante pois que o pasase na casa.
E na túa casa, empeoraches?
Si, uns días despois comecei a sentirme realmente mal, volvín chamar, fun ao hospital e nas placas que me fixeron xa aparecía un principio de pneumonía, co que tiven que quedar ingresado.
Fuches no teu coche?
Non, fun en ambulancia, por certo decatouse todo o barrio porque chegou ás 20.00h, xusto canto estaba todo o mundo no balcón aplaudindo aos sanitarios…e aos poucos momentos a miña parella comezou a recibir un montón de chamadas preguntando que pasaba.
Ha ha ha ha, ben, iso quere dicir que os teus veciños te aprecian. Cantos días estiveches hospitalizado?
Nove.
Que tipo de medicación te administraron?
Algún tipo de tratamento experimental que seica se utiliza contra a malaria.
De que maneira cho administraban?
Tres ou catro pastillas pola mañá, e outro tanto pola noite, e a verdade deixábache absolutamente esgotado.
Estiveches en planta non?
Si, nunha habitación con outra persoa tamén afectada polo coronavirus. Toda a área na que estiven estaba acoutada para pacientes do covid 19.
O primeiro día que fuches a urxencias dixeches que non percibiches sensación de colapso, e os días que estiveches ingresado?
Tampouco, todo funcionaba con fluidez. O que si me chamaba a atención é que moito persoal tiña equipos de protección individual que se fixeron eles mesmos. Non foron fornecidos pola administración senón que tiveron que buscarse a vida eles mesmos para protexerse.
A atención que recibiches no hospital como a valoras?
Foi moi boa.
Supoño que estarás inmunizado non?
Pois eu tamén supoño que si, pero non creo que ninguén o saiba con certeza se as persoas que xa a pasamos estamos inmunizados, nin, se isto é así, se esta suposta inmunidade é permanente, transitoria e por canto tempo se pode dar. Supoño que, considerando o que pasa con outros virus respiratorios, inmunidade , polo menos momentánea, si haberá, de feito pedíronme permiso para quitarme sangue con obxecto de subministrar plasma a outros enfermos.
Como te encontras na actualidade?
Perfectamente, un tanto abafado de non poder saír de casa, pero fisicamente estou ben.
Agora, unha vez que estás de alta, tes que seguir algún tipo corentena?
28 días máis, na miña casa, illado na niña habitación.