Co gallo de poder acadar unha visión o máis global posible sobre a situación deste deporte , que atinxe a tantos mozos e mozas na nosa bisbarra, pedín a opinión tanto a directivos de diversos equipos modestos, como a familias de xogadores e xogadoras de pouca idade. E a modo de conclusión das miñas conversas podo dicir que a situación do fútbol modesto reflicte, como un espello ao que nos miraramos reflexa a nosa imaxe, o estado da sociedade contemporánea: a salvaxe competencia é unha constante vital. .
Estes equipos de fútbol modesto teñen unha media de 200 nenos e nenas que queren participar no deporte por excelencia de, vou dicir, gran parte do planeta. O fútbol.
Para chamar a atención destes pequenos e pequenas deportistas, os equipos buscan a estes futuros xogadores e xogadoras de fútbol tanto nas redes sociais como nas portas dos coles repartindo folletos e animándoos a asistir a unha xuntanza no campo de adestramento para darlles información e motivalos a participar nos seus proxectos deportivos. Estes contan con categorías por idades desde biberóns, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil e afeccionado e comprenden un rango de idade desde o 4 aos 35 anos aproximadamente. Desde a categoría de benxamín xa teñen que estar federados para poder xogar e competir en Liga. Un deporte que segue estando moi masculinizado a día de hoxe, aínda que si se nota certo progreso, hai como uns cinco equipos de Vigo e a súa contorna que contan con equipos femininos e compiten en Liga Feminina, isto é un avance malia que claramente insuficiente no camiño á igualdade real. O resto dos equipos ata a categoría de cadete son mixtos, onde xogan nenos e nenas e é aquí onde a diferencia entre participación de sexos é notable.
O financiamento destes equipos modestos faise a través das familias que a principios de tempada fan unhas achegas cuxas contías poden variar dependendo do club, estas van desde os 100€ a 500€ ao ano e fanse nunha ou en varias cotas. Tamén ingresan por publicidade privada e por subvencións institucionais. A maiores os clubs adoitan vender Lotería de Nadal ou organizar algún evento deportivo para aumentar as cantidades coas que teñen que sufragar os gastos das fichas dos e das xogadoras, facer fronte aos pagos de árbitros, equipaxes dos equipos e o pequeno mantemento por uso das instalacións deportivas que son de propiedade municipal. As subvencións recibidas son por parte do Concello, da Deputación e da Xunta de Galicia chamadas “subvencións de axudas ao deporte federado”. Só para pagar a metade das licenzas destas 200 persoiñas vanse, nun equipo medio, uns 8000€ . Da outra metade faise cargo a Xunta a través dun programa chamado “Xogade” que paga as fichas desde as categorías de benxamíns ata cadetes. Hai clubs grandes, que teñen catro ou cinco equipos por categoría e isto permítelles ter moitos ingresos para sufragar todos estes gastos e pagar aos equipos de fútbol profesional mantendo un nivel e unha categoría. Os equipos modestos, que son os máis abundantes, hai tempadas que non ingresan as cantidades necesarias e, son os seus directivos os que acaban achegando diñeiro do seu peto, a parte do traballo altruísta que supón formar parte dunha directiva, para que estes equipos non desaparezan. Son estes equipos modestos os máis solidarios tamén coas familias con menos recursos e, mesmo chegan a perdoar total ou parcialmente estas cotas familiares a principio de tempada para que os seus pequenos ou pequenas non deixen de participar e xogar ao seu deporte favorito. Isto adóitano facer maioritariamente todos os equipos da comarca.
A parte negativa dos tempos que corren no deporte, creo que podo asegurar que, en todos eles, pero no fútbol é no que máis o vexo por ser o que máis volume de participantes ten, é a perda de valores que son substituídos por unha visión comercial da práctica deportiva. O que outrora se facía de maneira altruísta, tanto equipo directivo, equipo técnico e deportistas, estamos nuns tempos que isto se revirou e agora só se fai por diñeiro. Menos os directivos todos cobran, adestradores e adestradoras ou os propios xogadores que a partir dos doce anos xa se empeza a comerciar con eles, teñen representantes e cobran por iso coma si se tratase de xogadores ou xogadoras adultas de fútbol profesional. Xa non hai ese sentimento de equipo como antes, nin compañeirismo tampouco, senón que movemos a estes pequenos dun equipo a outro segundo conveña por interese de diñeiro e nome. Estamos nuns tempos que todos teñen que chegar a ser como Cristiano Ronaldo ou Mesi, temos que ser sempre os mellores, sen pensar no fracaso que poden sentir estes pequenos e pequenas cando vexan que non chegan a ser tan ricos, mediáticos ou internacionais como eles. Mercadeo que empezan xa polas propias Federacións que parece que só están para ingresar diñeiro coas súas regras. Calquera persoa que se sente nun banco ten que estar federada e iso non é necesario. Estas fichas destas persoas custan un diñeiro que vai directamente á federación. Estamos nun punto que todo se move a través do diñeiro e do recoñecemento, deixando polo camiño eses valores de compañeirismo, amizade, agarimo ao equipo onde empezaches a practicar o teu deporte favorito e a práctica do deporte san e cuns valores. O que eu vexo agora é todo o contrario, adéstrase a estes nenos e nenas para competir e non para compartir. Por isto é polo que facía mención ao principio deste artigo, estamos nun momento da sociedade na que competimos e non compartimos.