Ánxela Fernández, alcaldesa de O Rosal

Ángela Fernández

A alcaldesa do BNG revalidou vitoria no concello de O Rosal e repetirá catro anos máis ao fronte do consistorio desta localidade do Baixo Miño. Nesta ocasión perde a maioría absoluta que si obtivera nas eleccións do 2019 aínda que de forma moi axustada. Non hai nada, pero absolutamente nada , que poida ofrecer o PP que poida mellorar o proxecto dun Rosal humano, sostible, accesible , solidario, culto e ecolóxico que desenvolveu o BNG no mandato anterior e que seguirá desenvolvendo no presente, desta volta coa colaboración do PSOE, baixo o liderado dunha muller brillante, a alcaldesa Ánxela Fernández Callis. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Seguiremos desenvolvendo as liñas mestras da nosa política: Sostibilidade, conexión entre os distintos núcleos do noso concello, cultura e lecer”

Malia que repites como alcaldesa os resultados non foron tan bos como no 2019: perdestes a maioría absoluta e fostes superados polo PP que pasou a ser a forza máis votada. Cal é ao teu xuízo o motivo que explica ese retroceso?

Ben, non se pode entender o resultado do 2023 sen ter en conta a realidade do 2019. Hai catro anos nós obtivemos a maioría absoluta por tan só 17 votos. E o salto do 15 ao 19 fora enorme pois pasamos de ter 3 a ter 7 actas. É dicir a nosa maioría absoluta do ano 19 fora terriblemente axustada. E por outra parte na nosa comarca deuse unha dinámica xeral de suba do PP, foi así en todos os concellos da comarca con excepción de Oia no que mantiveron resultados, e que probablemente obedece a dinámicas da pospandemia. O noso é un concello pequeno e moi poucos votos marcan as maiorías. O PP entre o 19 e o 23 só subiu 108 votos e temos que valorar que no 19 presentárase C,S que quitara 125.

A realidade é que o teu primeiro mandato como alcaldesa foi condicionado pola pandemia

Pois si, igual que todo o mundo que quede claro, pero o certo é que o fito histórico de que o nacionalismo galego accedera por primeira vez a ao goberno do noso concello estivo marcado por ese terrible episodio que fixo que durante dous anos a xestión estivese en gran medida dirixida a resistir os efectos da pandemia.

En relación ao resultado electoral hai unha opinión espallada na sociedade do Rosal, polo menos a min me chegou de moitas fontes diferentes, sobre que o PP fixo nos momentos previos ás eleccións unha política brutal de captación de votos case casa por casa, e vós non fixestes nada parecido. Que percepción tes ao respecto?

Pode ser que sexa así, si, pode ser que o PP fixera esa campaña que dis e que responda a dinámicas do seu partido. Nós non imos casa por casa, paréceme algo invasivo e en certo modo coercitivo da liberdade individual, pero si fomos a todos os barrios do Rosal coa honestidade do traballo feito resultante do proxecto co que nos presentamos hai catro anos. Eles foron casa por casa e sei que foron prometendo cousas de todo tipo. En calquera caso asumo que temos que aprender a facer mellor as campañas electorais: sen invadir a liberdade de ninguén e por suposto sen mentir, pero temos que mellorar nese campo.

Cales son os principais eixos de traballo cos que defenderías a xestión do voso goberno no mandato 19-23?

– Iniciamos un camiño de transformación en termos de sostibilidade que queda totalmente acreditado coa mellora do espazo público.

– Desenvolvemos unha firme aposta pola educación de proximidade e a eficiencia enerxética.

-Creamos novos espazos e sendas seguras.

-Fixemos actuacións firmes e decididas no eido medioambiental .

-As melloras no universo da cultura e das actividades para o lecer son máis que evidentes.

Nunha entrevista que tiveramos cando aínda non eras alcaldesa dixérasme que unha das túas teimas era levar a cultura e o lecer a todos os currunchos do concello. Cres que o conseguistes?

Con todo a humildade creo que podo dicir que si. Aproveito para agradecer a inestimable colaboración do tecido asociativo en xeral e da agrupación musical en particular. Estou particularmente orgullosa do programa “ Rosal Cámara Fest” e agora todos os barrios gozan de actividade cultural.

Sobre a transformación da praza do Calvario a valoración final cal é?

Este verán acreditouse sen ningún tipo de dúbida o balance positivo desta importante actuación. E dígoo de maneira obxectiva salientando a cantidade de actividades que se fan e a cantidade de veciños e veciñas que a gozan , moi superiores ao que había antes.

Como valoras a experiencia do co goberno co PSOE?

Valóroa de maneira moi positiva. Somos un único goberno forte e unido. As áreas que leva o compañeiro Jose Carlos do PSOE, deporte turismo e educación , están moi ben xestionadas e hai absoluta lealdade e confianza recíproca.

Tes constancia de que antes da investidura o PP intentou convencer por todos os medios a Jose Carlos Martínez, o concelleiro do PSOE, para obter o seu voto?

Non teño probas pero a min tamén me chegou esa información referente a que o PP tratou de captar o voto deste concelleiro. Nós o que fixemos foi un acordo político baseado nun programa de goberno. Agora mesmo estamos unidos nun proxecto pioneiro de enerxía sostible.

En que se concreta iso?

Fomos un dos poucos concellos en obter unha subvención europea para a creación dunha oficina de transformación comunitaria . O obxectivo é camiñar a un novo escenario de sostibilidade ambiental das comunidades enerxéticas.

E neste novo mandato cales son os proxectos máis significativos?

– Vamos seguir insistindo nas nosas liñas mestras de traballo: sostibilidade,desenvolvemento das comunidades enerxéticas, cultura e lecer. A este respecto neste mandato temos o gran reto de crear novas áreas de lecer en todos os barrios do Rosal aproveitando a nosa marabillosa paisaxe e por suposto seguiremos levando a cultura a todos os currunchos do noso concello. Queremos darlle un impulso importante ao “Rosal Cámara Fest”porque ten potencialidade para se converter nun referente importante a nivel galego.

-O noso é un concello marabilloso que ten enormes atractivos e que nós queremos potenciar en toda a súa dimensión .Nese sentido trataremos de darlle unha dimensión moi importante ás rutas de sendeirismo espectaculares que temos, pensando tamén nun sendeirismo inclusivo.

-Imos intentar crear no núcleo urbano un grande espazo verde

-Temos dous proxectos importantes a desenvolver: Un coa Deputación que é a estrada que conecta o centro coa que vai de Pancenteo a Fornelos e outro é coa Xunta que consiste en conseguir a continuación da senda de Marzán ata Fornelos. Ambos inseridos no noso gran sono que é o reto que denominamos :” Conectando O Rosal”

-Outra cuestión relevante é aumentar a participación veciñal. O concello é de todas as persoas que aquí vivimos e todas as opinións son importantes, porque non hai unha soa persoa que non queira un concello mellor.

Que pasos se están a dar para aumentar a participación veciñal?

Tratamos de ir a todos os barrios e tratamos de interesarnos por coñecer as opinións de todos.

Como valoras o resultado da estrada Eiras-Goián?

Está aínda en execución as segunda fase que se prever no primeiro trimestre do ano que ven. Pero entendo que é un importante exemplo da nosa aposta pola mobilidade sostible accesible e segura que mellora os diferentes núcleos que conecta.

Notaches algún cambio nas relacións coa DEPO desde que mudou a administración provincial?

De momento non tivemos ningún contacto oficial. Estamos convocados a unha próxima xuntanza na que se nos vai explicar como vai ser o reparto de fondos esta entrevista fixémola o día 13 de outubro e a devandita reunión estaba convocada para o luns 16- Agardo que siga respondendo a criterios obxectivos como coa administración anterior.