Transformar nós o presente, decidir nós o noso futuro

Marta Gómez Secretaria Xeral de Galiza Nova
Marta Gómez Secretaria Xeral de Galiza Nova

De que falamos cando falamos de soberanía nacional? Se nos imos á definición estrita do termo, por soberanía nacional enténdese o principio xurídico e político que establece que unha nación ten o dereito exclusivo de tomar decisións sobre o seu propio destino e de gobernar o seu territorio. É dicir, que as galegas e os galegos poidamos decidir por e para nós sobre as cuestións que nos afectan económica, social e territorialmente.

Parece unha obviedade, verdade? Pois non é así. A situación de dependencia política e económica que vive o noso país, a mesma que imposibilita unha economía autocentrada que favoreza o desenvolvemento dos sectores estratéxicos para a nosa economía, fai que as decisións que afectan a Galiza se tomen maiormente a 600 quilómetros de onde nós vivimos e que, as que se poderían tomar aquí, non se tomen pensando no beneficio da sociedade galega.

A realidade é tan curiosa como preocupante. A rede ferroviaria galega? Xestiónase en Madrid. A autopista con maior número de usuarios da Galiza? Xestiónase en Madrid. As competencias do noso litoral? Xestiónanse en Madrid, que non ten mar. A enerxía que producen os nosos montes? Xestiónase en Madrid. Todo nun contexto onde o goberno chamado “máis progresista da historia” incumpriu boa parte dos seus compromisos tanto co país como en materia de políticas sociais e avances democráticos. Todo nun contexto onde o Partido Popular leva 14 anos no goberno da Xunta sen conseguir nin unha soa competencia para Galiza, sen tomar ningunha decisión que mellore a vida das galegas e dos galegos.

E cal é a razón de que sexa en Madrid onde se toman as decisións en función de intereses alleos ao noso pobo? Que motivación ten o goberno da Xunta para desmantelar os nosos servizos públicos en favor das empresas privadas? Manter os poderes económicos e políticos ao servizo da oligarquía española, manter un control férreo, desde o centro, de toda actividade económica, perpetuando o espolio dos nosos recursos e, en consecuencia, a perda da tan necesaria soberanía nacional.

A día de hoxe debemos loitar por transformar o noso presente para decidir nós sobre o noso futuro. Somos conscientes de que para acadar esa soberanía nacional é necesario rachar coa dependencia co Estado español, sendo conscientes de que neste camiño é máis que necesario avanzar na consecución de dereitos para o pobo galego tanto nas institucións como nas rúas, reclamando en todos os ámbitos a plena capacidade de Galiza para decidir por si mesma.

Somos conscientes de que precisamos ter poder nas institucións que non so nos permita avanzar no recoñecemento dos dereitos de Galiza como nación, senón tamén para obrigar a cumprilos. Poder para defender todos os problemas que afectan ao noso pobo e para poñer sobre a mesa solucións valentes que estean en favor das maiorías sociais.

Mais para avanzar na consecución de dereitos, para rachar coa dependencia co Estado español, é vital contar cun pobo organizado, que sexa consciente da súa realidade e que poña toda a súa vontade en poñerlle solución. É innegable que o nacionalismo galego leva décadas organizándose e mobilizándose, gañando peso en todos os espazos, para garantir o dereito das galegas e dos galegos a vivir con dignidade na nosa terra e é innegable o papel da mocidade en todos estes ámbitos.

Unha mocidade activa, autoorganizada no nacionalismo galego, é indispensable para dar unha resposta áxil e contundente que evite que as clases populares sigan sufrindo as consecuencias dun sistema capitalista caduco e anticuado. Ese é o noso papel, ese é o noso reclamo: organizar á mocidade galega para mobilizar, mobilizar para loitar e loitar para gañar aquelo que tanto ansiamos, a liberación nacional do noso país.