Hoxe imos falar e homenaxear a Carlos Reino Caamaño, médico da beneficencia de Verín e o último alcalde republicano da vila, irmán pequeno do avogado e político das cortes españolas na Segunda República José Reino Caamaño. Un home valente, defensor da democracia e dos dereitos das persoas, apresado e fusilado polos falanxistas no ano 1937.
Carlos Reino Caamaño naceu na Coruña en 1889 e morreu en Ourense en 1937 cando contaba con 47 anos.
Carlos estudiou medicina e licenciouse en Santiago en 1923. Exerceu como médico titular e Inspector Municipal de Sanidade en Cartelle e Celanova, Ourense, e en Poio, Pontevedra. A última parte da súa vida xa exerceu na zona da comarca de Monterrey. Primeiro en Oimbra e desde 1934 foi nomeado médico da Beneficencia municipal de Verín.
Caamaño estaba casado e tivo cinco fillos, era membro de Esquerda Republicana e nas eleccións de febreiro de 1936 liderou o grupo de Esquerda Republicana, na lista da Fronte Popular, obtendo a alcaldía de Verín. Segundo investigadores, é máis que probable a intervención do líder da Fronte Popular, Fructuoso Manrique, para “enrolar” ao médico Reino Caamaño nas súas filas políticas e tratar de contrarrestar a forza que facían os dous poderosos políticos da dereita da zona: Luís Espada e o seu discípulo, Laureano Peláez. Caamaño foi elixido o alcalde de Verín pola Fronte Popular aínda que pouco estivo no seu cargo, o 18 de xullo de 1936 estala a Guerra Civil española propiciada por Franco e os falanxista e aos políticos republicanos asediáronos e perseguíronos ata apresalos ou asasinalos, converténdose así Caamaño no último alcalde republicano de Verín.
Segundo contan veciños do lugar, o día 20 de Xullo de 1936, ante as noticias da sublevación do Exército, parte da Corporación do Concello de Verín, co seu Alcalde á cabeza, así como diversos traballadores, industriais e veciños da vila constituíron unha milicia popular para a defensa da república no Concello, co obxecto de impedir o éxito do golpe de estado neste concello e comarca e para protexer a persoas e bens, de todo tipo de ideoloxías, dos feitos incontrolados que poderían derivar da rebelión militar; xusto o contrario do que aconteceu, a partir do 22 de Xullo de 1936, data na que o Exército tomou o poderen Verín apresando aos milicianos que o defendían.
Esta corporación republicana estaba formada por cinco valentes que eran alcalde e tenente de alcalde de Verín, o editor do xornal “ El Nuevo Támega de Verín”, e dous edís do concello:
- Carlos Reino Caamanho, alcalde e médico da Beneficencia da vila de 47 anos.
- Juan Antonio Álvarez Diéguez, tenente de alcalde de 33 anos. Natural e veciño de Verín.
- Ernesto Ramos Méndez, alcumado o “Caravel”, concelleiro de 39 anos e carpinteiro de profesión. Natural e veciño de Verín.
- Lino García Vázquez, de 70 anos. Natural e veciño de Verín. Industrial, editor do xornal “El Nuevo Támega de Verín” e Presidente do Sindicato de Oficios Varios de Verín.
- Sixto Salgado Farinhas de 29 anos, carpinteiro. Natural e veciño de Verín, de Pazos.
Os que aínda puideron dar testemuña do acontecido na vila naqueles días contaron a nobre actuación do seu alcalde, nas primeiras horas do golpe, protexendo aos Irmáns do Colexio de La Salle de Verín fronte a persoas armadas que trataban de agredirlles como represalia pola rebelión dos militares e falanxistas, e nun momento no que a vila capital da comarca de Monterrei non fora aínda tomada polos sublevados golpistas. Ao día seguinte é detido polos corpos de carabineiros e Garda Civil da zona xunto cos outros milicianos. Despois de estar presos case un ano, foron sometidos a un Consello de Guerra e condenados á morte. Os cinco foron fusilado en Ourense na amencida do día 17 de xuño de 1937.
Todos os bens de Carlos como mobles, libros, material clínico-cirúrxico e unha “foto pequena de Cajal” foron requisados en xaneiro de 1937 por orde do Xulgado Militar de Ourense deixando á súa familia nunha situación de ruína económica. Todos os bens do médico foron poxados nos primeiros anos corenta, aínda que a familia preiteou para recuperalos, conseguindo que lles devolveran parte deles en 1944.
O médico Reino Caamaño era o irmán pequeno de José Reino Caamaño, deputado do Partido Republicano Conservador na Segunda República. Ambos moi ligados ás poderosas e ilustres familias Caamaño e Fabeiro, da vila de Negreira e do Pazo de Cotón. José Reino Caamaño nado en 1882 e finado en 1964 tivo unha moi soada actuación no consello de guerra celebrado en Santiago o 19 de novembro de 1936 contra os doce membros do comité de folga revolucionaria da Fronte Popular de Santiago, aos que defendeu con valentía. Foi multado pola súa actuación e tivo que estar escondido durante algún tempo.
Este cinco homes foron homenaxeados na súa vila natal e, puxeron un monólito, un Lugar de Memoria, que lembra en Verín aos fusilados o 17 de xuño de 1937.
Outras cinco familias máis nesgadas pola barbarie franquista, cinco persoas asasinadas por defender os dereitos duns veciños e dun concello capitaneado por un republicano elixido democraticamente nas urnas.