Iniciamos esta xeira de reportaxes na que conversaremos con galegas e galegos que viven ou viviron en moitas zonas do mundo para que nos axuden a coñecer mellor outras realidades diferentes á nosa. Comezamos a nosa viaxe falando coa nosa amiga, durante un tempo brillante articulista de A Nova Peneira, Alma López.
Alma López na China.
“ A comida chinesa é moi diferente á que podemos atopar en calquera restaurante chinés de por aquí”
Natural de de Queimadelos, entidade local menor do concello de Mondariz e na actualidade a parroquia máis pequena do concello con menos de 100 habitantes. Alma é graduada en xornalismo. Fixo a carreira en Madrid e o seu espírito aventureiro e a súa inmensa curiosidade por aprender levárona a visitar distintos lugares do mundo. Estivo por exemplo en Alemaña ou nos países Baixos ata que os camiños da vida conducírona a residir 11 anos na capital da China, entre o 2008 e o 2019, exercendo o seu oficio de xornalista no país asiático. Agora de volta en Galicia gáñase a vida como profesora de chinés na escola oficial de idiomas da cidade de Lugo.
Por que decidiches estudar xornalismo?
Sempre me gustou escribir pero a miña vocación non era moi clara pois eran varios os campos que me resultaban moi atractivos. Se cadra a idea romántica do xornalismo como un servizo público que tivera unha función social, contar historias que puideran axudar a mellorar a vida dos demais.
Ben, supoño que o teu carácter aventureiro tamén influíu?
Penso que si. De feito os meus primeiros referentes, estouche a falar dos meus anos de adolescencia, eran os correspondentes de guerra.
Antes de ir a China estiveches en varios sitios , verdade?
Si, ao longo da carreira fixen prácticas e cursos en Alemaña nos Países Baixos e en Londres.
Deféndeste en alemán?
Xa perdín bastante pero algo aínda si.
En España fixeches prácticas nalgún medio?
Si, en TVE e en ABC.
E como chegaches á China?
Estamos falando dos primeiros meses do 2088.Aínda non había signos da crise tan importante que comezou nese ano pero no sector do xornalismo xa existía bastante precariedade. Eu naquel momento estaba co currículo no bolso permanentemente.
Ha ha ha. Supoño que será unha metáfora?
Non, é literal. Total e absolutamente literal. E en Madrid na casa de América a casualidade fixo que me sentara a carón dun xornalista da axencia EFE. E eu sen coñecelo de nada e con todo o “morro” pois deille o meu CV e pedinlle que o levara á súa empresa.
Vaia. E chamáronte?
Pois si. Pasados uns días chamoume un editor da axencia EFE que viu o meu CV e lle chamou a atención a experiencia internacional.
Que che ofreceu?
Ir a China a traballar nunha axencia de noticias. Quedamos un día para coñecernos, explicoume as condicións e alí me fun cun contrato dun ano.
En que cidade estiveches?
En Pequín. Sempre estiven nesa cidade.
Falabas algo de chinés?
Non, en aquel momento non. Pero a min sempre me interesaran as linguas. De feito alén do inglés e do alemán tamén tiña algún estudo de árabe. A min sempre me atraeron as culturas exóticas. Acabei en China como puiden rematar en calquera outro sitio.
Chegas a Pequín no 2008, sen falar nin palabra de chinés, unha cidade de varios millóns de habitantes completamente descoñecida para ti. Como foi todo ao principio?
Eu chego en abril do 2008 e ese mesmo verán a cidade celebraba os xogos olímpicos. Naquel momento todo estaba dominado por aquel evento. Polas redes sociais puiden conseguir unha habitación nun piso compartido con outros dous rapaces españois.
Coñecías de algo a eses dous mozos?
Non, de nada.
Caramba fuches un pouco ousada?
Pois si, pensándoo agora si que o fun. Pero naquel momento non eras consciente.
Comezaches xa a aprender chinés?
Si, desde o primeiro momento fun a unha academia. Logo collín un profesor particular e fun progresando aos poucos.
Estaba ben pagado o traballo?
Si, incluso permitía aforrar. Tamén é certo que naquel momento o nivel de vida era bastante máis barato. As condicións laborais dos estranxeiros eran semellantes ás dos países de orixe. Tiñamos un mes de vacacións por contrato e un billete de ida e volta para visitar o noso país.
Canto dura o voo directo Pequín Madrid?
Dura moito. Entre 12 e 13 horas. A verdade é que é bastante canso, pero acabas por afacerte.
Como é a comida?
É totalmente diferente do que podemos atopar en calquera restaurante chinés de Galicia.
Ah si.?
Si. Pero tamén é certo que China tamén é moi grande e depende da zona na que esteas haberá pratos diferentes. Porén maioritariamente predominan os sabores picantes e incluso moi picantes. Por exemplo o “ rollito de primavera”, que se cadra é o prato máis característico dos restaurantes chineses da nosa contorna. alí non o encontras en ningún sitio.
Hai algo nas comidas que che chamara especialmente a atención?
Si, os almorzos. Naquel momento era imposible atopar un sitio para tomar un café. Eles almorzan totalmente salgado:sopas, arroz…
A que horas son as súas comidas?
Sobre as 7/8 da mañá o almorzo, sobre as 12:00 a comida e arredor das 19:30 a cea. Os choques culturais dos españois alí eran moi intensos. Se quedabas con alguén para cear a partir das 20:30 non era posible.
Sentícheste sempre ben tratada?
Si, sempre.
China é país inmenso no que conviven distintas nacionalidades. Tes constancia dalgún tipo de problema interno ao respecto?
A China é un territorio moi diverso. Aínda que máis do 90% da poboación sexa de etnia han, hai recoñecidas 55 minorías étnicas. A pesar dese recoñecemento oficial de nacionalidades, a situación do Estado chinés non se pode comparar á do Estado español. As manifestacións identitarias que van máis aló do folclórico están reprimidas, xa que se consideran un perigo para a unidade nacional. Nas rexións autónomas do Tíbet e de Xinjiang, no extremo occidental da China, son as que máis resistencia e conflito teñen neste sentido. Neses territorios teñen máis consciencia identitaria, crenzas diferenciadas, episodios históricos de relativa independencia que permiten articular un discurso colonial.
Hai algunha zona en concreto na que o conflito sexa máis intenso?
Se cadra cos tibetanos e cos uigures.
Estes últimos son musulmáns, verdade?
Si, son un pobo que ten unha lingua propia que está relacionada co grupo de linguas túrquicas.
Poden falala con liberdade ou están reprimidos?
Nunca estiven pero teño a sensación de que o nivel de represión é cada vez máis elevado.
Sobre a cuestión de Taiwan que nos podes dicir?
Na retórica política, esta é unha cuestión fundamental. Considérase a Taiwan unha illa rebelde que forma parte da China e a reunificación é un obxectivo sempre presente. As relacións, con todo, non son tan malas. A nivel económico e empresarial existen moitos vínculos que a ningunha das partes lle convén romper cunha guerra.Non desboto que pase algo parecido ao que aconteceu con Hong Kong e a vaian gañando aos poucos.
Os habitantes de Taiwan son da etnia han?
Si, a maioría si.
E falan o chinés estándar?
Teñen unha variedade lingüística particular algo máis conservadora que o estándar sobre todo no que se refire á lingua escrita.
A seguridade xurídica para unha persoa estranxeira que vai vivir a China como é?
Nese aspecto hai un nivel de inseguridade moi elevado.
A sanidade como é?
En xeral se vas a un hospital tes que pagar por todo. Incluso unha taxa por entrar .Cando aparecen enfermidades que precisan tratamentos de longa duración para moitas familias ao drama da enfermidade haille que engadir o da catástrofe económica que ven como consecuencia da enfermidade. Alí lévase moito o de pedir cartos a familiares e amigos porque a política social é moi mellorable. De feito desde hai uns anos os líderes chineses formulan sempre o obxectivo de mellorar nese terreo.
Hai pobreza extrema?
Nos últimos anos eliminouse a pobreza extrema, pero aínda se manteñen desigualdades sociais e territoriais. As provincias máis do interior tamén están moi afectadas polo cambio climático.
Os chineses son relixiosos?
Si, pero nun sentido diferente ao de aquí. Alí conflúen varias relixións que máis se poderían cualificar como sistemas de pensamento. Son: o Budismo( se cadra a máis estruturada como relixión), o Taoismo e o Confuncianismo. A xente , en liñas xerais, máis que relixiosa é supersticiosa. Tamén hai comunidades cristiás e musulmás pero o país é oficialmente ateo.
A situación das mulleres é mellor ou peor que aquí?
Está peor. Calquera reclamación feminista é reprimida. Hai violencia contra a muller, si, por suposto que si.
A moral?
É moi diversa, depende da persoa e do contexto. Pero alí as aparencias importan moito máis que aquí.
Ti xa tes a vida feita aquí, es profesora de chinés, pero volverás a China?
Si, claro que volverei. De feito quero conservar os meus vínculos con China. Este ano estou comezando ou doutoramento na Universidade de Vigo centrado no estudo dos medios de comunicación de China. Tamén teño pensado volver cada certo tempo.
Moitas grazas Alma. Encantoume conversar contigo de novo.